Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 10

Páxina Seguinte

Epílogo

ORFOS DE VIVOS


Nun curruncho do patio do Colexio.
Ollos grandes, calados,
dianas do silencio,
miradoiros de brétema e saudades.


Hoxe falamos
de fillos e de pais durante a clase
denantes do recreo.
Esvara nos seus ollos (¡tan calados!
¡tan grandes!)
un anaco infinito de misterio.


-"Pais é cariño
que che quenta a cariña en noites crúas,
que estrelece con pompas de alegría
os crepúsculos máxicos,
é boas noites, a soñar cos anxos,
contos e cantos
cando zoan as árbores do eido,
niño, órbita, espello,
profesor, sacerdote, amigo, médico".


Transitan polo patio
andoriñas e rachas de misterio.
Esvaran na mirada de alabastro
anainas dos avós, solpores de silencio
(ollos grandes, calados)
nun curruncho do patio do Colexio.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega