Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 11

Páxina Seguinte

Epílogo

TEMPO SACRO


É o recreo.
Son os cativos os emperadores
deste anaco esencial do cosmos máxico
trazando labirintos de herba que os conducen
pola gran ludoteca da vida manancial.


Cabalgando teimudos en alados corceis
perseguen polo aire as pompas de ilusión
ou esa esfera lábil
que convoca vontades na mesma dirección.


Liberan arañeiras que van acumulando
no exercicio discente
e ventilan a mente como a ama de casa
espalla co plumeiro
sobre os mobles o día candeal
que entra rebuldeiro pola aberta ventá.


E cando o timbre rompe
co seu balbordo a maxia do recreo
como un soño de vidro que cae esnaquizado,
volverán aniñar arañas no cerebro
a teceren a rede do futuro.


Gústame ver os nenos entrando no recreo
co seu séquito azul de bolboretas brancas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega