Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 9

Páxina Seguinte

Epílogo

CUN SORRISO


Cun sorriso de axóuxere recíbeme contento,
cunha explosión nos ollos de gozo manancial.


Enarbora un papel na man dereita,
agasallo de artista, tenro e cálido,
que conservo algúns días
tan só, porque os que temos as fotos amarelas
o valor ignoramos, infinito e eterno,
dun minuto de alma nimbada de inocencia.


Parece que se sabe crisálida de cores
porque o futuro é seu,
pero pode escribir
os versos namorados de Mendiño, inmorrentes,
(¡escoitade nos átomos vibradores do aire!)
porque ten un amor
que xa non vén á ermida do seu cosmos vital.
¿Sufrirá? ¿Sufrirá?
tan dondo corazón inda que sexa un intre?


Parece que se sabe bolboreta de luz
a libar alboradas,
pero pode escribir os versos de Espronceda
porque ten unha casa que navega sen rumbo
onde manda o temido
a quen oe a miúdo pedir a voces viño.


Parece que se sabe remuíño de vento
que arrastra a neboeira do futuro.
Pero pode escribir
o poema pedral de Celso Emilio
pois ten un perpiaño deitado no camiño
en cada punto cardinal.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega