Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 12

Páxina Seguinte

Epílogo

PODEMOS MELLORAR


Mírame por un intre con ollos de veludo,
atónitos, incrédulos,
porque sabe que hai algo no aire desta aula
que pousa nas cabezas dos outros compañeiros
pero foxe da súa. Ten un veo
de gasa no cerebro
que sementa de nubes os seus ollos de ceo
e mírame con ollos tan redondos,
dianas de cariño,
que dera o meu tesouro máis secreto
por abrir as xanelas
e que floreza un sol azul de primavera
nos ollos seus, espellos do misterio.


É Xan;
e cando diga adeus a Riomaior
coa man no corazón e os ollos húmidos
levará baixo os brazos o seu libro de vida
cheo de borranchóns.


A vara de medir era moi alta,
era moi alta para el.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega