Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 13

Páxina Seguinte

Epílogo

ENVÍO


Ese mármore branco, enxebre, intacto
que esculpides a reo, día a día,
tede en conta que é
pasado do futuro de Galicia.


Manexades a maxia da maza e o cicel
con agarimo e tento,
pois sabedes que é
a materia recóndita dos deuses,
mestura de inocencia, fantasía e amor.


Deixade que a fasquía se note diferente,
Que se lles vexa a lingua tras os dentes
do sorriso fraterno, universal.


Que esa flor milenaria de profundas raíces
na borralla do tempo azul e branco
poida seguir enchendo
a atmosfera e a alma deste cosmos de noso
coa súa voz eufónica e poeta.


¡Ai, o máxico son, sublime e tráxico,
da lingua de roibén e rosicleres,
dos crepúsculos púrpura,
do glauco rechouchío dos paxaros,
das palabras eupátridas e músicas!


Non deixedes que murche.
Regade o noso alcouve cada día.


Abrídelle unha canle
azul de lado a lado
no dúctil corazón do branco mármore.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega