Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 14

Páxina Seguinte

Epílogo

SOLPOR


Estou
sentado fronte ao mar de San Simón
vendo subir as ondas de Mendiño
polo río maior.


Veñen preñadas de berros infantís
que se esfiañan quedos nas areas durmidas
unha vez e outra vez;
de escintilantes ollos de cativos
a brillar na verdura algareira do mar
con esa algarabía luminosa;
de sorrisos de flor en primavera,
de saúdos alegres,
de xogos azuis, ...


Hai tamén unha bágoa alá, no fondo.
E por riba, gaivotas rebuldeiras
que despiden o día entre a illa e a escola
e voando con elas,
en voo maxestoso, poderoso, constante,
un paxaro de cores que se chama amizade.


Vexo tinguirse o mar de Riomaior
con farrapos de sol en retirada
que esfuman os ronseis de gratas singraduras,
de ambiciosos proxectos,
de viaxes telúricas e fértiles ...


Oio, na vaguidade do horizonte
resoando na escuma dos irtos farallóns,
o meu berro de sempre, de onte, de hoxe,
un berro azul que racha as nubes brancas
e as albas, derradeiras,
bandadas de gaivotas do serán.


Vexo o solpor na escola ...
e roibéns que adiviñan na alborada
un abrente poeta.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega