Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 4

Páxina Seguinte

O valse da voda

INTRODUCIÓN
    
    

     Non souben nunca se, no fondo da alma, son un poeta mestre ou un mestre poeta porque foron estas as dúas actividades con proxección pública máis gratificantes da miña vida. E moi ligadas entre si.

     O exercicio da docencia ten moito de poeta pois é a palabra a arma que utiliza para labrar os campos virxes da infancia e sen poesía non é posible resucitar na aula unha metáfora da vida necesaria para guiar polo carreiro do futuro.

     E o poema ten unha gran carga docente porque pretende, sempre, amosar os camiños interiores que conducen á comprensión, ao coñecemento, da alma do poeta.

     No meu caso, ademais, teñen unha ligazón no tempo; eu, que fora poeta namorado nos anos tenros da xuventude, volvín selo só cando entrei en contacto cos cativos da miña primeira escola e funo entón, por primeira vez, con dimensión pública.

     Mirando hoxe cara a atrás vexo o mestre iniciático dándolle unha benvida entusiasta ao poeta para percorreren xuntos un longo camiño que agora se separa, e é esta vez o poeta quen lle di adeus ao mestre, como veredes nas páxinas que seguen.

 


     Gondomar, a 10 de abril de 2009


    
Miguel Anxo Mouriño
 

    



 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega