Onde tanto me teño sementado

Páxina Anterior

Páxina 6

Páxina Seguinte

Epílogo

RIOMAIOR


Existe en Riomaior
unha aglomeración de converxencias
que debuxan, activas, unha escola
colorida e poeta.


Existe en Riomaior
un microclima cálido e telúrico
onde un orballo fértil de inquedanzas
frutifica as ideas.


Existe en Riomaior un mar azul
inzado de roibéns, esa semente
segura de alboradas
que rebentan en máxicas colores.


En Riomaior, o aire
leva risas infantes nas entrañas,
crisálidas alegres de futuros,
de colores, de grises.


En Riomaior, o aire
ten por átomos pompas de alegría
que estrelecen con luces de utopía
a música da aula.


En Riomaior, o aire
leva notas amigas e polícromas,
atmosfera dun cosmos camarada
que te eleva lixeiro sobre as augas
dos encoros da vida.


Un pode en Riomaior
levitar sobre valos neboentos
e alcanzar a albiscar o perímetro breve,
azul intenso, da felicidade.


Un pode en Riomaior
compartir a docencia vertixinosamente,
pararse a ver chegar a primavera,
intercambiar co vento poemas musicais
ou perderse nas beiras dun río de cariño.


Un pode en Riomaior
atopar nos cabalos alados dos cativos
o leito, que buscada, do seu río,
ou tal vez ser poeta
sen ter outra bagaxe que unha ollada
profunda e altruísta.


Un pode ser feliz en Riomaior.
.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega