Os xenerais de África

Páxina Anterior

Balanzo.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueiroxeneraisdeafrica002.html
Ich bin auf die Welt gekommen.
Ich bin geworden. Ich bin gezeugt worden. Ich bin entstanden. Ich bin gewachsen. Ich bin geboren worden. Ich bin in das Geburtenregister eingetragen worden. Ich bin älter geworden.
PETER HANDKE. Selbstbezichtigung


     Ignoro como cheguei ao mundo. Ignoro as circunstancias que induciron o meu nacemento e os efectos que del se derivaron. Ignoro o número de cópulas precisas até o momento da miña concepción e, de idéntica maneira, a frecuencia das devanditas cópulas e o pracer fornecido por cada unha delas. Ignoro se existiu o pracer e se a miña fecundación foi produto do plano. Ignoro se esta fecundación foi produto do plano, ou do costume. Ignoro se a fecundación á que me refiro foi produto do plano, do costume, ou do aborrecemento. Ignoro se a fecundación da que estou a falar foi produto do plano, do costume, do aborrecemento, ou do ancestral instinto reprodutor da especie. Ignoro se alguén, nalgún instante, algures, chegou a cavilar na posibilidade de impedir o meu nacemento, as dificultades que puido carrexar a miña xestación, os atrancos que rendeu o meu parto, os custos -monetarios- que del se derivaron e os custos -afectivos- que puidera xerar. Ignoro dese día todas as variábeis atmosféricas. Ignoro se sol atafegante ou chuvia persistente subliñaron o avanzo da xornada, a conxunción dos astros, o posicionamento dos planetas e os agoiros de astrólogos, meigos e nigromantes verbo dos que nacemos naquela conxuntura. Ignoro se eses agoiros me eran favorábeis, se chegaron a cumprirse e, mesmamente, ignoro se houbo agoiros. Ignoro a altura á que naquel tempo se achaban os coñecementos verbo do saber astrolóxico, suposto que a astroloxía se poida equiparar a un coñecemento. Ignoro, asemade, o grao de difusión do trafego de ideas fraudulentas a respecto do Cosmos, pois ignoro se abondaban embaidores astrais e cartomantes de fraude esplendecente. Ignoro os nacementos e os falecementos que ese día deitou. Ignoro as detencións e os banimentos, as mortes por radioactividade, por bombardeamento, por machado, por malaria, por tifo, por febres paludosas, por fusilamento, por fame, por navalla, por garrote, por escuadróns da morte, represalia, vinganza ou pola simples arbitrariedade. Ignoro, dende sempre, o lar no que cheguei ao mundo.
     Lembro, embora, unha casa, un patio, unha xanela. Lembro campos de millo largacíos, unha xanela nunha casa cun patio indefiníbel, entre campos de millo largacíos, ao pe dos cales o camiño de ferro transitaba, un comboio cotián cun vagón derradeiro de limpas transparencias vidradas e a inquedanza cotiá ao se perder o comboio na lonxura. Lembro un solpor nun vello apeadoiro desmanchado de camiño de ferro, nunha praia lonxana, nun lugar recuado, nuns tempos de verán, nunha infancia lonxana como a praia. Lembro un arremuiñamento nervioso dos adultos, unha constante brincadeira dos nenos, un corpo humano aniquilado baixo as rodas. Lembro os meus anceios, sen pavoría mais con curiosidade, para atinxir a visión do corpo mutilado. Lembro todas as formas e cada un e todos os recantos do pantalón curto que aquel día eu portaba, todas e cada unha das cores da camisa con que me vestiran, todos e cada un dos lazos, o feitío e textura das miñas zapatillas. Lembro que inxería unha bebida refrescante con sabores variados de laranxa, como lembro os matices de todos os sabores que aquela bebida resumía e tamén o seu nome. Lembro o seu nome hoxe de maneira instantánea cando transito ao carón do vellísimo apeadoiro desmanchado que, con dificultade, aínda fica en pé. Lembro aquela praia cada vez que hoxe cato esa bebida que para min posúe arrecendo e padais venerábeis. Lembro aquel atropelo ao percibir o gosto saborido en canto trouso inevitabelmente. Lembro, cando xa é tarde, e o vómito gabea pola gorxa, que debía escudir esa bebida e ese apeadoiro. Lembro algúns mecanismos de reinstauración do recordo. Lembro a repetición e o esquecemento, a orixe da histeria e o xerme da neurose, un doutor vienés e pacientes femininas de clase acomodada. Lembro ideas escuras e lonxanas sobre a dor, avoltas e afastadas sobre o pracer, neboentas e arredadas sobre o sexo. Lembro as primeiras relacións estabelecidas entre pracer e sexo, os primeiros enunciados da relación entre dor e pracer, os primeiros pensamentos tatexantes, antigos e sombrizos da relación simétrica entre a morte e o sexo primitivo. Lembro dentro de min os comezos da anguria e a primeira vez que transpuxen a porta dunha escola.
     Evoco aquela escola no que se penetraba por unha porta verde, na que frutificaban fiestras de brancas bambinelas brosladas con cribos harmoniosos e pacientes. Evoco como frutificaban fiestras insonoras desde as cales o estamento docente, e algúns dos seus rastreiros servidores, perpetraba periódicos actos de espionaxe e mesmo as desgrazadas consecuencias que promanaban daquela espionaxe. Evoco o castigo alongándose nas pestíferas tardes de domingo, a existencia dun xardín con árbores exóticas e improprias. Evoco aquel xardín fóra do Tempo que incluía unha ponte. Evoco aquel xardín fóra da Historia que incluía unha ponte por debaixo da cal, incomprensibelmente, non fluían regueiros nin durmían lagoas, nin tan sequera estanques. Evoco o sobranceamento desmedido da pedra e da inflexibilidade, a pérgola de ferro entre roseiras na que un ancián bondoso e fosilizado vendía lambetadas. Evoco a persistencia de ameas de fidalgos e sinos irremediábeis, a persistencia de mímicas e actitudes de fidalgos. Evoco, ao evocalo, a Don Ramón Otero e a Trasalba. Evoco a ubicación prefixada de sineiros rotatorios, unha capela onde se realizaban actos de hiperdulía, filantrópicos e de piedade insigne, a floración, na celobre capela, de haxiografías lóbregas e de tebrosas iconografías, o maxisterio dos ministros da divindade, os enunciados do desazo e do medo, a ameaza da presenza do Escuro, os relatorios miudallentos verbo do Lume, a Eternidade e a Condenación Definitiva á que me vía periodicamente sentenciado. Evoco aulas de paredes xeladas, tarimas de alto inatinxíbel, sobre as que durmiñaban mesas de altura inatinxíbel. Evoco, baixo as mesas, o esvaramento de pernas femininas tamén inatinxíbeis. Evoco crucifixos nas paredes e a espreita, baixo antigos pupitres, das lenzarías íntimas das mestras e as fantasías que esa espreita xeraba. Evoco os rezos cotiáns, mesturados coa fiscalización de medias de costuras intérminas. Evoco as enfiadas de pregarias reiterativas, enleadas con inspeccións fugaces a provincias concretas dos corpos das educadoras, o xermolar da idea de pecado e a orixe da impureza, a iniciación ao léxico lascivo nas súas formas primarias. Evoco a miña entrada por unha porta verde unha mañá tristísima de outono. Evoco o exercicio de actos de aprendizaxe.
     Aprendín os conceptos basilares da lectura e da escrita, as nocións indispensábeis de historia e de gramática, as ideas eminentes sobre as ciencias ou as humanidades. Aprendín as concepcións fundamentadas, os enxeños corriqueiros e outros inusitados. Aprendín a cantar. Aprendín a cantar cancións fermosas, entre as que salientaba unha que relataba sentimentos e arelas na situación da face ao sol cunha camisa nova. Aprendín a cantar temas marabillosos que publicitaban, durante o mes de maio, a descida dos ceus dunha virxe e outros sucedementos prodixiosos, así como os cantares que louvaban os cumes montesíos e nevados. Aprendín igualmente a silenciar cancións. Aprendín que it's a long way to Tipperary (aprendín este título moitos anos máis tarde) era cantar ilícito e aprendín o que eran as Brigadas e a calar o seu nome. Aprendín a ilicitude de allons enfants de la patrie, o degredo da igualdade e a deportación da liberdade, e o banimento de en pe os escravos da terra. Aprendín algoritmos e outras habelencias. Aprendín o algoritmo de Ruffini, a confección do Cribo de Eratóstenes, a Lei de Robert Boyle e Edme Mariotte, o Principio de Huygens e os Lemas de Kirchhof, os temas relativos á catálise, as cuestións concernentes ao tracexo de curvas e o manuseo axeitado de tiraliñas, compasos e transportadores, as prácticas sexuais dos Coleópteros, os procesos procreativos dos Nematelmintos, e o aparello reprodutor dos Gasterópodos. Aprendín, sen embargo, a ignorar os procesos procreativos, o aparello reprodutor e as prácticas sexuais do ser humano e, asemade, os perigos que conlevaban as retiradas, magnis itineribus, do proconsul in fines Eburonum, expedicións incríbeis e Darius spirans ab Alexandri milite atopado. Aprendín que a nugalla, non a loita entre humilde e poderoso, era causa esencial de derrube de imperios e tamén que a preguiza, non a guerra invasora, era aspecto central no afundimento de civilizacións e na morte de milleiros de inocentes. Aprendín a intrínseca maldade dos materialismos e a clemencia divina, a bondade do Papado, a infalibilidade do hóspede que asenta na cadeira de Pedro e, na época de estío, na amabilidade de Castelgandolfo. Aprendín rudimentos da táboa de ximnasia, alicerces caóticos do desfile castrense e fundamentacións atariñantes de orde fechada. Aprendín a apreixar a realidade obvia dunha única patria, Unificada, Grande e Independente, e tamén o exercicio da xenreira sobre o meu proprio idioma. Aprendín o extirpamento de conciencia e consciencia. Aprendín a omitir afirmacións de afecto con seres de igual sexo, a escudir testemuños de amizade con persoas de sexo diferente. Aprendín o silencio e, co silencio, a soportar a aldraxe reiterada.
     [Vexo agora unha fotografía en preto e branco na que mans experientes coraron certas zonas. Vexo un neno sentado a unha mesa namentres olla fixamente á cámara. Vexo perante del libros, cadernos e unha caixa con lápises e aparellos de debuxo e de caligrafía, un volume da Enciclopedia, que non é a de d'Alambert, a súa man esquerda onde loce, no pulso, un reloxio adulto, o chaquetón e unha gravata incompetente. Vexo como se refuciron a mantenta as mangas do chaquetón para permitiren o lucimento soleto do reloxio. Vexo, como pano de fundo desta imaxe, unha escena de bucolismo adozado, un lenzo polo que fervellan raparigas ceifeiras que levan enriba do mulido amplos feixes de herba. Vexo mozos conducindo ás bestas. Vexo, na lonxanía, homes desenvolvendo traballos de seitura, a ledicia gravada nas facianas desas xentes humildes e como o artista ficticio tenta, a través do cadro, a intereseira síntese de ledicia e penuria. Vexo a un neno sentado nunha mesa que me olla fixamente. Vexo, abalado, a face dese neno e, abalado outravolta, a data da fotografía. Vexo a miña propria face hai varias décadas que hoxe me aparece como irrecoñecíbel. Vexo o percurso estragador do tempo].
     Louváronme a grandeza das ideas de orgullo e dignidade: ensináronme, en troca, a aturar, co silencio que dantes me ensinaran, afronta e tiranía. Louváronme a excelencia das vidas exemplares de homes exemplares: ensináronme as vidas corriqueiras de (escasísimas) mulleres exemplares, alapadas detrás de cadanseu home. Louváronme a nobreza da verdade: ensináronme calumnia e impostura. Louváronme a magnificencia da camaradaxe: ensináronme o desterro da solidariedade e a práctica consciente e regulamentada da delación. Louváronme a excelsitude da obediencia: ensináronme os preceptos elementais do motín, da revolta e do levantamento. Louváronme a importancia da forza irredutíbel da palabra: ensináronme á forza palabras irredutíbeis e insondábeis. Louváronme a xustiza das nocións de irmandade e de concordia: ensináronme o exercicio da violencia. Louváronme a clareza do certeiro pensamento de Deus: ensináronme que os seus designios eran inescrutábeis.
     Sufrín o correctivo do axoellamento como xusto castigo á miña indisciplina combatente e, como consecuencia, a visión duradoira de xoellos estragados. Sufrín co sufrimento das maniotas e a punición da regra de madeira contundente sobre a man, como escarmento lóxico á rebeldía teimosa. Sufrín coa observación das palmas tumefactas, coa análise das unllas destruídas, co exame das veas entumecentes. Sufrín a punición da man no rostro como exemplo lexítimo de terapia da indocilidade. Sufrín, dentro de min, o estalido dos tímpanos, a suspensión reiterada do lecer, o aviltamento da exposición á gargallada estrondosamente colectánea. Sufrín as ameazas dun inferno infinito e as ameazas dun Ceo inatinxíbel. Sufrín con Lucifer, o escuro Pai do Averno, que empurraba inmisericordioso a miña sexualidade a cavorcos sen volta. Sufrín coa Nai dos Ceus que refreaba estrita, e vixiaba, a mesma categoría de apetencias.
     Cobicei enunciar algunhas diferencias. Cobicei a descuberta de palabras que estipulasen esas diferencias e o enunciado desas mesmas palabras. Cobicei atopar razoamentos, sinalar os límites da xustiza e da fraternidade e estabelecer enleos entre deslealdade e amizade. Cobicei disterar desdita e ledicia, avaliar compaña e soidade, patentear a soidade existente na compaña e sinalar a compaña presente na soidade. Cobicei illar a propria soidade, para fuxir da propria soidade, o amor adolescente, o amor adolescente arreo inacadado. Cobicei ser muller, ser home, ser a nada, ser o andróxino, a homosexualidade e o rexeitamento da homosexualidade, a tolemia e o alleamento, a morte, a morte silandeira que viñese emvurullada, na noite inindagábel, entre os lenzois do soño. Cobicei mortes de decapitación e esgazamento, suicidio e afouteza, así como a afouteza que conduce ao suicidio. Cobicei o sosego e o suicidio, así como suicidio sosegado, o desvarío, o suicidio desvariado. Cobicei, outravolta, a loucura, a cobiza do camposanto e o centro psiquiátrico. Cobicei, de maneira simultánea, unha luz cegadora e unha escuridade impenetrábel e, finalmente, unha luz na escuridade.
     Avaliei unha luz na escuridade. Avaliei no interior do meu corpo feridas imborrábeis, unha luz e o interior do meu corpo. Avaliei as feridas e a luz entre as feridas, un longo pasadizo, tan subterráneo como interminábel. Avaliei a fabricación de conceptos novos, de pares ordenados, lembranza e esquecemento, raciocinio e irracionalidade, sabedoría e ignorancia, cativeiro e liberdade, desexo e anoxamento, insurrección e escravaría, arruallo e mansedume, mediación e contenda, descuberta e escuridade. Avaliei a creba da intelixencia e a escisión da vontade, a decisión e a dúbida, o medo e a ousadía. Avaliei o medo ao descoñecido, fuxida e permanencia e, outra vez, a fuxida. Avaliei a fuxida a outra cidade.
     Ollei unha cidade na lonxura. Ollei as torres de catedrais e igrexas e as agullas que furaban os ceus. Ollei, consonte me achegaba, as cúpulas e abóbadas, e máis tarde as torres dos sinos e os retábulos, a conxunción do urbíxena e o rústico, da Fermosa e da Besta, do segrar e do crego. Ollei a clerecía paleozóica, os namorados aboiando na éxtase e olladas de rexeitamento nos ollos da clerecía paleozóica (que ollaba). Ollei complicidade noutros ollos. Ollei ao amor á face e a súa visión houbo de encegueirarme nas noites de ecoares musicais en muros excesivos. Ollei xentes escasas que portaban códigos que me eran familiares, dialectos costumados e vindicacións inadiábeis. Ollei vindicacións inadiábeis baixo as olladas neglixentes das bestas e do gado, e bestas e gado que se multiplicaban entre as casas de xantares e casas de xantares navegando entre mornos arrecendos e arrecendos nacendo no balbordo e balbordos ninxindo desde as profundidades das rúas empedradas e rúas empedradas noutros tempos que a memoria esquecera e máis rúas e pedras, a pedra núa na núa esencialidade, e o fento e os couselos entre a pedra e a loita do couselo e os fentos entre a pedra e a loita, sempre a loita pola liberdade, pola liberdade acoitelada, deturpada, prohibida, e os ollos chorosos, esgazados, feridos, eses ollos chorosos, esgazados, feridos, da liberdade, da liberdade, sempre, na lonxura.

(A Yasmin Bohrmann, a quen, en certa maneira, debo este relato)

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega