O valedor do reino (Peza histórica en catro actos)

Páxina Anterior

Acto IV.

Páxina Seguinte

v2bernardezvilarvaledor003.html
ACTO IV



(Ano 1066: Castelo Honesto, en Catoira. É de noite. Á dereita, no interior dunha das suas dependencias, Don Cresconio no leito, na compaña de Xelmirio, o Alcaide, a sua esposa e un eclesiástico. Escoitase a SALVE REGINA, e monxes vestidos de negro, coa pucha posta e fachicos nas máns, camiñan solenmenente polo patio interior da fortaleza cara ó cuarto no que se atopa don Cresconio, levando fachicos acendidos nas mans. Chegados a el apostanse en recollida actitude de oración a certa distancia do leito. Instantes antes, no exterior, vese chegar dacabalo pola mesma porta da muralla pola que accederan os frades, ó rei García, que baixa dun chimpo da montura, mentras un palafrén lla toma polas redeas. Logo encamíñase con presa ó apousento do bispo).

VOZ: !! O Rei¡¡...

OS PRESENTES: !!Señor¡¡..
.
(Inclínanse. Don García correspóndelles, e aproxímase ó leito. Don Cresconio fai un esforzo para se incorporar).

CRESCONIO: !Señor¡..., !canta ledicia podervos ter aquí de novo¡ ...

GARCIA: Descansade, don Cresconio... Non vos esforcedes. Vin en canto me avisaron.

CRESCONIO: Seino, Señor, seino... Dispensade, pois as miñas palabras. Son consecuencia das ideas que me rebulen na cabeza.... Estaba a matinar, nada máis, acerca do que se vos puido ter perdido por Ribadavia...

GARCIA: Don Cresconio... para atoparvos tan doente como pretendedes que creamos que estades, e andar a facer as vosas beiras de sempre, esa vosa pregunta resulta un tanto certeiramente directa... Sabédelo perfectamente. Non son rei soamente de Compostela. Galicia é agora tan grande como o fora antes da chegada dos infieis. Por iso deberíades de comprender que non resulta doado controlar unha fronteira como a nosa dende un lugar tan afastado coma Compostela. Hai xentes no sur, ás que está acirrar o meu irmán Alfonso, que requiren a nosa contínua atención. O meu pai, que en gloria estea, a diferencia do que dispuxera noutros territorios por el reconquistados, limitouse a deixar nestes, coma gobernantes e meiriños, ós cristianos que xa vivían neles. Debo de admitir que, aínda que o teña que considerar xusto, non resultou unha medida acertada, porque me decato de que as xentes de máis alá do Douro, xa non se sinten totalmente identificadas con nós. Levan trescentos anos a convivir e misturarse cos sarracenos e mudaron. Pensan distinto. Algúns óllannos máis coma conquistadores que coma irmáns. E sobre eles está agora a traballar Alfonso.

CRESCONIO: Tamén o sabía, señor... mais, Ribadavia...

GARCIA: Pois tamén deberíades de coñecer a resposta, reverencia. Témolo falado xa outras veces. Se non queremos que o reino chege a se esgazar ó medio, non temos máis remedio que conseguir incorporar á xente deses territorios últimamente liberados á súa reconstrucción. E íso pasa necesariamente polo restablecemento e o engrandecemento de Braga que, seguindo os vosos consellos, estamos agora camiño de conseguir. Braga, ninguén o ignora, foi a cabeza de Galicia dende os tempos de Roma ata a chegada dos mouros. Mais tampouco podo esquecer o que agora representa Compostela. Levo 13 anos a vivir nela, don Cresconio. Era un neno aínda cando vós mesmo me trouxestes. En Compostela deprendín canto sei. Nela fun coroado, e nela recibín o xuramento de fidelidade dos meus vasalos. Ninguén pode ter máis motivos ca min para amala. Mais debo de gobernar un reino difícil, que necesita de difíciles soluciones.

CRESCONIO: Xa... xa... ¿mais Ribadavia?..

GARCIA: Ribadavia está a metade de camiño entre Compostela e Braga, reverencia, o punto de equilibrio axeitado para, dende alí, poder controlar tanto unha coma outra... Tanto Compostela coma Braga.

(Cóllelle a man)

     "Don Cresconio, sodes o meu amigo; mais sodes tamén coma un segundo pai para min. Ao meu verdadeiro pai débolle a vida e o seu exemplo. Mais a vós débovos todo todo canto son e teño.

CRESCONIO: Lembrade... lembrade, Señor, canto vos dixen naquela ocasión... cando, con apenas dez anos, chegastes a Compostela... Advertíravos entón da posibilidade de que chegásedes a reinar algún día... ¿Lembrádelo?.. Que foses o noso rei foi sempre o maior dos bems devezos...

(Don Cresconio escorexa débilmente)

GARCIA: Non podedes decair agora, don Cresconio. Lembrade que hai a penas ano e medio empuñábades unha lanza en Coimbra.

CRESCONIO: !Coimbra¡... !Coimbra¡... Non a podo esquecer... Coimbra, o meu grande pecado... Morreu don Suario de Mondoñedo, morreu o voso pai... morro eu agora... É, sen dúbida, o castigo do señor para cantos alí estivemos.

GARCIA: ¿Qué estades a dicir, reverencia?

CRESCONIO: Combatín ós navarros... combatín ós dinamarqueses... Combatín co emir Cimia... combatín en León... combatín en Atapuerca... combatín en Lamego... combatín en Viseu... máis avergónzome de ter estado en Coimbra... Teño que dicírvolo, Señor... Non podo morrer con este remorso... O voso pai estivera tres longos días ós pés do Apóstolo pedindo a súa axuda... E o Apóstolo concedéunola, que dúbida cabe... Mais... non actuamos coma debíamos... Non respectamos ós vencidos,... tampouco respectamos ós cristianos... Non respectamos o pactado na rendición... Pereceu máis xente durante a nosa entrada pacífica en Coimbra que nos seis meses de guerra... Soupen facer a paz cos viquingos... non a soupen facer cós mouros... Actuei máis coma guerreiro que coma prelado... Esquecín a mensaxe de Cristo... eles son tamén o noso próximo,... Esquecino, non soupen tratalos coma tal... !Don García¡ (trata de se incorporar), tedes que prometermo... eles déronnos toda unha lección... souperon respetar ós cristianos do seu territorio, mentres o controlaron... ós seus mosteiros e ós seus bispos... Amosáronnos o camiño... "Aprendamos tamén do enemigo", díxonos san Paulo... Facede así... Respetádeos... Os emires de Sevilla e Badalloz son agora os vosos vasalos... Sede o seu amigo... Prometédemo, vós, o único que se opuxo á aquela vergonzosa chacina...

GARCIA: Calmádevos, reverencia. Claro que volo prometo. Como me tedes insinado, terei sempre presente que os reinos deben de se basear máis no respeto mútuo, e na colaboración, que na forza das armas.

CRESCONIO: "A xusticia é a base da sociedade"...

GARCIA: Vexo que seguides sen poder esquecer as vosas citas nin ó voso Aristóteles...

CRESCONIO: ...Por íso tampouco esquezo que foi el quen afirmou que "Falar a base de frases feitas é un síntoma de senectude"... Estou vello, alteza... sinto que xa se me acabou o tempo. ..

GARCIA: Tedes aínda moito que facer ...Non nos podedes deixar esmorecer tan axiña... !Debedes de loitar¡...

CRESCONIO: ...podedes axudar ós cristianos que viven nesas taifas... sen necesidade de gastar os vosos recursos en sanguiñentos combates cos mouros... Lembrádeo... Sei que estades a tratar de reconstruir os bispados de Ourense e de Tui... Ese é o camiño... Xa está encetado... mais queda aínda moito que facer... Buscade homes xustos e honestos para eses cargos,... respetuosos con canto Cristo nos insinou... Eles serán os vosos mellores valedores... Mais desconfiade dos vosos irmáns... aínda que se levan mal entre eles, acabarán por se axuntar para tratar de perdervos... Non esquenzades tampouco o voso compromiso coa filla do Duque... Débovos de confesar algo... eu pretendía casarvos cunha irmá do Emperador... de Alemaña... Mais o voso pai soupo atoparvos algo moito mellor... porque o Duque é o suficientemente poderoso para vos axudar... se o precisades... Ten o exército máis poderoso de Europa... Un sogro desa medida é o que necesitades para vos defender da perfidia dos vosos irmáns... É moito o que aínda tedes que facer... señor...

GARCIA: !Reverencia¡... acougade, por favor. Acougade e descansade. A min terédesme á vosa beira o tempo que sexa preciso.

CRESCONIO: Unha cousa máis,... don García... Unha cousa máis, nada máis... As parias..., o que vos pagan os vosos vasalos de Badalloz e Sevilla... sei canto as necesitades... Non volo quixera pidir..., mais... seguide a pasarlle á abadía de Cluny o tributo ó que se comprometeu o voso pai... É moi elevado... tamén o sei... Mais é preciso que o sigades a facer... non tanto polas preces que pola salvación da súa alma poidan elevar alí... senón para evitar o dano que dende Cluny vos poderían facer... se os esquecedes... Facédeme caso... Cluny ten cada vez máis poder... Hildebrando é hoxe o home máis poderoso de Europa... El é quen artella as actuacións dos Papas... E é cluniacense... Crédeme, don García... para levar ben un reino, hoxe en día, ademais de non ter enemigos dentro... convén non telos tampouco fóra...

(Cresconio esmorece. Lévase lentamente a outra man á gorxa e garda silencio. A esposa de Xelmirio achegase tamén. Comenza a escoitarse a música de "Cuius animan" de Diego Verdugo (do século XVII), interpretada polo Coro "Ars Musicae". Don Cresconio queda ríxido. A Dona de Xelmirio salouca e Don García dálle unha aperta ó bispo, logo bícalle a man e queda postrado. Os frades achéganse ó leito e trasladan o cadáver a unha caixa sobre un cadaleito. Cando remata "Cuius animan", erguen o cadaleito. Sona agora "Dies Irae", e ó seu compás saen da estancia e pasan ó patio do Castelo, seguidos polo rei, Xelmirio, a Dona, e o eclesiástico. Acuden algúns soldados. Luz nada máis que dos fachicos. A música funde de novo coa Carmina Burana: "Fortuna Imperatrix Mundi". No "crescendo", acéndese unha luz fortísima no ceo. E o vento remexe as vestiduras dos presentes, que se amosan sobrecollidos).

NARRADOR: Don Cresconio, un dos máis grandes homes que deu nunca Galicia, foi bispo de Iria e Compostela durante vintenove anos. Soupo convertir o pequeno vilote que malvivía arredor do Sepulcro de Santiago, nunha cidade puxante, á que lle deu o nome de Compostela e doctou de murallas. Dignificou a vida eclesiástica, que atopou nuns graves niveis de desleixamento, levando a termo varios Concilios. A Escola Catedralicia por el fundada foi unha digna antecesora das nosas Universidades.
     Coma señor temporal armou a hoste que rexeitou definitivamente ós viquingos, que levaban case douscentos anos a depredar o país. Coa inestimable axuda do Emperador Fernando I, e outros prelados galegos, conseguíu levar a nosa fronteira meridional máis alá de Coimbra. Tivo tamén unha decisiva actuación nas Cortes celebradas en León o 22 de decembre do ano 1.063, en presencia dos restos de San Isidoro, chegados aquel mesmo día dende Sevilla, nas que se decidiu o futuro dos tres reinos,.
     Don Cresconio, guía e mentor de don García, morreu no ano 1.066 ó acougo dos muros do castelo agora chamado das Torres do Oeste, en Catoira, ás beiras do Ulla, por el reconstruído.

     O martes día 18 de abril dese ano, o Cometa Halley xurdíu nos ceos de Europa, grande como a Lúa chea, e fixo aterrecer durante toda unha semana o ánimo e os corazóns das xentes. A súa aparición sinalou certamente a fin dunha época e o comenzo de outra. No Nadal dese mesmo ano, Guillerme o Conquistador convertíase en rei de Inglaterra, logo de vencer ós ingleses en Hastings, montando o cabalo que Galtier Giffart lle levara dende Compostela.
     Sete anos máis tarde, o rei Alfonso de León apreixaría traicioneiramente a don García, cando este acodía a felicitalo por ter recuperado o trono que lle tirara o seu irmán Sancho, manteríao encadeado ata a sua morte, 17 anos despois, e apoderaríase do Galicia contando coa interesada connivencia da entón todopoderosa abadía de Cluny.

(CAE DEFINITIVAMENTE O PANO)






Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega