A
Galiza, esta terra indómita, non foi romanizada totalmente polos
soldados de Decio Xunio Bruto, nen polas tropas de César. A Galiza non
se deixou asimilar tan facilmente como o Levante ou a Bética . Na
Galiza, a cultura latina chegou a través da influencia eclesiástica.
Non houbo outras escolas máis ben estructuradas que a dos templos, o
que levou estes pobos a se agruparen, como xa era costumbre antergo, en
parroquias e comarcas que foi efectuado sob a orientación e
xurisdicción episcopal. A fala coloquial se impregnou de liturxía e o
canto se configurou en salmos e rituais. Como se ve, Santiago de
Compostela foi o centro da historia da Galiza que, se algún día teve
un lugar no mundo evanxelizador, foi en nome do Evanxelizador do
Occidente.
A Galiza sempre foi unha terra arcaica e
maternal que soubo transmitir a mensaxe do Apóstolo Santiago, mensaxe
esta de fe, que foi oída por todos os cantos sob os ceos da Europa
cristá, e unha melodía abre e alarga un camiño ás "Terras do
Finsterre Atlántico", onde unha "arca marmórica" garda
o Evanxelizador do Occidente.
Para poder abrir este sepulcro, Reis,
Príncipes e Papas abandonaran castelos e templos, construíran pontes e
hospedarías relixiosas, facendo unha camiñada compacta, como unha
galaxia de melodías cantando o amañecer de un novo mundo de fe. Ese
camiño para Santiago, feito en parte sobre as calzadas das antergas
"Vías Romanas", templos e pontes construídas con pedras
esculpidas polas mans de grandes mestres, ó mesmo tempo que oían a
contaxiante fala romance que cantavan os Xograis, todo iso brotando
naturalmente como brotan as flores na primavera. A lírica trovadoresca,
de orixe provenzal, foi introducida na zona occidental a través do
Camiño de Santiago ou Camiño Francés que, pasando por Pamplona,
Burgos, León e Astorga, chegava a Santiago de Compostela.
Toda a cristandade peregrina camiña emocionada
a Compostela, que se converte en centro cosmopolita, onde se oían
cánticos e melodías do mundo cristán. O descubrimento do sepulcro do
Apóstolo Santiago, por Teodomiro, obispo de Iria Flavia, cidade de
orixe romana, situada na provincia da Coruña alén de servir como guía
espiritual e guerreiro, para conter o avanzo musulmano na Península
Ibérica, tamén serviu como semente para as letras galaicas. |