Poemas na emigración

Páxina Anterior

Abandono

Páxina Seguinte

v3mdiz017.html

Ando por estes camiños fondos e estreitos, cheos de
codesos e silvas, dos lados os muros esbarrancados,
no chan, vexo as pedras puntudas e roídas polo tempo
e polas ferraduras das rodas dos carros de vacas.

Aquí no outono, de tardiña, á raxeira co sol a rentes,
nestes camiños por onde pisei e achanquei nas pedras,
pisando en cada pedriña, arranrreandome, devagar,
para non mollar os pés na lameira barrenta e húmida.
Ando polo camiño abaixo, escudriñando dos lados,
Os niños dos paxariños que un día foron meus amigos.
Está chegando a tardiña, ando ben lixeiriño e fuxindo
da sombra sen sol, sombra fría, insípida e sen corpo.

Corro con medo deste camiño afondado, estreitecido.
ando engoumado e só, por entre os fentos e muros
altos, subo por entre cómaros, polo medio das xestas,
oio o canto do grilo, vibrante, coa alegre melodía.

Paso a vista polo agro dos peneirados, vexo abandono,
súas veigas estreitas que mal cabe un corpo deitado,
vexo: codesos, xestas, ortigas, acediñas e saramagos,
outrora medravan: o centeo, millo, ferrán e patacas.

Levanto os ollos ó Ceo, miro o Sol, non o vexo, miro a
Lúa, está agachada, vexo moitas nubes no horizonte,
sento no muro de pedra miúda desfeito polo tempo,
limpo o rostro mollado polas bágoas do abandono.

Meu tempo está muchando, ollo pola derradeira vez a
paisaxe deste grande e verde agro da Terra de Montes,
este val cheo de regatos, veigas, carreiros e cómaros
por onde pasaron: pastores, labregos e misionarios.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega