Poemas na emigración

Páxina Anterior

A casiña abandonada

Páxina Seguinte

v3mdiz026.html

Cando el volveu a mirala de novo,
dimpois de moito tempo pasado
por ter que correr o mundo
en busca de algo moito soñado.

Subiu as desgastadas escaleiras,
abriu a porta da cociña
pensando na sua adolescencia
cando era feliz co pouco que tiña.

Ela continuava triste e só, soia coma
el ó mirala esquecida e deformada,
deixándoo coa fisionomía postiza
ó desimular a dor que o martirizaba.

Dentro da casa un total abandono,
o esquecemento dos servicios prestados
a moitas famílias por centos de anos,
na alegria, na doenza ou ó chegar cansados.

A súa memoria, voltou no tempo
e, con seus recordos flutuando
mirouse a carón de todas as persoas
que viviron nela, sufrindo e soñando.

Parece que, dentro dela, algo o prendía,
¡tantas cousas boas de sua infancia!
nai, irmans...Na corte as vacas bruiando,
o capon no poleiro cantava con arrogancia.

A casa continuava sola e moi triste,
triste polo envellecemento da serventía
de varias xeracións e polo abandono,
mesmo asi, algo dentro dela a envaidecía.

El, nas suas lembranzas de antano,
unha mestura de dor e alegría
ó ver cair as froles d´unha mimosa,
no curral, cando o sol amañecía.

A casiña, indefesa na sua melancolía,
coas paredes, polo fume escurecidas,
polo ranxer das portas e ventás
coa forza do vento, están envellecidas.

Na cociña, ollava os mobles esnaquizados
pola espera, en silencio, de moradores,
as uchas e lacenas, cheas de pó e sarro,
unha triste soidade e moitas dores.

Na parrumeira, un pote furado con tres-pés
un cazo para encher as cuncas de caldo,
unha gramalleira pendurada e un testo grande
usado cando se facían as bicas no rescaldo.

El, tomado polo desespero, grita un nome!
o sonido morre na escuridade sombría.
Grita outro nome, outro!...Ninguén responde
a non ser o xélido silencio que respondía.

A dor, oprimialle o peito e a respiración,
o suor caille do rostro e a face empalidece
diante dos espellos que reflexan a sua infancia
e dos antergos moradores, a alma entristece.

Mira máis unha vez a casa abandonada,
abre a porta da corte das vacas, con calma,
de repente, sai no terreo onde era a horta,
non atopa nada, que dor, que tristeza d'alma.

De cotián, poñíase a carón dela
imaxinando ver persoas subir e baixar,
ollando para el, sorrindo e andando,
pé-ante-pé, cos zocos, a chaprear.

En seu momentaneo delirio, pensou
que vira alguén na ventá aparecer.
escoitou unha voz a susurrar nos oídos
¡"non hai moita cousa que se poida facer"!

A non ser chorar e rezar os mortos de
seus ancestrais, el non máis podería sufrir,
pois, incorporados a ela, paradoxalmente,
están xunto dos seus corpos para pervivir.

Na sua mente, el dalle o Sopro da Vida,
ese conxunto indisoluble, entre o home e Deus,
dalle personalidade con identidade e alegría
da "Vida que desfrutarán alá nos Ceos".

El, cos ollos rubios e cheos de bágoas,
coa cabeza desnorteada pola emoción,
vai saindo, as tontas, andar lento, pensativo,
vai deixando para tras moita recordación.

Casa, outeiros, montes, fragas e ríos
da miña encantada Terra de Montes,
cecais non poida olla-la, moitas veces máis,
andar nos sendeiros e atravesar súas pontes.

¡Que tristeza en meus cansados ollos!
¡Que silencio no meu ollar e pensar!
Cando procuro unha nova estrada ó andar,
para ver, de novo, as estrelas a brillar.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega