Poemas na emigración

Páxina Anterior

Loita ingloria

Páxina Seguinte

v3mdiz052.html

Cheo de ilusión e vida
nun día de sol primaveril
levanto ben cedo de mañá
para buscar aventuras mil.

Poño o pote do caldo ó lume,
colgado na garmalleira de ferro
que serviu ós misteriosos celtas
para facer a comida sen fume.

Remexo coa coller o fondo do pote:
o unto, verzas e patacas a fartar,
remexo o fondo todo ben remexido,
para a vianda non se quimar.

Poño na cunca o caldo ben quente,
despois visto a roupa dos domingos
e calzo os vellos zapatos engrasados
e voume despedindo dos amigos.

Co fardel e o saco con ferramentas
ó lombo e as bágoas caindo ó pensar,
no que eu vou deixando para tras a
cada paso que vou dando, ó camiñar.

Subo no Industrial no lugar de Doade
e por moitos pobos eu vou viaxando:
Beariz, Avión, Abelenda e outros máis,
Ribadavia e en Ourense estou chegando.

Subo no tren que vai ata Sobradelo,
na viaxe vexo moitos rostros duros,
desconfiados, oprimidos pola incerteza.
Apeo do tren e fóra séntome nos muros.

Agarro o saco moi pesado, coas ferramentas e
algunhas cousas mais, de pouca importancia:
roupas e comida feita en casa para a viaxe,
xunto cos compañeiros que van a ganancia.

Unha viaxe ingloria. Pernas para que vos quero.
Agachándonos da Garda Civil que nos perseguía,
saco ó lombo e cada un andou por onde puido,
camiñando sempre de noite e dormindo de día.

Destino, procurar wolfrán no lugar de Casaio,
pá, picachón, maceta e potas para comida facer,
unha machadiña para a chavola poder montar e
paus dos lados, pólas no tellado para non chover.

Logo no día vindouro, de mañá, ¡alto quen está aí!
Asalto feito por escapados da guerra, guerrilleiros,
eles tiñan que sobrevivir e ás vezes "roubar".
Fomos salvos por un amigo dos compañeiros.

Eses galeguistas, soldados, labregos, artistas e
valentes guerrilleiros cansados de se agachar,
fuxindo da represión incomprensible, ós
poucos, foron sendo mortos ó loitar.

Eses guerrilleiros, sucios e barbados,
fardel ó lombo e cara de moito sofrer,
o fusil na man para se defender,
loitaron, loitaron ata morrer.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega