Poemas na emigración

Páxina Anterior

Minas de estaño

Páxina Seguinte

v3mdiz009.html

Vexo estas costas cheas de buracos,
buracos cheos de toxos e silvas,
elas xa non teñen máis carreiros,
por onde outrora subía e baixava
coa saqueta de levar a merenda.

Vexo aínda, ben de mañáciña
a xeada nos cómaros de Fontes,
camiños que meus zocos pisarón,
zocos coas zamancas de bidoeiro,
zamancas cavadas coa vella aixola.

Zamancas feitas xunto á lareira,
zocos de coiro de boi untados
co pingo gardado no xerro vello,
tombas cortadas dos zocos vellos,
birós ben clavados coa mostacilla.

Subo a costa, ben cediño, hilariante
co pantalón de pana comprado cos
cartos que gañei nas minas da costa,
subo coa xiada no camiño, agarimado
coa zamarra emprestada e gorra empinada.

Estes carreiros veredas e espranadas,
que falavan comigo nas madrugadas,
cos queixumes e haies das bágoas
ó pisar cos meus zocos en chancadas,
marcando cada anaco coas chapras.

Estas minas da costa e campanario,
por onde traballei, crecin e chorei,
cabei o barro e fixen o transporte
polos carreiros pra batea-lo na fonte,
metal de estaño que saía relumbrando.

Minas de Xirarga, que contan as lendas
dos tempos pisados por cabalos mouros,
nestas galerías e buracos do sobreiro
onde se traballava pra ganar a vida,
pá e pico, ó sol e chuvia, cun sombreiro.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega