Presencia da Lingua Galega

Páxina Anterior

"Presencia histórica da lingua galega" (pp. 5-12)

Páxina Seguinte

m5smartinezriscopresenciadalingua.html




     1. PERSOALIDADE DO IDIOMA GALEGO

     Falar da presencia, é decir, da asistencia dun idioma nun tempo, nunha época histórica determinada, supón atribuirlle unha certa categoría ontolóxica, unha certa persoalidade. E os idiomas téñena; porque si a persoalidade é a condición dun


[p. 6]

eisistir autónomo do home e dos seus atributos —un dos cuáis é, cabalmente, o idioma— non será ousadía soster que ao persoalizar ao home, ao contribuir a integrar a súa persoalidade, o idioma persoalízase a sí mesmo. E ainda máis; o idioma sáese das beiras do campo individual, da persoalidade do indivíduo, e inxire ao home no mundo en redor, na área social. Si o pensamento dá ao home a concencia do seu eisistir —«penso, logo eisisto»—, o idioma invísteo da condición de ente coleitivo: «falo, logo convivo». Si, pois, ademáis, o idioma é un dos elementos caraiterísticos e integradores da persoalidade dun pobo, craro está que pode concedérselle a íl mesmo unha certa dosis de caráiter, de autonomía vital, de xenio, de persoalidade.
     Istas precisións de orde conceitual e valorativo encol do idioma, autorízannos a tomar a parte polo todo —o idioma polo home— e concruir que unha lingua é unha criatura incorpórea, un orgaismo inasibel, pero vivo, que como todo ser nace, subsiste e morre.
     Pois ben; a corporeidade vital da lingua galega permítelle facerse presente, asistir á vida do pobo galego dende a súa nacencia como tal lingua hastra os nosos días. Vexamos cándo e de que maneira; mais con esquemática brevedade, porque cada unha das cuestións implicadas no asunto daría vagar pra unha soia conferencia.



     2. XESTACIÓN, NACEMENTO E VIABILIDADE

     Ben sabido é que o idioma galego desprendeuse do seo da lingua latina; nacéu das modificacións ou dexeneracións fonéticas dun latín vulgar coesistente co escrito e demoradamente adeprendido e pronunciado de xeito peculiar polas xentes da Galaecia (1).
     O moimento cecáis máis antigo, revelador dise fenómeno de evolución morfolóxica, de transición do latín ao romance




(1) A esposición do orixe histórico e o desenrolo da lingua galega dende o seu nacemento ate o século XIX fíxoa con rigurosa concisión o esgrevio arcebispo Lago González no seu discurso de receición na Real Academia Gallega, pronunciado na sesión inaugural da Corporación o 30 de setembro do 1906. (Boletín de la Real Academia Gallega, ano I, núms. 6-7).




[p. 7]

galego, é, ao parescer, a escritura de fundación do mosteiro de Obona en Asturias, otorgada por Aldegastro, fillo de don Silo (2) no año 780, data cuia esaititude cronolóxica defende o P. Flórez; porque no seu texto latino interpólanse xa algunhas verbas do que había ser romance galego:
     «Damus siquidem in ipsa domus Dei ... duodecim porcos et cuatuor porcas ... et duas campanas de ferro
     Velehí, latexante, a vida xerminal do idioma galego, que abranguería xa viabilidade ao cumear o seu proceso formativo no século IX, seguinte ao da data da devandita escritura, no que se falaba xa «un galego incipiente, ainda non desviado enteiramente do latín vulgar descomposto».
     O idioma galego é, pois, fillo do latín, inanque polas súas veas decorre tamén sangue das linguas prelatinas, sobor de todo do celta, e das xermánicas, principalmente do suévico. E no seu árbore familiar figuran o castelán, seu irmán —e non seu pai, como se pretendéu con erro esvaido polo P. Feixoo—, e o portugués, seu fillo.



     3. PAISAXE TEMPORAL DA LINGUA GALEGA

     Podemos contemprar na súa perspeitiva histórica catro momentos principáis: o abrente, o mediodía, o solpor e o novo mencer.


     a) O abrente (séculos XI a XII).

     Nista xeira precisa distinguir, como fai certeiramente Fernéndez del Riego, a lingua escrita da falada. En canto ao galego escrito «as primeiras palabras galego-portuguesas, descóbrense en documentos do século XI, escritos no artificioso latín bárbaro, pero con inxerencias de romance ou lingua falada. Son —engade del Riego— documentos de utilidade, non moimentos




(2) Silo (774-783) era fillo do rey Aurelio e neto de Fruela. Aldegastro era, pois, bisneto de Fruela. (EMILIO GONZALEZ LOPEZ, Grandeza y decadencia del reino de Galicia, ed. «Citania», Buenos Aires; páx. 55).




[p. 8]

Iiterarios: particións, donacións, cartas de pago, testamentos...» (3).
     A lingua galega falada tiña, en troques, adequirido nisa mesma altura de fins do século XI e comenzo do XII prena autonomía, usábase polo pobo e soaba nos rexios salóns, amosando a súa capacidade xeneral de servicio á convivencia social. Abonde recordar un feito sinificativo: o da morte do infante Don Sancho. Alá polos anos de 1100 ou 1108, loitando contra dos mouros o fillo de Alfonso VI perecéu na batalla de Uclés. E conta Frei Prudencio Sandoval na crónica Historia del Rey Don Alfonso el VI, escrita un século despóis, que os nobres fuxidos daquela rota foron levarlle a triste nova ao Rei Don Alfonso, que estaba en Toledo. «Fuéle —di Sandoval— dolorosa y amarga porque no tenía otro hijo; Iloróle como David a Absalón, y en la lengua que se usaba, dijo con dolor y lágrimas que quebraba el corazón»:
     «¡Ay meu fillo! ¡Ay meu fillo! ¡Alegría do meu corazón et lume dos meus ollos, solaz da miña vellez! ¡Ay meu espello en que me soía ver et tomaba muy gran pracer! ¡Ay meu herdeiro mayor! Caballeros, ¿hu me lo leixastes? ¡Dádeme meu fillo, condes!»
     Debo acrarar, niste punto, que o meu caro amigo e ademirado colega Xosé María Alvarez Blázquez considera e pon ise texto como exempro de prosificación dun vello romance, no importante estudo, desenrolado no seu discurso de ingreso na Real Academia Gallega, sobor do interesante tema Romances vellos prosificados. Mais a tesis de vixencia do idioma galego a fins do século XI e comenzos do século Xll, e de que nisa época era lingua cortesá e a falaba Alfonso VI, non resulta contradita pola do esgrevio investigador da nosa literatura; porque, ben saídas de boca do propio Rei Alfonso como afirmóu seu cronista, ou xa postas nos beizos do Rei polo autor anónimo do posibel romance como pensa Xosé María Alvarez Blázquez, o certo é que ises dous feitos por nós aducidos veñen a ser en




(3) FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, Historia da Literatura Galega, ed. «Galaxia», Vigo, 1971; páxs. 15-16.




[p. 9]

calquera dos casos roborados; o certo é que naquil tempo un Rei falaba, ou facíaselle falar, en momentos de fonda emoción, pra chorar a morte do seu fillo, na íntima e doce lingua galega, «en la lengua que se usaba», como di o cronista Sandoval.
     Contemprando á luz dista perspeitiva histórica a esgrevieza e dinidade de que entón gozaba a lingua galega, fica un, máis que doido, abraiado de que a isa mesma lingua, pervivente ao longo dos séculos, pretenda negárselle hoxe, por algúns moito menos outos varóns, o pan e o sal, e poda ser tida por outros como «pouco fina».
     E ise feito histórico de que o galego falábase fora das fronteiras do reino de Galicia nista etapa abrental dos séculos XI e XII, recibe confirmación e alcontra xustificados motivos na opinión dos historiadores. Emilio González López sostén que «nos primeiros séculos da Reconquista foi o galaico-portugués a lingua culta do reino de León» (4). E o profesor hamburgués Hans Schneider, afervoado galegófilo e sabidente lingüista, dinos: «En su fase arcaica, el gallego fue lengua literaria de gran prestigio en Europa. Los provenzales que Ilegaban a Galicia en peregrinación a Santiago de Compostela y los cortesanos y caballeros del séquito del Conde Raimundo de Borgoña, que casó con doña Urraca, hija del Rey Alfonso VI, y luego fué Conde de Galicia, no sólo ejercieron una decisiva influencia sobre Ia poesía gallega, sino que también usaron, a su vez, el gallego en sus composiciones poéticas» (5).
     Notemos, pra rematar a fuxidía descripción dista xeira do mencer da lingua galega, a sinificativa coincidencia de que é nisa mesma época, na que emprende a súa marcha con paso afincado, cando o estilo románico abrangue o seu maior frorecimento e cando, na segunda mitade do século XII, erixe a súa xurdia obra, o Pórtico da Groria da Catedral compostelá; polo que pode decirse con metafórica verdade que baixo dos arcos do Pórtico de Mateo, ponte da cultura do Oucidente, comeza a fluir a vea ricaz do idioma de Galicia.



(4) EMILIO GONZALEZ LOPEZ, ob. cit., páx. 110.
(5) HANS SCHNEIDER, Algunas nociones sobre la lengua gallega, separata en dúas follas, sin mención da pubricación xeral orixinaria.




[p. 10]

     b) O mediodía.

     Mais cando os raios do sol do idioma galego, caendo a chumbo sobor da nosa terra, alumean e fertilizan os campos da cultura literaria, cando pode estimarse que se alcontra no seu mediodía, é na xeira dos séculos XIII e XIV. Despóis de camiñar légoas de xuventude con paso firme e rexo, a lingua galega chega a súa maturidá. Presta a súa voz á poesía lírica medieval, frolecendo nos Cancioneiros da man da lingua portuguesa, tan indiferenciadas e fundidas estonces —estaba a nación portuguesa na súa primeira infancia lingüística— que, según algún crítico ten ouservado, «no Cancioneiro de Axuda... é imposibel distinguir qué poeta é galego e cal é portugués pola lingua que emprega»; e «nos Cancioneiros da Vaticana e Colocci-Brancuti, nos que sobranceian as poesías de poetas xa individualizados, tampouco se pode colexir pola lingua o lugar de procedencia do escritor» (6).
     Pode decirse que é nista etapa secular cando o galego nace como lingua literaria, e cando chega a lingua galega a súa edade de ouro.


     c) O solpor do galego escrito.

     Chegado o século XV o galego esmorece por causa que a tradición histórica atribuie á prohibición polos Reis Católicos de que fose usado nos documentos oficiáis, sendo o certo que por aquil tempo (1486) viñeron Don Fernando e Doña Isabel a Galicia, onde tomaron diversas disposicións de goberno con relación á nobreza, á xusticia e ás reunións sociáis (7). A etapa de tal xeito iniciada chega ate o primeiro tercio do século XIX, e ven sendo chamada «de silencio académico» porque, agás de algunhas mostras fornecidas pola escola poética galego-castelá, formada polos derradeiros trovadores, e pola escasa poesía



(6) EMILIO GONZALEZ LOPEZ, ob. cit., páx. 109.
(7) VICENTE RISCO, Historia de Galicia. Ed. «Galaxia», Vigo, 1952; páxinas 143-144.




[p. 11]

académica dos séculos XVI ao XIX (8), a produción literaria escrita é praiticamente ineisistente.
     Mais si as prumas calaron, o pobo seguíu falando no seu idioma propio. O galego non decorréu por canles soterraños; non coñecéu «Guadianas». Esmorecéu, pero non morréu. E non soio iso, senón que por un fenómeno biolóxico coleitivo de compensación creacional, «é, precisamentes, nista longa xeira de silencio académico —como di Xosé María Alvarez Blázquez (9)— cando agroma, froitifica e madurez o pomar deleitoso, longal e fresqueiro da poesía popular galega».
     É nisa xeira —confirmamos nós— cando o pobo galego decrina poéticamente os seus sentimentos en coplas de tan outa beleza, sensibilidade e concisa perfeición formal como istas, verdadeiras miniaturas poéticas, nas que canta a paixón dos amores humán e filial:

     Si queres que brile a lúa,
pecha os ollos, meu amor;
que mentras os tés abertos,
a lúa pensa que hai sol.
     Morreume miña naíña,
levouna Noso Señor;
quero voar, e non podo,
levóume a ala millor.


     A lingua dun pobo que así fala e que así canta, non podía nin pode morrer.


     d) O novo mencer da lingua literaria.

     E por iso renace xurdiamente ao quentor do romanticismo, que trae aers de fora ao ambente literario rexional e soa de novo na pruma de Pastor Díaz, autor das «primeiras poesías verdadeiramente artísticas do século XIX», en conceito do profesor Carballo Calero, a coñecida Alborada, e a Egloga de Belmiro e Benigno, da que deu noticia no ano 1951 Xosé María Alvarez Blázquez e que, según diversas opinións, pode atribuirse ao poeta do Landro. Tras diste xurden os tres poetas príncipe da renacencia: Rosalía, Pondal e Curros.




(8) Vid. XOSE M.ª ALVAREZ BLAZQUEZ, Escolma de poesía galega, II A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830). Ed. «Galaxia», Vigo, 1959.
(9) Ob. cit., páx. 8.




[p. 12]

     A obra distes poetas permite dividir en dúas xeiras a total do renacimento, como fai o mesmo profesor Carballo Calero: dende Pastor Díaz á pubricación do libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro (17 de maio do 1863), e dende ista data deica a morte de Pondal.



     4. O REXURDIMENTO CULTURAL DE GALICIA, PARTINDO DA FALA, NO COMÉN DO SÉCULO XX

     Chega así o idioma galego á xeira encetada no ano 1916, que sinala un segundo rexurdimento da cultura galega partindo dos valores da súa lingua, e que se caraiteriza pola acentuación da arela restauradora do esprito de Galicia, seguindo as pasadas da xeneración romántica, particularmente no cultivo da persoalidade tradicioal da rexión, e de súas esencias populares concretadas no idioma.
     As entidades que contribúen principalmente a isa obra son, como é sabido, as «Irmandades da Fala», a revista NÓS, da que se ten cumprido o cincuentenario da súa saída —e que mantendo a prena enxebreza dos nosos valores culturáis, abre as súas portas á cultura europea—, e o «Seminario de Estudos Galegos», hoxe chamado «Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos».
     E chega, por cabo, o río do idioma galego ao estuario da época actual, no que se espalla e vai fecundar os alongados e diversos campos aos que de seguida nos referiremos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega