Tratado do efémero

Páxina Anterior

Encontro na noite.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero003.html


A Otero Pedrayo, in memoriam


     Avanzaba na noite no camiño de terra que beireaba o mato. O peito fervilláballe co devezo que algúns alcois mesquiños lle inxectaran. Ao sobardar a fonte, albiscou a figura, a silueta que se recortaba no luar denodado, a exclusiva cor preta na súa indumentaria, os peitos deseñados na chaqueta, o decote profundo existente na chambra, os finísimos zapatos cravexados dende onde agatuñaban formas provocantes que unha saia cinxía. Albiscou igualmente a face fermosísima, a ollada incitadora e escoitou subitáneo, dentro das súas tempas, o alarido do sexo. Achegouse á figura feminina e desexou bicala, investigala. Adiantou a súa man direita e unha pancada doente, dada co envés da man, estaloulle na face, derrubándoo. Cando se ergueu do chan (de sangue e terra) sabía xa a dureza do combate vindeiro, que se alongou por tempo ilimitado na alta noite. A muller abateuno en veces infindábeis e el só puido tocala en dúas ocasións: a primeira, coa palma da súa man a coxa dela, e a ansiedade democoulle o alento. A segunda, cando en medio da contenda rozou aqueles beizos cos seus beizos, sentiuse desvairado, mentres se misturaba o ruído apagado que as botas del xeraban co renxido metálico que, na terra, producía o calzado da figura. Abandonou a loita, esmaiolado, cando viu o sorriso soberbo da muller, a roupa da cal continuaba sen mácula. O leito recibiuno dentro da súa morneza. Ao espertar, igual que un asasino sen sosego, dirixiu os seus pasos ao campo de batalla, onde se dexergaban con total claridade as pegadas que as súas botas xeraran e non había, embora, o máis leve vestixio dos zapatos da figura feminina, que eran cravexados.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega