Tratado do efémero

Páxina Anterior

Pantallas.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero004.html

     O día 16 de febreiro de 1997 Afonso Pires Oliveira da Costa, natural de Padornelos, no país portugués de Trás-os-Montes, viaxou até Xinzo de Limia para gozar do Entroido e enlevarse coa marcha entolecida das pantallas. Presenciaba o seu galope arrítmico, a pancada metódica das binchas, o repenique impasíbel das chocas sobre os cintos, cando os seus ollos enxergaron, baixo o albo disfraz, un corpo feminino que singraba o mar da mocidade e que xulgou de estrutura prodixiosa. Aproveitando un instante de repouso no rodopío da festa, achegouse ao carón da figura e confioulle ao ouvido palabras apaixoadas e perxuras, ao tempo que deixaba que esvarara, como se se tratase dun xesto fortuíto, a palma da súa man sobre as nádegas dela. Ela xirou a cabeza e Afonso tentou adiviñar os riscos da súa face, mais só puido albiscar, tras da pantalla, uns penetrantes ocos no lugar dos ollos e o vertixe baleiro da boca. Cando a muller falou, a voz clara e profunda enfeitizouno definitivamente. Sábese desde tempos recuados que a máscara beneficia a confidencia erótica e Afonso Pires, agachado baixo o proprio antiface, propúxolle á pantalla a cópula concisa e inmediata. Con un aceno, ela aceptou, ao mesmo tempo que sinalaba a rota. Ao chegaren ao leito a moza impuxo ao home a condición de ningún dos amantes tiraren cadansúas máscaras. Aínda que a el lle pareceu blasfema aquela petición, aceptou a proposta, pois o mester do sexo aguilloábao. Xaceron entre lenzois de liño amarelado, até chegaren ao desfalecemento. Sobre o leito de amor, os homes apresentan pendor ao esquecemento de promesas e obrigas adquiridas. Consecuente con esta liña de comportamento, Afonso desposuíu aquel corpo magnífico, que xacía espido á súa beira, da pantalla intocábel. Cando arredou a máscara da face, apareceu baixo ela o rostro da muller -a súa pel branquísima- de feitío exactamente idéntico á mascara tirada, mentres se prolongaba no solpor sobre Xinzo un alarido inmenso que os ritmos das comparsas afogaban.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega