Tratado do efémero

Páxina Anterior

Troca do paradigma segundo Schariar.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirotratadodoefemero006.html


     Ao se cumprir a noite número 1001, así dixo Schahriar a Scheherezade: un milenio de días transcorreron dende que, coas armas da falsidade e do embaimento, ousaches invadir a miña alcoba. Só coa axuda de Alá -o moi Misericordioso, o Indulxente- conseguín defrontar as longuísimas noites de vixilia, mentres a túa voz aborrecida e balba, vadiaba territorios absurdos, sucados por regueiros de abulia e desacougo. Durante esta tempada, que cheguei a xulgar inabranxíbel na súa eternidade, houben de suportar as puerís narracións con que me torturabas e que documentaban a actuación de xenios xigantescos encelados en lámpadas; os necios enunciados de maruxos visionarios que xuraban coñecer certas aves capaces de portaren penedos nas gadoupas e afundiren navíos; as descricións inxenuas de equinos e ruminantes posuidores do comercio da fala; os relatorios simples de rochas que obedecen á palabra, deixando paso a covas ateigadas de tesouros inxentes. Relatos, todos eles, tan execrábeis como inverosímis. Só coa axuda de Alá -que é Omnipotente- puiden acometer con éxito o confronto coa noite interminábel, somente interrompida por alimentos, sexos ou licores que me tiraban de forma provisoria o agastamento e que me fornecían o alento indispensábel para seguir vivindo. Acredito con paixón semellante na xustiza e na magnanimidade. Pola primeira, debería privarche da existencia. Outorgareiche a vida, atendendo á segunda. Darei, embora, a orde de che tirar a lingua, pois algo aniña nela de blasfemo e caótico, e esa malignidade podería chegar a mergullar na desdita, na confusión e o pranto todo o Reino. Farase así, segundo o quere Alá -que é Sabio e Poderoso-.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega