Xente de fusil, xente de libros

Páxina Anterior

Quinta parte. Espertar dun soño...

Páxina Seguinte

v3nachoperezxentet005.html





XXXIX


     —¿Sabes que es un heroe? Todos preguntan por ti. Todos queren coñecerte.
     Mahafoud. Unha das apertas máis sentidas de todas. Un dos que mellor poden entender o que pasou.
     Irmán.
     Ti tamén levas gravados na cara os anos pasados. Foron tempos difíciles para todos. Pero, ¿de onde sacas esa mirada? O corpo canso e o rostro curtido fan que resalte a mirada tranquila, decidida, convencida do que quere. Unha certa picadela de sa envexa pola claridade que intúe no irmán. Cambiaría toda a súa bagaxe; a formación, a intelixencia, a experiencia, o pasado, cambiaría todo por unha parte da sinxela credibilidade do irmán; por un pequeno raio da súa mirada.
     Aquel día, comenta Mahafoud, houbo unha desbandada xeral. Antes de que os soldados arrasasen o campamento pola tardiña a maioría xa marcharan. Deixando atrás as escasas pertenzas; preocupación só polas persoas. Foron momentos de confusión. Ninguén sabía o que estaba a pasar; houbo berros e carreiras; preguntas angustiosas polo amigo, polo irmán, pola nai. Afanosa busca dunha saída coa única preocupación de salvar o pelexo. Non había para menos. Os soldados foron bastante bestas e arrasaron con todo o que había diante. Bassiri foi dos poucos que quedaron.
     —E xa debes saber o que foi del.
     Lealdade ata o final. Absurda valentía que acabou coa súa vida. Os máis discretos, continua o irmán, puideron volver ós seus lugares. Outros, os coñecidos, tiveron que escapar fóra e agacharse. Muisa, Abdulha, Zaiu, Gali, Lehssen. Foron demasiados para lembralos agora un por un. A maioría a Mauritania; Nuadibú, Zueratt. Tamén Alxeria; Tinduf. A confusión durou meses. Non se sabía quen estaba fuxido, quen agachado, quen detido, quen escapado, quen desaparecido, quen morto. Mohamed estaba entre eles. Durante moito tempo tivemos a esperanza de que estaba detido ou andaba agachado e reaparecería en calquera momento. Neses meses a súa lenda creceu dun xeito insospeitado. A lenda do mahdi, do imán reformador.
     —Pero a espera foi inútil.
     Tardamos máis dun ano en confirmar as sospeitas que cada vez eran máis evidentes. Agora a luz da mirada de Mahafoud transfórmase en melancolía. Moitos recoñecemos neses momentos o que non entenderamos antes. Pero xa era tarde. Poucos, e ti estás entre eles, un certo orgullo nos ollos, soubestes valorar realmente as cualidades de Bassiri. Tampouco os españois. É unha mágoa. Agora xa só nos queda a loita.
     Foron tempos de lenta recuperación, de contactos roubados, de actividade interior de boca en boca, sen inútiles manifestacións externas. Algúns dos que estaban fóra, Zaiu, Lehssen, tiveron conversas coas autoridades e cos partidos políticos mauritanos; pretendían o recoñecemento e un apoio ás correntes anticoloniais que empezaban a cobrar novas forzas.
     Tamén foron tempos de desconexión. De esforzos individuais, de contactos moi puntuais. Incluso con Marrocos. Hai un rapaz que empeza a ser bastante coñecido por todos. É, como Bassiri, como os devanceiros, da zona de Tan Tan. Soubo aproveitarse dos marroquís e estudiou gracias a eles en Rabat. Leva un par de anos traballando e establecendo contactos. Cos propios marroquís, cos libios, cos alxerinos, cos mauritanos.
     —Chámase El Lueli.
     É bastante novo. Tiven a sorte de coñecelo. Ten unha forza e unha personalidade incribles. Está a dar moito que falar. Hai pouco conseguiu o recoñecemento e o apoio de Libia; ó mesmo tempo soubo da xente da vella garda da OVLS que está en Mauritania e púxose en contacto con eles. Tentan unir esforzos. Penso que agora imos polo bo camiño; sen precipitacións, calculando cada movemento, buscando os apoios necesarios.
     —E ti tes que axudarnos. Tes moito que dicir. Es moi popular; ven en ti a un dos principais herdeiros de Bassiri.
     Es un heroe. Estiveches no cárcere. Dentro dun par de semanas hai unha reunión en Zuerat entre todos os grupos. É un intento importante para buscar a unión das diferentes tendencias e tentar obxectivos e estratexias comúns.
     —Debes estar alí. Tes que estar. Vén comigo. Pode ser a miña mellor aportación nesta pequena historia.






XL


     —É Brahim. Meu irmán.
     Os ollos brillan de orgullo cando fai as presentacións. Brahim. O irmán pequeno. Un heroe. Estivo no cárcere. Un dos mellores amigos de Bassiri. Tres anos. É moi intelixente. Foi dos destacados en Zemla. Ten as cousas moi claras. Detrás deste corpo mirrado hai unha personalidade de ferro ...
     Moitas caras novas; demasiadas. Desconcerto. Entre tanta presentación non coñece a ninguén. Está moi perdido. ¿Onde están os amigos? Ás veces necesidade de fuxir, de deixalo todo, de estar en soidade. Ó mesmo tempo unha descoñecida sensación de autoconfianza, de saberse coñecido; de ser alguén importante entre os seus. Responsabilidade. Aínda sen coñecelo persoalmente é respectado e admirado por todos. Moitas veces non se recoñece nos afagos de Mahafoud. Non hai para tanto. Eu só era amigo de Mohamed. Non fixen nada especial.
     Necesito descansar. Esquecer todo. Estou desconcertado. Non me quedan forzas. Só vivir no anonimato; illado de todo e de todos.
     —Preguntou por ti varias veces ó longo da tarde. Estaba preocupado. Ninguén sabía nada en medio de todo aquel rebumbio.
     Lehssen. Cara amiga. Confianza recobrada despois dos intres de abandono. Lembranzas comúns; pasado común. Mohamed.
     —Ti estabas con el. ¿Como foron realmente os últimos momentos?
     Nunca perdeu a calma. A mirada de Lehssen ponse en tensión ó pensar naquela tarde de martes. Só ó final foi consciente do que lle viña enriba; pero tampouco daquela cambiou de actitude. En todo momento foi el o que nos mantivo a todos. Foi leal ata o final. Non quería deixar unha mala imaxe como derradeira herdanza. Quixo ser fiel a el mesmo e a todos nós; ser protagonista da historia e que ninguén escribise por el aquelas derradeiras liñas.
     —¡Triste protagonismo!
     En ningún momento opuxo resistencia. Nin sequera cando as noticias que chegaban da manifestación eran as peores que se podían esperar; cando xa había referencias dalgunha morte. Entón chorou; foi case ó final. Chorou por todos nós. Tamén chorou por el; sentía culpabilidade polo que estaba a pasar.
     —Pero as últimas palabras foron de ánimo.
     —¿E agora que?
     A pregunta de Brahim semella feita para o amigo. Pero en realidade falaba para el mesmo. ¿E agora que? ¿Que temos por diante? Sabía que as cousas cambiaran; que en pouco tempo ía ter que tomar decisións; decisións importantes; transcendentais. Xa non era ir á esteira doutros; era el o que podía influír nos demais. Quería saber a opinión de Lehssen; necesitaba coñecer a situación de boca de alguén dos de antes, de alguén de confianza. Necesitaba máis claves.
     —Agora é moi diferente.
     A resposta de Lehssen é rápida e contundente. Fala de máis xentes; de forzas recobradas; de unión. De apoios exteriores e interiores. De líderes. De momentos propicios. De ideas claras. De Marrocos, de España, de Mauritania, de Alxeria, de Libia.
     —Non vai ser como antes. Agora hai unha auténtica organización.
     Tamén fala de líderes. De novas caras. Insiste, como xa fixera Mahafoud, na recente figura do tal Lueli.
     —Tes que coñecelo.
     É unha persoa singular. Xusto o que necesitamos. En moitos aspectos aseméllase a Bassiri. É capaz de convencer só coa mirada e co sorriso infantil. Vendo para el, pensas no amigo que todos queremos ter; a nai soña con ese fillo especial que todas desexan; a rapaza co noivo do que presumir por riba das demais. É realmente extraordinario.
     Ten palabra fácil; fala como poucos. Tamén as ideas; sabe o que quere e como conseguilo. Co seu pelo enguedellado e a cara doce parece un neno grande disposto a axudar a todos. Inspira confianza; atrae; chega ás persoas. Detrás, unha forza e unha convicción fóra do común.






XLI


     —¡Xa está ben de colonialismos! Levamos demasiados anos dominados, vivindo de costas a nós mesmos, ós nosos irmáns árabes.
     É o tal Lueli o que fala. Diríxese ó selecto grupo de compañeiros que escoitan ávidos as súas proclamas. Brahim ten un interese especial por saber de que vai este individuo do que todos falan. De feito, pensa Brahim despois dunha primeira impresión, a súa figura resulta impresionante; ve algo pero non sabe dicir o que; a simple derrah azul semella diferente ás demais.
     Cando fala pon forza nas palabras. Sabe resaltar co xogo da entoación o sentido das ideas. Un silencio aquí, unha subida de ton alá, preguntas que quedan no aire esperando imposibles respostas.
     —¿Que temos sacado en limpo despois de tantos anos de dominio español ...?
     Silencio premeditado. Que cada quen busque a resposta. Continua nun ton moi baixo e decidido concentrando toda a atención dos oíntes. Nada. Contéstase el mesmo. Só ignorancia. Pobreza. División. Morte. ¡Explotación!
     Brahim sente como os ollos do orador se cravan na súa mirada. Todos pensan o mesmo. Ten a estraña habilidade de facer pensar a cada quen que está falando exclusivamente para el. Os tempos da submisión xa pasaron. Continua Lueli. Tampouco son tempos para solucións pacíficas.
     —¡Hai que pasar á violencia revolucionaria! ¡O futuro está na loita armada!
     O ton volve a ser acendido, elevado, imperioso, rompendo novos silencios e creando un murmurio nervioso entre os asistentes que pouco a pouco vai exaltando os ánimos. Temos que unirnos todos os pobos magrebís, todos os musulmáns, todos os africanos na guerra pola liberación. ¡Hai que loitar para acabar co colonialismo, co imperialismo, coa segregación racial de occidente! ¡Basta xa de opresión! ¡Nin colonial nin política! Tampouco económica. ¡Defendamos o dereito á nosa independencia!
     —Estamos pola revolución árabe. Polo anticolonialismo; sexa do tipo que sexa.
     Moito máis calmo e despois dos berros e saúdos que acompañan a introducción de Lueli é Lehssen o que fala. Tenta resumir e definir dun xeito sistemático as liñas xerais do que pretende a nova organización. Debemos dirixir as nosas miradas á revolución alxerina; temos que buscar os máximos apoios irmáns na loita contra o inimigo común.
     —Sós non imos a ningures.
     Hai que abortar entre todos os novos intentos de occidente para controlar o mundo árabe. Onte foi a relixión e a cultura; agora o petróleo; o colonialismo económico. Pero detrás segue a estar o de sempre; o control político; queren seguir sendo o embigo do mundo. Xa non é tempo de palabras. Hai que pasar á acción.
     —¡Só co fusil arrebataremos a liberdade!
     De novo Lueli nunha proclama final que pasará á historia e que fai estoupar o pequeno e ateigado recinto nunha explosión de aclamacións e aplausos.
     Estamos a dez de maio de mil novecentos setenta e tres. Será un día importante. A recordar por todos. Queda constituída a Fronte Popular para a Liberación do Sahara, a FPLS, xerme do que chegaría a ser a Organización con máis peso na historia saharauí. Pretende ser un movemento de masas no que se unan todos os habitantes do deserto; ten unha clara fundamentación árabe e revolucionaria; os obxectivos e camiños a seguir tamén están perfectamente definidos.
     Brahim está exultante. Contaxiado polo ambiente enardecido pensa nas coincidencias. Vén de escoitar o que el mesmo pensara tantas veces na reclusión da fronteira. ¿Ou non serán coincidencias?; ¿non será que na realidade xa non hai outro camiño? Si; está convencido. Agora trátase de amosar a súa adhesión ó Movemento. Unha vez rematado o mitin, e entre apertas, gritos, proclamas e felicitacións, diríxese a Lehssen nun á parte.
     —Estou con vós. Contade comigo para todo o que faga falta.
     Non acaba de entender algunhas cousas; coincide con todo o dito na reunión pero ten que reflexionar; ten que aclarar as ideas. Pola noite, nun ambiente de euforia herdado da reunión, fala con Lehssen; e é o amigo o que acaba de puntualizar algunhas das bases introducindo ideas propias.
     —O colonialismo é unha peste. É capaz de acabar con todo un pobo.
     Pensa por exemplo no idioma. Eles traen a súa lingua e arrasan con ela todo o que atopan ó seu arredor. É a lingua a que dá o acceso á cultura, á educación, ás imprescindibles relacións coa administración. Sen a lingua colonizadora non imos a ningures. A hassania morrerá antes ou despois; non ten utilidade nese mundo; e eles son os primeiros que o saben e tentan reducirnos o acceso ás súas palabras.
     —Ademais, o colonialismo implica unha relación baseada nos status.
     O colonizador, por definición, considérase superior; está certo de que o colonizado é un ser diferente de seu; un ser moi inferior. Pensa que coa colonización está a facernos un favor. O problema aparece cando despois de demasiados anos desta situación, o colonizado chega a crerse esa situación. De tanto sentilo, de tanto escoitalo, de tanto vivilo, chegamos a crernos realmente inferiores.
     —Entón é cando xa non temos nada que facer.
     Pensamos que a nosa vida é rudimentaria; que a nosa cultura é primitiva; que a nosa lingua non serve para nada ... e tentamos mergullarnos no seu mundo coa va esperanza de ser alguén entre eles; entón é cando perdemos o camiño do futuro. Mentres non recuperemos a nosa confianza de pobo, o noso orgullo, a nosa identidade, non temos nada que facer. Mentres creamos que somos inferiores estaremos realmente por debaixo deles e eles terán a xustificación para continuar na súa liña.
     —E iso é o que proclama a Fronte. O que fai que Lueli destaque sobre os demais.






XLII


     Amencer no deserto despois dunha insuficiente hora de sono. Sentimos unha persistente canseira que só se ve superada pola euforia que vivimos nestes primeiros momentos nos Campamentos de Tinduf.
     Son as seis da mañá e un asturiano, ó que logo coñeceremos como José Luís, fai de improvisado espertador atronando o ambiente co seu voceirón mentres entoa incomprensibles cancións. Non o fai mal de todo pero non son horas para músicas. Algún día haberá reaccións case violentas contra este improvisado cantaruxeiro por parte das aves nocturnas de peor espertar.
     Pouco a pouco toda a recepción vai collendo o ritmo da xornada mentres cada quen busca sitio na cola para poder ir ó cuarto de baño. O atasco a estas horas é importante e hai quen prefire aproveitar os últimos momentos de sono e levantarse cando xa non queda xente na porta da ducha. Entre tanto, saúdos e presentacións.
     —¡Hola!, me llamo María. ¿Que tal os fue el viaje? Soy maño. ¿A qué hora habeis llegado? Por las mañanas hay que darse prisa o quedas para el final y te eternizas esperando por la ducha. ¿Cómo os fue en Argel? ¿Qué os ha parecido la primera noche en el desierto?      Hay que pasar rápido al comedor para el desayuno; los que llegan de últimos igual se quedan sin pan. ¿Qué tal las cucarachas? ...
     A maioría das veces máis cortesía que auténtico interese. Será a característica que percibo como dominante en case todas as relacións co grupo de Asturias. Aluvión de caras e nomes que se mesturan nunha nebulosa que aínda hoxe se perde sen saber asociar moitas das caras cos nomes. Penso que tampouco interesaba demasiado; por ningún dos dous lados. Sagrario, Ángeles, Eduardo, María, Beatriz, José Luís, Víctor, Andrés, Susana, Martín ...
     Empezamos a sentir o deserto dende o primeiro momento; xa a estas horas hai que botar un grolo de auga, antes do almorzo, para aliviar a sensación de sede e secura na boca. É moi intensa. Sinxelo pero reparador almorzo; café con leite e pan do día anterior frito; algún día un queixo graxento que pretende as funcións da manteiga pero resulta excesivamente forte para o gusto e o estómago. Algún día galletas. Outro, non hai máis que o café bebido; non hai lugar nin para o habitual codelo de pan; está fermentado e non se pode comer nin enganado coa fritura. Son moitos os días que sentimos o peso da simple supervivencia como norma básica para a alimentación diaria.
     Despois do almorzo saímos ó exterior e, á luz do día, tentamos facernos co entorno. Alí, a cen metros diante de nós, un edificio semellante á recepción que destaca sobre as escasas construccións. Ó final non sabemos exactamente o nome que lle dan. Casa de diversión; é a definición que me queda. Algo máis clara está a súa función. Lugar de reunión da Wilaya. Festas, xuntanzas de organización e coordinación, algúns xogos escarrastrados, única televisión ... Casa de diversión. Lugar de reunión e entretemento para as case cincuenta mil persoas que poden formar a Wilaya de Auserd.
     Ese mesmo día pola noite José Luís e máis eu teremos a oportunidade de coñecer as súas vantaxes; achegámonos á casa de diversión a ver pola televisión o partido final da Copa do Mundo de fútbol. Brasil e Italia. Sinal da televisión alxerina que se perde en demasiados momentos; transmisión en árabe da que só recoñecemos algúns nomes de xogadores; ambiente de contida apatía, a pesar das claras preferencias por Brasil, dun público para o que prevalece por riba de todo a educación e a cortesía e que non lle permite manifestacións externas que poidan distraer a atención das numerosas persoas que están arredor. Toda unha experiencia. Ata aquí chega o fútbol. Toda unha lección de respecto polos demais.
     Un pouco á esquerda da casa de diversión está o edificio do gobernador; cotrosa oficina do wali de Auserd. Detrás, outra construcción circular da que non chego a saber a utilidade.
     Eu teño un irmán arquitecto e, queira ou non, algo se apega. Interésame o tema e tento informarme do porque da forma das escasas construccións. Aquí non hai que ser un experto para saber a causa desta innovación arquitectónica que leva a que estas últimas construccións sexan circulares. Ten unha clara razón de ser; para tentar diminuír o devastador efecto do vento. Nas construccións típicas, rectangulares, a area vai depositándose contra as paredes formando pequenos montículos e socavando o barro; ata que, antes ou despois, ferido de morte, o edificio acaba por derrubarse. Coa forma circular, o vento e a area arrodean as paredes, esvarando, facendo que as feridas sexan menos profundas e retrasando a inevitable destrucción.
     Non hai máis edificios. No medio de todo, orgulloso, un monolito feito con pezas inútiles dos vellos Toyotas escolta á bandeira da RASD. Centro xeográfico e social de toda a vida da Wilaya.
     No fondo, á esquerda e á dereita, podemos intuír dúas masas escuras que destacan sobre a cor da area. Son dúas das dairas que forman a Wilaya. Achegándonos un pouco, sucesión interminable de tendas cada unha coa súa pequena construcción de adobe ó lado. Cada pouco, un depósito de auga común. Perfecto aliñamento; máxima parcelación aproveitando o terreo e tentando a rendibilidade da orde, da organización e da protección contra o vento.
     Por todas partes xentes. É cedo; as sete menos cuarto da mañá; pero xa hai un movemento continuo de persoas que van e veñen dando vida a esta inhóspita e desolada paisaxe. Nestes momentos a nós antóllasenos preciosa; será pola novidade e polo exotismo pero vemos diante un cadro realmente precioso.
     De cando en vez, aumentando a sensación de vida, algún que outro vehículo levanta unha nube de po no seu lento avanzar para perderse no deserto.






XLIII


     Salem. Inusualmente alto; incluso para a elevada estatura media dos saharauís. Delgado; case escuálido. Aspecto xeral desgairado. Faccións marcadas que anuncian un pasado berber; pel bastante escura; beizos grosos e carnosos; pelo negro moi revolto. Na mirada, tamén negra, unha profunda tristura e unha clara expresión de reserva. Sorriso desacostumado pero franco e aberto deixando ver uns dentes brancos e brillantes que iluminan toda a cara. Falar calmo e doce nun castelán case perfecto dominado polo acento árabe.
     Ten vintedous anos. Naceu no Sahara; en Auserd. Leva nos Campamentos dende os catro anos; a súa tenda aquí está na Wilaya de Aaiun pero a penas vai por ela; sobre todo en determinadas épocas do ano. Pasa a meirande parte da súa vida con grupos como o noso. Nunha conversa que mantemos na recepción de Rabunni recoñece que non ten lembranzas da Patria; mentres, a normal expresión de melancolía adquire límites descoñecidos.
     É o noso guía; o noso acompañante. O Comité de Protocolo asigna unha persoa a cada grupo de visitantes. Salem vén de rematar o que define como quince días esgotadores cun fotógrafo español. Non traía roupa; tampouco aparellos de aseo; completa cunha exclamación; ¡nada!, ¡non traía nada! Só carretes e máquinas. Bolsas cheas de centos de carretes de fotografía.
     —Era un bo rapaz pero fíxome suar.
     Sentencia cun sorriso final. Di que estará con nós provisionalmente mentres non nos asignen un acompañante oficial. Ó final será o propio Salem o que pase con nós todos estes días nos Campamentos.
     Todo el está dominado por unha fonda expresión de tristura e melancolía. Incluso a escura roupa europea que habitualmente utiliza. Ten motivos. Estaba en Cuba estudiando Dietética e Nutrición, alí é unha especialidade dentro de Farmacia, apostila para deixar clara a súa formación universitaria, cando o chamaron ós Campamentos por unha situación familiar grave. Futuro truncado por un problema que nunca chegou a concretar pero no que había connotacións un tanto estrañas. Agora leva anos esperando unha nova oportunidade; está nas listas de espera para saír ó exterior a rematar os estudios pero pensa que a súa oportunidade xa pasou.
     Mentres, pérdese nunha sucesión case ininterrompida de grupos ós que ten que facer de anfitrión. Resúltalle especialmente difícil e en moitas ocasións non se agacha detrás do disimulo. Salem é un rapaz cunha ansia incrible por saber cousas, por aprender, por ser alguén. Son moitos os momentos nos que nos bombardea con preguntas de todo tipo para tentar achegarse ó que pasa no exterior, sobre todo en España. Sempre que podo, afirma orgulloso ante a miña pregunta pola orixe da súa información, escoito pola noite algunha radio española; as poucas que podemos coller aquí; case sempre Radio Exterior; algunha vez a COPE ou a Cadena Ser. Tamén le todo o que cae nas súas mans. Estes días devora os periódicos e revistas que traemos da viaxe.
     Non é de estrañar a expresión de mágoa. A súa necesidade de saber ten un estreito límite marcado polas condicións de vida nos Campamentos. Amais, sabe o que é o exterior; coñece a vida fóra do deserto. Por se isto fose pouco, ten sempre o mel nos beizos sen chegar a tocalo; o contacto cotián con nós, cos grupos estranxeiros, penso, pode agravar dun xeito importante a súa situación. Para el debemos ser unha porta aberta a ningures.
     Pero aínda hai máis. A mirada de Salem pode ser a imaxe física dunha parte importante dos saharauís que coñecemos estes días. É unha impresión persoal que non comparten algunhas das compañeiras nin José Luís, pero penso que esta xente está algo máis que queimada da súa situación de provisionalidade. Moitos deles xa pasan dos vinte anos nos Campamentos de refuxiados. Detrás, unha guerra; e o que aínda é máis grave, por diante unha acusada ausencia de futuro. Miradas que expresan a desesperación, o paso dos anos sen ir nin para diante nin para atrás, a inxustiza dunha vida marcada polo exilio, o devecer pola terra. As duras condicións dos refuxiados.
     Ningún ser humano pode sobrevivir moito tempo da caridade. Antes ou despois a súa autoestima, o seu orgullo individual e de pobo, a paciencia, chegan ó límite. Ninguén pode aturar por moito tempo esta vida costenta de loita continua contra as dificultades. Antes ou despois acaban por caer.
     A miña impresión persoal ó longo da visita ós Campamentos de Tinduf, personalizada de xeito alarmante en Salem, é que o pobo saharauí está perigosamente preto do límite. Ás veces intúo que as cousas van máis alá. Hai persoas nos Campamentos, hai saharauís, Salem, que pouco a pouco perderon a ilusión colectiva polo devir. Só lles queda a ilusión por outro futuro que non está nos libros nin nas consignas oficiais; soñan cun futuro individual e un tanto traizoeiro; calquera futuro; tanto ten. Un futuro que non ten forma determinada pero que se sitúa moi lonxe dos Campamentos de Refuxiados de Tinduf.
     Penso que o futuro, o que sexa, ten que chegar moi pronto. En caso contrario o pobo saharauí acabara perdendo a pouca vida que lle queda.
     ¿Estará ese futuro no Referendo? ¿Quizá na volta á guerra?
     Pero nin eu nin ninguén pode adiviñar cal pode ser ese outro futuro. A situación actual non da pé para pensar noutra cousa que non sexa o exilio.






XLIV


     —¡Pero eu quero loitar!
     As palabras de Brahim amosan prema e un certo nerviosismo.
     A estratexia da Fronte levara, naqueles meses, á proliferación de accións de forza e sabotaxe contra os intereses españois no Sahara nun controlado intento de chamar a atención e de acosar ó exército colonial. Brahim sente que leva moito tempo, demasiado, pensa con desesperación, aburrido en Zueratt sen nada que facer. Quere colaborar; quere acción; quere volver ó Sahara. Lehssen, con expresión paciente, agarda o seu desafogo e que remate dunha vez coas queixas.
     —Non pode ser. Por agora non.
     Con voz suave pero inflexible tenta calmar ó amigo mentres lle explica as razóns. Para empezar, aínda estás débil; non estás recuperado; non aguantarías as condicións dunha acción armada no deserto. Para continuar, non tes preparación militar. Isto non é ningún xogo; xa perdemos algúns homes e é un luxo que non nos podemos permitir. Ti es demasiado importante para nós; vales demasiado; non queremos mártires mortos; é preferible persoas vivas. E, por último, ti es coñecido para os españois; pensa no teu futuro se te pescan cunha arma na man.
     —Ademais, temos traballo para ti.
     As accións armadas no interior son importantes; pero non as únicas. Hai moitísimas cousas que facer e cada quen ten que colaborar no lugar xusto no que pode render mellor. As razóns calculadas de Lehssen empezan a serenar a actitude de Brahim que, ata agora, só amosara a mínima cortesía esixible. Sabes, continua Lehssen, que somos moitos; cada vez máis. Pero estamos case todos no exterior.
     —Necesitamos apoios dentro.
     A loita de guerrillas é complicada. Hai que ter lugares onde agachar armas, onde poidan refuxiarse os rapaces antes e despois das accións, onde poidan comer algo, onde poidan descansar. Tamén necesitamos información. É imprescindible a axuda dende dentro. Ademais, estamos nun momento no que temos como obxectivo prioritario a expansión máxima da Fronte. Sabemos que hai moita xente que nos mira con bos ollos; sobre todo despois das últimas accións. Pero necesitamos máis; moito máis; non chega con adhesións; temos que conseguir colaboracións reais.
     Nun respiro de Lehssen, Brahim recupera a palabra nun desesperado intento de defender a súa postura; el quere loitar; como sexa; a calquera prezo. Ti sabes que eu pertenzo a unha cabila guerreira, son ahel mdaf'a, teño tradición de xente de fusil.
     —E moi poucos pasastes polo que eu. Quero que paguen polos tres anos que me quitaron. Un por un.
     O que agora empeza a impacientarse é Lehssen. Pensaba que xa o tiña convencido e agora sae con estas. Hai que empezar de novo, con paciencia, sen perder a calma. Mira Brahim, continua Lehssen, a estas alturas, as tradicións xa non contan.
     —Aínda che diría máis. Un dos principais obxectivos que temos por diante é superar esa conciencia tribal.
     O único futuro posible pasa por un Sahara unido que supere as pechadas tradicións das cabilas, das fraccións e das castes. Necesitamos que todos e todas se identifiquen coa Fronte; que a consideren como propia; como único e lexítimo representante do pobo saharauí; como un representante con forza que pode dar moito que falar.
     —Pero ...
     ¡Non!, ¡non!, déixame seguir. Falas dos teus antecedentes guerreiros. ¡Bobadas! Mentres fala, Lehssen decide que é momento de adoptar unha actitude máis dura co amigo; as razóns semella que non serven.
     —¡Non tes nin idea de nada!
     ¿Para que pensas que poden servir os antecedentes? Falamos dunha loita armada; dunha loita de verdade; non de xogos de nenos. Dunha loita na que matamos e morremos.
     —¿Que sabes ti de estratexias militares?
     ¡Non me fagas rir! Non durarías nin media hora.
     Cun xiro brusco e premeditado, Lehssen tenta recuperar o dominio da conversa pasando a unha actitude máis tranquila e conciliadora; quizá os afagos consigan aplacar ó alporizado Brahim.
     —Ti es perfecto para o que fuches seleccionado.
     Escoita. Cada quen ten que estar no seu sitio. ¿Que pensas ti que pretendemos coas accións armadas? Non te enganes; a nosa idea non é expulsar ós españois a través dunha guerra; sería unha batalla perdida de antemán. O único que queremos é obrigalos a sentarse e falar con nós. ¿Queres que paguen todo o que che fixeron? ¡Pois colabora con nós!, axúdanos a botalos fóra do Sahara.
     —Desengánate. A loita de guerrillas é importante pero non ten un fin por si mesma.
     Se algo están a ter de importante as sabotaxes é que a xente de dentro empeza a saber de nós; empezamos a ser coñecidos. Pero necesitamos moito máis. Necesitamos apoios dentro que dean publicidade ó que facemos, que falen da Fronte, que transmitan o que somos e o que pretendemos.
     —E ti sabes falar.
     Último intento apelando á vaidade de Brahim. Tes formación; tes a experiencia de Amgala con Bassiri; es intelixente; sabes gañarte ás xentes. É sobre todo, non es un descoñecido para moitos dos compañeiros.
     —Queremos que controles a zona de Zemur.
     Moi ó final os esforzos de Lehssen tiveron a súa recompensa. Foi o momento de pasar ás consignas para un traballo difícil e descoñecido.
     —Tes que dirixirte a grupos pequenos e, en principio, moi seleccionados.
     Logo, pouco a pouco, ir ampliando as posibilidades. Fala e escribe. Tes que facer escritos e logo distribuílos. Insistir no que pretendemos. Buscar colaboracións reais e non só simpatías. Fálalles do que estamos a facer, da Fronte, das accións de sabotaxe, da necesidade de unión superando a conciencia tribal.
     —Sácalle o máximo rendemento as noticias que cheguen das acción armadas.
     Insiste en que esta vez imos polo bo camiño. Que ninguén faga nada sen contar con nós. Que todo o mundo se convenza de que somos o único representante lexítimo do pobo saharauí.
     —Sobre todo, non te expoñas innecesariamente.
     Mandámosche a Gelta por que alí ti non es demasiado coñecido dos españois; contan contigo no norte. Pero non esquezas nunca a túa situación. Para eles ti es un prófugo. Se tes algún problema pasa o máis rápido que poidas a Mauritania; alí sempre atoparás algún amigo.
     —Non creas. Isto non é definitivo.
     Algún día poderás colaborar coas armas. Podes estar certo. Algún día todos teremos que colaborar coas armas.
     Prométocho.






XLV


     A zona de Gelta non lle resulta totalmente descoñecida a Brahim. Ten lembranzas infantís un tanto diluídas; últimos intentos de supervivencia da vida de nomadeo; o desprazamento máis longo dende a seguridade de Smara. Demasiado afastado na memoria para ter unha conciencia clara.
     A viaxe dende a mauritana Bir Um Greim ata Zemur céntrase en evitar o camiño principal; sobre todo o posto fronteirizo e algún que outro control que os españois tiñan na zona. Por primeira vez ten a sensación de vivir como estraño na propia terra. Pola noite, axexando a través dos ollos pechados nun intranquilo sono; durante o día, miradas precavidas tentando adiviñar as intencións de cada quen e intuír a máis leve sensación de perigo. En todo momento unha tensa alerta do corpo e da cabeza.
     —É a clandestinidade. Resulta difícil ó principio pero se cadra chegas a acostumarte.
     Palabras de Mahafoud antes de partir. Non te preocupes. Vas facelo moi ben. Sobre todo cando superes esa sensación de tensión extrema que se fai esgotadora e en moitos momentos insoportable. Despois de dous anos de incursións roubadas, o irmán sabía do que estaba a falar.
     Hametti. Non chega ós dezasete anos. Un corpo sen acabar de formar no que se intúe un prometedor futuro. Na cara leva debuxada unha convicción sen límites e unha decisión que contrasta coa feitura aínda infantil. É o guía habitual nestes desprazamentos no Zemur; coñece a zona como poucos a pesar da inmadurez do corpo.
     Algunha noite, evitando o perigoso sono con longas e íntimas conversas acompañadas de frescos dátiles secuestrados á mirada dos españois, descobre nos ollos do rapaz un veo de profundo respecto; case de adoración. Por primeira vez sente de verdade o peso da responsabilidade; toda a area da máis grande das dunas que afoga e non deixa nin respirar. ¿Quen son eu para converterme no ídolo deste rapaz? ¡Deus!; ¡se é case un neno!; se aínda tiña que andar no colo da nai. ¡Se é máis novo que Boukhari! Pensa no irmán reencontrado e perdido no mesmo momento e identifica a súa feitura coa de Hametti. Antes ou despois tamén acabará nestas historias.  ¡Non é xusto!
     Noutra noite de vela Hametti conta a súa vida. Brahim esperaba chegar ó familiar perdido que xustificase culpabilidades e odios. Pola contra, vida normal na que se confunde a infancia e a madurez no momento no que por propia iniciativa, sen axuda de ninguén, descobre a inxustiza. Fame na carne. Convicción propia e non labrada con palabras alleas e baleiras. Inocencia pura, case suicida, que non entende de programas, de apoios, de independencias políticas. Máxima sinxeleza e espontaneidade agachadas detrás do etéreo concepto de xustiza.
     —¿Que che parecería acompañarme e ser o meu axudante?
     A luz dos ollos e o sorriso infantil falan por si mesmos. Por uns intres Brahim pensa na propia imaxe aquel perdido día en que Mohamed o seleccionara para acompañalo a Aaiun. Sente un algo coñecido mesturado co espertar do peso da responsabilidade. ¿É xusto expoñer a este rapaz en beneficio de quen sabe que?
     Aquela noite, faltaban dous días para chegar a Zemur, unha vez pasada a calor da conversa e das confidencias, cando o rapaz dorme plácida e despreocupadamente ó seu lado, ¿como pode durmir deste xeito? inocencia, é o único que se lle ocorre, Brahim pensa dun xeito algo máis frío. A expresión da cara non deixa claro se o sorriso de cinismo é producto dunha falta total de sentimentos ou unha macabra desfiguración de ideas máis nobres que acompañan á cicatriz.
     Non é unha mala decisión. Sorpréndese pensando cunha descoñecida frialdade. Este mozo ten futuro; chegará lonxe. Por agora o seu anonimato pode servir para agacharse detrás del. Poden pasar por irmáns fuxindo da fame do norte, sen localización concretas, nun desesperado intento de supervivencia. Será o rapaz o que dará a cara. A súa expresión inocente pode enganar a calquera. Pode ser Hametti o que percorra os lugares concretando citas e reunións mentres el permanece nas sombras. É un auténtico seguro de vida.
Non. Non é unha mala decisión. Os pensamentos de Brahim pérdense nas sombras do merecido sono mentres a cara deixa entrever unha leve expresión de mágoa. Nun último momento, mesturada coa irrealidade dos soños, pensa que aquela será a primeira e a última vez que o que el decida afectará a outras persoas.
     Non quere o peso da responsabilidade dos que teñen que decidir polos demais.






XLVI


     A rápida inspección do entorno achéganos un pouco ó que van ser estes días. Quedamos no exterior xusto diante da porta da Recepción aproveitando a sombra que proporciona o edificio.
     Unha alfombra no chan serve para protexer os corpos das numerosas pedras que, insensibles á nosa incomodidade, mestúranse coas louras areas. Ó lado, sempre a man, a inevitable xerra de auga xeada e o vaso. Por agora, é á sombra, lévase ben a calor. De todas maneiras, xa ás sete e media da mañá, podemos intuír o que se nos vén enriba.
     O que vemos diante non é a imaxe tipificada que todos temos do deserto. A area ten un ton avermellado contrario á luminosidade que esperabamos. É realmente fina. Demasiado diría eu; a textura achégase máis ó po que á propia area. Por todas partes pequenos fragmentos de rochas que a alfombra non consegue disimular e crávanse nos corpos deitados mentres despreocupadamente charlamos engulindo as sensacións do momento. ¿Onde están as dunas? ¿E as palmeiras e oasis?
     É normal. Estamos en pleno corazón da Hamada de Tinduf; no mesmo centro dos Campamentos. A Hamada, en contraposición ós Erg, é a zona do deserto caracterizada pola súa configuración rochosa; estructura propia do terreo; paisaxe moi particular. A maioría do que foi o Sahara español é deserto rochoso; poucas superficies de area pura, de Erg. Pero ningunha zona tan desolada, tan seca, tan pedregosa, tan inhóspita, como esta Hamada de Tinduf. Suficiente para desesperanzar a calquera.
     Tombados na alfombra seguimos a ter aspecto de turistas. Eu, persoalmente, sigo co inseparable gorro de tenis; esta vez completo a indumentaria habitual cunha discreta pero absolutamente anacrónica camiseta do Celta. Era case unha promesa. A verdade é que non sei por que pero dende que decidira esta aventura pensaba nunha foto no deserto coa cor celeste e a galega Cruz de Santiago.
     As cámaras na man, José Luís encárgase do vídeo, as rapazas das fotografías e eu de diapositivas, contrastan cos libros e os cadernos dos asturianos. Marchan ó traballo. Para iso están aquí e xa tiveron tempo para a aclimatación. Tamén contrastan as indumentarias; eles xa están mimetizados co entorno e todos, mulleres e homes, locen os seus turbantes reflectindo unha extensa gama de destrezas para colocalos.
     Pouco a pouco vanse achegando onde nós xentes de todas partes. Todos queren saudarnos; somos a novidade. A maioría mozos e mozas. Aqueles cun aspecto bastante europeo dominado polos vaqueiros e as camisetas; estas, máis tradicionais coas correspondentes melfas. Hai un grupo numeroso de amigas e amigos que din estar a estudiar en España; todos eles na zona de Levante e sobre todo en Almería. Electricidade, sanitaria, administración, automoción. Xa dende o principio me perdo nunha sucesión interminable de nomes árabes que, polo de agora, carecen de significado para min. A pesar do despiste convértese nun rato moi agradable.
     De cando en vez, un rapaz ou unha rapaza máis pequeno atrévese a deixar o seu grupo de xogos e tamén se achega a nós. A maioría teñen vergoña pero queren salientar o seu protagonismo diante das cámaras.
     —¡Hola! ¡Hola!
     É o máis que saben dicir a maioría deles. <M>¿Como te llamas?<D>, podemos descifrar nas palabras dos máis aventurados que chapurrean un irrecoñecible castelán no intento de captar a nosa atención. Os nenos e as nenas son os que presentan un aspecto máis pobre; ás veces, incluso miserable. Non son poucos os que despreocupadamente corrican nos seus xogos, descalzos, sobre as pedras e a area que xa a estas horas serían insoportables para calquera adulto.
     —¿Conoces a Andrés?, ¿y a Laura?
     É un esperto mociño de non máis de oito anos que ansiosamente busca referencias da familia coa que estivo as pasadas vacacións de verán. Foi en Zaragoza. Non é o único nestes días que, inocentemente, espera que nós coñezamos a todo o mundo en España. Pasamos verdadeiros apuros para non decepcionalos borrando as ilusións. Algún fala de Galicia. Pero non hai casualidades; en ningún caso somos quen de aplacar as súas espectativas e curiosidades.
     Arredor das nove, semella que levamos aquí unha eternidade, prodúcese unha das imaxes máis bonitas destes días. Nun momento determinado, como se da resposta a unha invisible chamada se tratase, empezan a chegar grupos de mulleres de todas partes. Bébedos polo que estamos a ver, presenciamos unha escena incrible. Vista dende o aire semellaría o vivo avanzar de innumerables e coloristas formiguiñas cara á entrada dun imaxinario formigueiro. Veñen de todas partes. Son as mulleres de todas as Dairas da Wilaya de Auserd que se achegan á casa de diversión. O colorido das melfas destaca sobre o monótono das areas; o vivo avanzar sobre a placidez deste cadro do deserto. Hai melfas de todas as cores; cada cor en centos de tonalidades; lisas e estampadas; de raias e de imperceptibles puntos; de textura en relevo e rasas; mates e brillantes; claras e máis escuras. Dende a cabeza ata os pés. Todas levadas cunha gracia e un estilo que xa lle gustaría a moitas das chamadas modelos internacionais. Os tecidos, extremadamente finos e delicados, teñen unha caída natural e elegante. Algo incrible se, como podemos descubrir, estamos ante simples anacos de tea. A clave está na destreza que teñen as rapazas para envolver o corpo e a cabeza neste simple tecido. E, por suposto, para nós, no exotismo do descoñecido.
     O que presenciamos é a chegada á reunión de organización da Wilaya na que se asignarán as funcións e traballos colectivos para todo o verán.






XLVII


     Ó principio sentiu unha certa decepción. En contra do que Lehssen afirmara e el mesmo chegara a crer, Brahim non era ninguén. Un descoñecido. Predicador anónimo que ás veces se perde na propia inexperiencia cunha dificultade engadida ó complexo labor de captación.
     Foron seis meses esgotadores. Pouco a pouco notaron unha maior presión nos controles; aumentaba paralela ás noticias que chegaban de accións armadas dos compañeiros. Pero a loita centrábase no norte; o Zemur era unha zona tranquila. Con certo atraso pero tiveron noticias dunha lista case interminable de pequenos pero significativos actos de sabotaxe que, paseniño, ós poucos, estaban a deixar marcas nos uns e nos outros.
     Tamén tiveron noticia das estratexias utilizadas polos españois para tentar frear a crecente inestabilidade na colonia. O aumento de efectivos humanos e materiais era evidente. Houbo momentos nos que se xeneralizou o emprego de helicópteros e avións para facilitar a case imposible persecución dos sabotadores no deserto. A presión no norte foi constante e concentrouse en diferentes operacións de varrido nas que pretendían acurralar e expulsar ós insurrectos. Mentres, o goberno de España que pretende medidas políticas para combater a crecente efervescencia da FPLS. Naquelas datas foron bastantes os comunicados das autoridades nos que negaban o que cada era máis evidente. La tranquilidad en el Sahara es absoluta. Chegaron a afirmar nas escuras e manipuladas informacións. Pero, ocultos sempre á opinión pública, contactos permanentes coas autoridades mauritanas no intento de anular a permisividade de Mauritania cos rebeldes que, unha e outra vez, se refuxiaban nas súas poboacións despois de cada acción.
     Unha e outra vez os ataques eran celebrados cun incremento significativo dos apoios reais á Organización. Era o propio Brahim o que facía a selección. Uns, os que el vía con maiores posibilidades físicas, eran enviados con Hametti a Bir Um Grein para incorporarse á loita armada despois dun período de formación nos Campamentos de Tinduf. Outros, os maiores, os que non se vían moi convencidos, ou aqueles nos que atopaba maiores posibilidades de traballo coas palabras, eran aproveitados para continuar o labor dende dentro.
     ¡¡Saharauís!!
     A fin do Imperio colonial está próxima.
     ¡Non máis opresión!
     Acabemos co analfabetismo e subdesenvolvemento.
     Construamos unha nación Saharauí unida baixo a fe do Islam.
     ¡Só co fusil arrebataremos a liberdade!
     ¡¡Todos coa F.P.L.S.!!
     Pasaron noites enteiras escribindo a man concisos pero ardentes panfletos que ó día seguinte eran distribuídos entre os amigos nun lento pero efectivo proceso de captación. Aquelas noites tamén serviron para que Hametti puidese adentrarse no enigmático mundo dos signos escritos; gracias a Brahim e a aquelas noites de vela e duro traballo, aprendeu os rudimentos da lectura e da escritura.






XLVIII


     As cousas ían ben. Formaban unha boa parella. Un por un estaban a acadar todos os obxectivos que Lehssen lles encomendara.
     Cada vez máis amigos e, sobre todo, amigas; moito máis que adhesión. A colaboración era patente alí onde fosen no Zemur. Contaban con xente suficiente para prestar o apoio necesario se decidían unha acción armada na zona. Había un par de rapaces que estaban en disposición de continuar o traballo no caso de que algo saíse mal. Un deles, Abdulha, contaba coas preferencias de Brahim; moitas veces acompañábaos nas reunións e vían nel o herdeiro natural da coordinación na zona. Non fora doado, pero despois de moitos días de traballo notaban un compromiso real entre as xentes. Cada vez máis xentes. Alí onde fosen sempre calorosos recibimentos. Unha e outra vez. Cada vez máis patentes.
     Foron seis meses esgotadores. De desprazamentos continuos. Cubrindo unha zona que polo norte tiña o límite en Amgala, non tocaron a Saguia pois alí había outros compañeiros e era especialmente perigosa sobre todo para Brahim, e polo sur pechábase en Auserd. Polo oeste entraron no máis duro do deserto; sen chegar á costa; estaba prohibida; máximo control e acoso por parte dos españois. Polo leste, a fronteira con Mauritania converteuse en límite natural do campo de acción da parella. Faydat ad Sadra, Dreyga, Lamlawya, Amasine, Bir Nzaran, Miyec ... Unha sucesión case interminable de lugares a maioría deles demasiado insignificantes para merecer a atención dos españois.
     Unha vez, viaxando cara ó sur para atender ós amigos de Miyec, era un lugar ó que lle tiña especial cariño pois os resultados acadados nesta poboación eran dos máis satisfactorios, atopouse de súpeto cun vello edificio no que dende lonxe destacaba o amarelo e vermello da bandeira española. Pouco faltou para ser descuberto polos soldados. Agachado na area, a penas a catrocentos metros, non lle foi difícil identificar o posto no que perdera tres anos da súa xuventude. Así que era aquí. De telo localizado a posibilidade de fuxida tería sido algo máis que un soño obsesivo e inalcanzable. Incriblemente preto da fronteira mauritana, alongando o brazo podería ter saudado ós compañeiros que daquela xa estaban en Zueratt. ¡Canto tempo perdido sen razón! Pero agora pouco había que facer; só pensar no presente e avanzar evitando novas sorpresas. En calquera caso, perdeu un par de días nos arredores dando voltas ó tempo pasado.
     —Temos problemas.
     A expresión de Hametti revelaba ansiedade. Era o que lle faltaba. Pensou Brahim. Veño de pasar a peor das viaxes e o que menos necesito son problemas.
     Por primeira vez na súa vida, logo serían moitas máis, demasiadas, recoñecía o propio Brahim, soubo o que era a sensación física de perigo, de medo ante a morte. De regreso de Bir Nzaran foi sorprendido en pleno deserto por unha tormenta de area. ¡Deus! ... que pouco faltou. Pasouno realmente mal; non estaba acostumado á supervivencia na que sen dúbida é a máis perigosa experiencia no deserto. Foron dúas horas angustiosas; de loita extrema contra a natureza. Nin tempo para pensar. Só sobrevivir. E sentir o peso do medo.
     —Onte paráronme nun control.
     Fixeron todo tipo de preguntas. Queren falar contigo, co irmán maior. De entrada, non había especial motivo para a alarma. Xa pasaran outras veces por situacións como aquela e a calma e a seguridade de Brahim unidas á finxida inocencia de Hametti sempre as resolveran satisfactoriamente. A luz de preocupación acendeuse cando o rapaz fixo a descrición do soldado que estaba ó mando do posto de control. A Brahim resultoulle vagamente coñecida e tivo unha momentánea sensación de desasosego.
     Aquela tardiña pasearon con descoido polas zonas habituais de divertimento dos soldados españois. Non había dúbida; estaba no certo. A última hora cando xa desesperaban e contaban con volver ó día seguinte. Regresaba ó cuartel a unha hora pouco habitual procedente dun descoñecido e posiblemente inconfesable divertimento. Era o sarxento, agora xa subtente, Jiménez.
     Brahim tomou a decisión. No mesmo momento, sen despedirse nin coller as escasas pertenzas, saíron polo camiño de volta a Bir Um Greim para evitar males maiores.






IL


     —Fixestes ben. Hai que evitar riscos inútiles.
     Ademais, continuou Lehssen, estabamos a punto de chamarvos para facerdes o informe destes meses e para falar de novas estratexias. Polas referencias que nos chegan cremos que fixestes un bo labor; é momento para avanzar nas consignas.
     —¿Sabedes que xa hai algún dos vosos que está nas accións armadas?
     —Si. Pero, ¿para cando ides planificar algo en Zemur?
     Brahim está ansioso. Quere resultados e accións concretas na zona. No propio Gelta sería difícil; hai moitos soldados españois e a vixilancia é estreita. Pero hai puntos abandonados nos que cun mínimo risco os resultados poden ser sorprendentes.
     —Pénsao.
     Ten unha idea clara na cabeza; empezou a rondar aqueles dous días de camiño a Miyec. O posto fronteirizo. Pensa nunha persoal e definitiva vinganza da man da destrucción do cárcere.
     —Ademais, continua Brahim, a xente necesita accións próximas.
     A Saguia queda demasiado lonxe para a maioría deles e non ven clara a súa participación real na loita. A maioría das veces non se senten directamente implicados coa Fronte; necesitan, necesitamos, motivación. Saber que están a facer algo concreto; sobre todo agora que eu xa non estou con eles.
     —¿Non pensas que estades a concentrar as accións no norte?
     Lehssen permanece calado. Deixa que Brahim exteriorice todos os seus pensamentos. Así, como saen, sen interrupcións que rompan o fío dos razoamentos. En todo caso a súa expresión é de enorme interese; a maioría dos sons que acompañan a conversa son de asentimento. Necesitan información de como van realmente as cousas dentro; información directa e fiable e Brahim é único tanto pola súa capacidade de síntese como pola particular interpretación que pode facer dos feitos. En moitas ocasións anima ó amigo a profundar nas palabras.
     —¿E que pensas que poderiamos facer?
     Para empezar, algunha acción de sabotaxe na zona; algo importante; que teña repercusións en todo o Zemur. Despois da nosa marcha é imprescindible nomear a unha persoa que me substitúa; hai que manter os ánimos quentes e evitar que a ilusión se dilúa no tempo por falta de resultados e apoios.
     —Hametti podería facelo moi ben.
     Por primeira vez, a proposta non é ben recibida por Lehssen. Con cara de desaprobación é das poucas veces que interrompe o discurso. Non pode ser. Hametti tamén está tocado na zona; xa é coñecido e sería difícil xustificar dun xeito crible a brusca desaparición do irmán. Amais, é moi novo para tanta responsabilidade.
     —Pero non te preocupes.
     Nós encargámonos de buscar a persoa axeitada; antes de dúas semanas estará alí para continuar o teu traballo. Cando estea seleccionada falará contigo para que lle deas as claves da zona. ¿Algo máis?
     Si. Ten un pouco de receo pero ó final Brahim decídese por dicilo. Iso da Fronte Popular para a Liberación do Sahara non me parece demasiado ben; esvaece demasiado os espacios e non chega a moitos lugares. ¿Que tal estaría especificar as zonas no propio nome do Movemento?
     —¿Pensas en algo concreto?
     ¿Que che parecería algo así como Fronte para a Liberación do Saguia el Hamra e Río de Ouro? Levo tempo dándolle voltas. A xente do sur e do centro, á que non chegan tanto as accións de sabotaxe, sentiríase máis implicada ó saber que esta loita tamén va con eles; incluso no nome da Organización.
     Lehssen sorpréndese pero disimula para non coartar a ebulición de ideas de Brahim. En calquera caso, continua este co seu informe, penso que as cousas van ben.
     —Moi ben. Diría eu.
     Temos moitísimos seguidores; sobre todo entre a xente máis nova. Penso que hai que aproveitar a xuventude; é a que mellor entende o noso discurso; ten a mente máis aberta; non lle pesa tanto a tradición e a inercia do continuísmo. Ó contrario. Moitos xoves pensan no cambio sen necesidade de que ninguén lles fale; só hai que conducir e dar forma ás súas inquietudes.
     —Ademais están as mulleres.
     Penso que hai que aproveitalas. Teñen moito que dicir nesta historia e non podemos desperdiciar a súa forza. Hai que conseguir a súa participación utilizando todas as estratexias posibles. Pensa nesta idea porque creo que é fundamental.
     —Antes ou despois terán que levar parte do peso da Fronte.






L


     Ó longo destas primeiras horas as cámaras funcionan dun xeito inusual no imposible intento de captar todo o que pasa diante dos nosos ollos.
     Cando aínda non levamos un día de viaxe eu xa papei dous carretes e medio; ¡noventa diapositivas! Vou ter que frear un pouco ou mañá mesmo quedarei sen ningunha foto.
     Agora, co paso do tempo, sinto un pouco de vergoña. Algo semellante a remordemento. Aquí estamos nós, no medio do deserto do Sahara, facendo fotografías e fotografías a estas xentes que se deixan como se estivesen acostumadas. ¿Estamos aquí para traballar, ou somos simples turistas ávidos de recordos para presumir dunha experiencia inusual diante das nosas amizades unha vez de regreso en España? ¿Acaso isto é un circo? ¿Quizá un zoo? O máis triste do caso é que eles déixanse sen ningún reproche nin pudor; a maioría das veces impasibles e ausentes ante o noso afán de fotografalo todo. ¿Que pensarán? ¿Que sentirán? ¿Non cansarán nunca? Os únicos, os rapaces e as rapazas; os seus esforzo por poñerse diante dos nosos obxectivos ben merecen unha recompensa.
     Son varios os momentos nos que diferentes persoas nos transmiten o agradecemento por estar na Hamada de Tinduf; por acordarnos deles. Para algúns, pode ser o obxectivo mesmo da visita; razón suficiente para a viaxe. Parece ser que pode axudar bastante nestes momentos nos que, xa temos comprobado en demasiadas ocasións, os ánimos non están na cota máis alta. A presencia de grupos estranxeiros colabora no lavado, na procura de novos sentimentos internos.
     Gracias a nós, a moitos como nos, din, non se senten tan illados do mundo; poden constatar que fóra hai xentes que se acordan deles; que se acordan de verdade. A colaboración e a solidariedade son algo máis que palabras; moito máis que a caridade da comida que a todas horas levan á boca e que en moitas ocasións só conduce á desesperación e á falta de identidade.
     Pola contra hai quen defende, Martín especialmente, que os tempos do apoio moral xa pasaron. Se estamos aquí é para algo máis; para colaborar realmente; para facer algo. Non sabemos que, pero algo.
     Eu, persoalmente, non o teño nada claro. Ás veces o agradecemento é palpable; case material. Notamos como, de feito, a simple presencia física pode axudar bastante. O verdadeiro amigo é o que te visita cando estás doente, cando máis o necesitas. Son palabras do propio Ministro de Educación na audiencia que tivemos con el. Poden resumir parte do que eles senten. Pero eu sigo con dúbidas. ¿Será suficiente?
     Posiblemente a pose paciente diante das nosas cámaras de fotografías non é máis que unha pequena parte do prezo que teñen que pagar os saharauís pola nosa solidariedade. Están acostumados. Unha proba máis do agradecemento e da exquisita educación que amosan en cada momento.
     Ó longo destes días dan todo o que teñen; o mellor de todo é para nós. Incluída a súa imaxe. Parte da súa intimidade. Nós, como vulgares turistas, aproveitámonos desa intimidade violando coas cámaras a pouca identidade que lles queda.
     Dalgún xeito pasamos factura pola nosa solidariedade. ¿Para iso estamos aquí?
     Agora, co paso do tempo, non podo menos que sentir un pouco de vergoña.






LI


     —Quero transmitirche a felicitación e o agradecemento de todos os compañeiros.
     Despois de dúas semanas de descanso, sobre todo de tensións e transitoriedades da vida clandestina, Brahim está recuperado. O seu rostro, por riba de todo reflicte tranquilidade. A cicatriz, como por un incomprensible milagre, case desaparece na cara perdida nos patentes sinais da boa alimentación e do descanso. Pero sobre todo desaparece perdida nunha expresión de calma xa case esquecida.
     A pesar do descanso non foron tempos baleiros. Repetiu unha e outra vez os informes, as ideas, as conclusións. Diante de diferentes persoas a maioría descoñecidas para el. Tres días interminables pasando toda a información a Ali, o que será o seu substituto en Gelta Zemur.
     Despois destas semanas xa coñece a bastante máis xente; xa non está perdido entre caras estrañas; ten máis seguridade. Séntese un máis dentro da Organización. Pero segue agradecendo e esperando os momentos de charla informal cos vellos amigos. Especialmente cun cada vez máis ausente Lehssen.
     —¿Que che parecería unha tempada en Tinduf nos Campamentos de Instrucción?
     A Brahim alégraselle a mirada coa pregunta. Levaba moito tempo esperando a proposta; dende antes de chegar a primeira vez a Zueratt. Agora xa sabe que todos os esforzos son necesarios e que cada quen ten que estar alí onde pode render máis. Ten aceptado, non sabe ben se por convencemento ou por acatación das normas, que cada quen ten colaborar dende o lugar oportuno. Non entende o xiro nas intencións do amigo.
     ¿A que vén o cambio? Lehssen non fala dos biosbardos. Responde sincero e directo. Os acontecementos precipítanse dun xeito inesperado. Antes ou despois todos acabaremos na loita armada; daquela serán necesarias todas as mans dispoñibles. Estamos nun momento no que todos pasamos pola Instrucción militar.
     —Temos que estar preparados para cando chegue o momento.
     Non dá demasiadas voltas antes de contestarlle afirmativamente ó amigo. A expresión e as palabras non deixan lugar ás dúbidas. ¿Cando? É o único que di.
     —Teño que pedirche un favor.
     Quero que Hametti veña comigo. A estas alturas da conversa Lehssen está desconcertado; despois da introducción estaba preparado para concederlle o favor que pedise. Sen saber por que, esperaba unha petición para pasar uns días en Smara antes da viaxe a Tinduf; a pesar das dificultades e dos riscos xa decidira unha resposta afirmativa. Merecíao. Pero non esperaba isto. Non en Brahim. Non se trata dunha pregunta; tampouco é unha petición; a seguridade nas palabras fai que se transformen case nunha orde, nunha esixencia, evitando de antemán calquera tipo de indecisión ou resposta negativa. Despois duns intres de desconcerto, Lehssen aguanta o tirón inicial e contesta decidido.
     —Non pode ser; é demasiado novo.
    —¿Realmente pensas que é demasiado novo?
     A avalancha de argumentos fai que o pulso se decante definitivamente en favor de Brahim. É un rapaz forte e intelixente; ten demostrado o seu valor e capacidades en Zemur; para traballar alí non era demasiado novo; ten moita ilusión; non podemos defraudalo; tamén os máis novos terán que estar preparados chegado o momento. Hai que deixarlles a eles que tomen as propias decisións.
     —Está ben. Deixemos ir as cousas e xa veremos o que pasa.
     As últimas palabras non chegan a un Brahim demasiado contento perdido na celebración do seu éxito.






LII


     Son catro meses intensos.
     A preparación militar deixa, día tras día, corpos esgotados ó borde da extenuación. Moitas das noites o cansazo extremo foxe do merecido repouso e a actividade convértese nunha sucesión ininterrompida de leccións e exercicios prácticos que ameaza con non rematar nunca.
     Pero tamén son tempos gratificantes.
     A vida nos Campamentos de Tinduf ensina a Brahim as claves dunha situación que ata agora permanecera oculta á maioría dos combatentes que se movían na esfera política do interior. Os propios Campamentos son a primeira sorpresa; sinal máis evidente do auxe da Fronte e proba palpable dunha auténtica organización. Tamén están as armas e o material de guerra; a maioría saboroso botín extraído ós sorprendidos españois; o resto, proba palpable da diplomacia no exterior e dun xeito moi especial da colaboración libia.
     —¡Ei, rapaz! ¿Seguro que es ti?
     Mulei. Despois de tantos anos. Por razóns familiares non estivera en Zueratt e agora reaparecía co carácter explosivo de sempre.
     Evitan o tradicional agarimo entre os dous. Nos tempos da OVLS sempre recibía ó, daquela rapaz, cun enérxico pero cariñoso aloumiño na cabeza no que alborotaba os xa de por si desordenados cabelos de Brahim. Mulei tiña ó rapaz coma o seu protexido. De sempre contrastara o carácter duro e fortalecido do auténtico soldado coa dozura, coa sensibilidade, coa alegría presente en calquera das súas accións. Fora suboficial da Agrupación de Tropas Nómadas e acumulaba unha experiencia inusual que o convertía nun dos mellores instructores dos Campamentos.
     —¡Como mudaches! Xa non es aquel rapaciño case imberbe que devecía pola esteira que deixaba Mohamed.
Foxen do pasado. Foi o único momento nos catros meses no que Bassiri volveu a estar entre eles. Pouco; nada quedaba por dicir. A historia e as referencias están no presente e, sobre todo, nun futuro que asoma esixindo toda a atención.
     Brahim aproveita como poucos a información e a experiencia de Mulei agradecendo o cambio de actitude. Falan á mesma altura; non se sente un rapaz ó lado do experto amigo; a actitude protectora segue a estar presente entre os dous pero con connotacións descoñecidas. Por parte de Mulei vai dirixida ó amigo; xa non ó neno, case á mascota, que hai que salvagardar dos perigos externos. Son tempos nos que Brahim comparte os poucos e apetecidos momentos de asueto entre Hametti e Mulei.
    —As cousas van ben. ¡Endiañadamente ben!
     Sonoro e natural riso ás gargalladas. Botando fóra todo o que é por dentro. Mulei; explosivo, franco, aberto; natural en todas as súas accións e comentarios.
     Brahim non pode menos que pensar no carácter cada vez máis distante e fuxidizo de Lehssen. Sente como, a pesar da amizade e do tempo, aumenta nel a reserva que fai medir escrupulosamente o alcance de calquera palabra. Posiblemente, pensaba Brahim en numerosas ocasións, o peso da responsabilidade. Silencios obrigados pola seguridade.
     —Temos o apoio militar de Libia.
     Mulei é diferente. Non sabe de silencios nin de medias palabras. Por fin Alxeria empeza a espertar. ¡Xa era hora! ¡Nós, que de sempre consideramos a revolución alxerina como modelo a seguir ...! O de Mauritania é diferente. Aguantando a presión de Marrocos para que apoie as teses dun Sahara compartido entre ambos non acaba de aclararse. ¡Pero contamos co apoio da oposición!
     —E como sempre, no medio, España. ¡Nin arre nin so!
     Nova explosión de xúbilo. ¡Non saben se van para adiante ou para atrás! Fóra ven como cada vez as presións internacionais son máis fortes para pronunciárense dunha vez por todas. E dentro, ¡non se enteran de nada!; ven como ós poucos están a perder todo o control no Sahara pero non se deciden por buscar unha saída airosa ó conflicto.
     —¿Sabes que aquí en Tinduf temos algúns soldados españois presos?
     A cara de sorpresa de Brahim é celebrada por Mulei con novas expresións de ledicia mentres continúa a sinxela pero efectiva interpretación dos feitos. Cada vez contamos con máis apoios internacionais. Ultimamente foron as principais asociacións xuvenís árabes e africanas as que recoñeceron ó POLISARIO. Por certo, ¿sabes que agora somos a Fronte Popular para a Liberación da Saguia el Hamra e Río de Ouro? Brahim non responde; só unha significativa expresión de complicidade. A ONU está cada vez máis interesada no problema saharauí; sobre todo dende hai uns días que El Ueli presentou todo un memorando defendendo a nosa postura.
     —¿A que non sabes a última de Marrocos?
     Perdido entre tanta información a estas alturas Brahim xa non sabe nada e ten que poñer cara de circunstancias mentres o amigo segue cos feitos. Pois xa ves; resulta que agora Marrocos vén de presentar no Tribunal Internacional da Haya un expediente para que este se pronuncie sobre se o Sahara tiña dono ou era terra de ninguén no momento de chegar os españois.
     —¡Pretende avalar internacionalmente a tese de que, daquela, eramos marroquís!
     Non queren dar alternativa a unha resposta que non lles favoreza. Ou había dependencia con eles, cos sultáns marroquís, ou era terra de ninguén; en calquera caso teñen dereito como o que máis a reivindicar os seus dereitos sobre a zona. ¡Vaia falcatruada! Sinxelo e expresivo Mulei atrévese coa interpretación dos feitos.






LIII


     O tempo e o espacio. Todo é diferente aquí no deserto. Cando menos así o percibimos nós. Nada do que coñecemos é válido. Non existen referencias.
     Dun xeito singular a medida do tempo.
     Aquí os reloxos non contan. Quen manda é o sol; o sol e o propio clima do deserto. Paréceme un cambio máis cualitativo que cuantitativo pero o caso é que a diferencia é impresionante. O mesmo espacio de tempo dura máis pero especialmente é diferente. Semella como se o sol pesase tamén sobre o lento e monótono avanzar das agullas. Ó longo deste primeiro día teño un sentimento moi especial desta situación; cheguei a pasalo mal por culpa do reloxo.
     Parte o cambio nos hábitos horarios. Erguerse ás seis, vida de sete a dez ou once, comida arredor das doce e media, sesta de case catro horas, deitarse ás tres da madrugada. Tamén a agónica sensación ó longo do día de non ter nada que facer; pasar o tempo, sobre todo pola mañá, man sobre man co peso da angustia da perda de tempo.
     E a gaila. A sesta sagrada do deserto tamén ten o seu aquel na percepción do tempo. De feito a maioría dos días o espacio morto ó mediodía chega a ser maior que pola noite. En moitos momentos vivo as situacións como se estivese en dous días diferentes separados pola hora da sesta. E, por suposto, a propio xeito de vida e a idiosincrasia dos nosos anfitrións. Con razón escoitamos a alguén que fala dos saharauís como os cubanos de África. Nunca teñen présa; todo está sempre ben; sensación de pastosidade incluso para os movementos máis sinxelos. ¡<M>Ahorita mismo<D>! ... e pasan horas antes de que o <M>ahorita<D> se converta realmente en agora. Debe ser o sol; a calor; cousas do clima do deserto.
     O certo é que este primeiro día faise ás veces insoportable. Para min a peor crise chega coa hora da sesta; teño un forte baixón; se os sete días son así non serei quen de aguantalos. A simple posibilidade de que a viaxe estivese planificada para quince días ou un mes fai que me sinta aínda peor; podería volverme tolo.
     O problema do espacio é diferente. Este si que é físico e patente. Falta de referencias e perda total da orientación. Por exemplo; a casa de diversión está aí enfronte; a tiro de pedra; pero, ¿a que distancia real? Non podo dicilo. Poden ser cincuenta metros ou medio quilómetro; non son quen de calculalo a ollo; a segunda noite teño que percorrer o espacio contando os pasos para concretar unha distancia imposible de medir doutro xeito. Cento trinta pasos. Nalgún momento de máxima calor, centro trinta metros que poderían pesar como máis dun quilómetro.
     A sensación do espacio ten o máximo valor na primeira tarde. Imos cos asturianos á escola na que están a desenvolver o seu proxecto de traballo co profesorado saharauí. Son as seis e sol cae case vertical; fai unha calor insoportable. Vivimos unha experiencia demoledora. Cremos non dar chegado. O avanzar arrastrando os pés pola area resulta angustioso; a escola, alí ó fondo, sempre á vista, semella perderse na distancia e na bruma a medida que nos achegamos a ela. Pouco máis dun quilómetro que se fai interminable; que se alonga cos nosos pasos e rende como dez. Ó chegarmos á escola Víctimas de Soweto estamos todos, nós os galegos, os asturianos xa están afeitos, conxestionados dun xeito alarmante; algunha, Luísa, semella vai desfalecer. A cara inflamada; as veas a punto de estalar; a pel a manchas máis vermellas que brancas; os beizos sen cor e perigosamente gretados; os ollos fóra das cuncas. Menos mal que non hai un delatador espello que me anuncie como estou eu por fóra. Por dentro peor imposible. Para colmo non hai unha pinga de auga que sirva para refrescar un pouco o corpo e a reseca gorxa.
     O único José Luís. Está como se chegase dun curto e apracible paseo pola praia. Nada máis chegar, dun xeito que se nos antolla case provocador cando os demais estamos a punto de desfalecer e nos atopamos realmente mal, ponse a xogar ó disco voador cos profesores saharauís.
     Como se tal cousa.
     Espacio e tempo son cuestións de percepción.






LIV


     O tempo escorre sen decatarse. Entre leccións, prácticas e confidencias queda pouco para un mesmo. No mellor dos casos os momentos roubados ó sono para asimilar o visto ou falado ó longo de todo un día de traballo.
     —Xa vedes. Ninguén pensaba na posibilidade de éxito das guerrillas no deserto.
     Nin eles nin nós mesmos. Mulei, co orgullo do soldado nos ollos, fala satisfeito dos logros militares destes últimos meses. Empezamos á desesperada, sen crer moito na estratexia, e agora estamos a demostrar que é moito máis que unha posibilidade. Avanzamos sen tregua e día a día as accións de sabotaxe son máis atrevidas.
     —Non hai secreto. ¡É realmente sinxelo!
     A lección común do día abre as portas ás claves do que xa se está a afianzar como un modelo de éxito demostrado. Estricta selección dos obxectivos alí onde menos nos esperan; se cadra, xusto nos lugares máis vixiados para aproveitar a sorpresa. Cálculo perfecto dos movementos de aproximación estudiando tempos e lugares; accións fulminantes que non deixen espacio á reacción; fuxida segura preparada de antemán. Nunca digades que está todo feito; o ex-sarxento insiste nos argumentos que xustifican o éxito das guerrillas; ¡sempre queda algo por pensar!; non sexades conformistas; a clave pode agacharse detrás dese último detalle. É algo que saben todos os nosos rapaces.
     —Sabemos do deserto moito máis que eles.
     É a nosa baza principal; a perfecta adaptación ó medio; temos que saber xogar con ela. Reflexionade un momento. Para os españois o deserto é un medio hostil; difícil; inimigo en si mesmo; pola contra, para nós é un aliado; o deserto somos nós mesmos. ¡Aproveitemos as vantaxes! ¡Coñezamos contra quen temos que loitar! Non pensedes que o noso inimigo son os españois; ¡non!, con eles podemos ben; de quen temos que coidarnos é dos medios.
     —Aí tendes. Agora están a utilizar avións e helicópteros nas persecucións.
     ¿Que pensades que cambia con isto? A ver, ti, Hametti, ¿cal cres que pode ser a diferencia? Mulei non dá tempo á resposta para non deixar en evidencia ó rapaz; todos saben que estas preguntas ó vento son unha escusa para manter a difícil atención. Pensade, ¡para que tendes a cabeciña? Xa non é cuestión de correr tanto na fuxida; temos que mimetizarnos co entorno; utilizar indumentarias que non destaquen nas claras areas; un pequeno punto escuro no deserto pode verse a moitos quilómetros de distancia dende o aire; buscade a pendente oposta das dunas; enterrádevos, se é necesario, na propia area; colocádevos entre o avión e o sol ...
     Brahim está saturado. Demasiadas cousas e demasiado pouco tempo; a maiorías das veces sen opción para asimilalas. ¡E delas pode depender a propia vida! Xa non sabe que pensar; ¿era isto o que quería? El cría nunha sinxeleza que a cada momento descobre como máis infantil. Non é ningún xogo de cativos; Mulei fala da guerra; da de verdade; da vida e da morte; de persoas. De matar para non morrer.
     —Isto é un subfusil.
     Lección de armamento. Mulei explica unha e outra vez o seu funcionamento e utilidade. Nada que ver coas vellas escopetas de caza, pensa Brahim. Desmontar, montar; desmontar, montar; desmontar, montar ... ata que os dedos entumecidos traballan alleos á cabeza; como autómatas; incluso cos ollos pechados.
     —Fusís. Granadas. Morteiros. Pistolas. Antitanques. Minas. Lanzafoguetes. Antiaéreos. Metralladoras. Subfusís. Avións. Tanques. Brindados. Obuses. Misís ...
     Lista interminable de utensilios asasinos; a idea pasa unha e outra vez pola cabeza dun incerto Brahim. Armas. ¿Era isto o que quería? Xa non sabe que pensar.
     Cada unha coa súa utilidade. Cada unha co seu efecto. Cada unha coa propia morte. Cunha completa receita que especifica o máximo aproveitamento. A máxima agresión. A máxima destrucción. Elevacións; distancias; ángulos; calibres; alcances; elongacións; velocidades; proxeccións ... Sen tempo para repousar a maioría das instruccións pérdense nunha sucesión incomprensible de normas e efectos mesturados na irrealidade das clases teóricas. Pero, ¿cal é o prezo da práctica?
     —Non vos asustedes. Neste momento nós tamén contamos con medios modernos.
     Chegado o momento podemos meternos sen complexos nunha guerra convencional. A vea militar de Mulei está satisfeita; un pouco difusa detrás da brétema do conflicto de intereses, pero satisfeita. Ama a vida castrense; o exército é todo para el e agora pode dar pé ós seus intereses persoais encamiñados a unha causa propia e, ó mesmo tempo, xusta e común a todos os saharauís. Pero non ve claro o futuro; a situación é cada vez máis confusa; coñece ós soldados españois e non sabe como acabará todo isto cando vexan eivado o seu honor.
     Pola súa banda, Brahim tamén pasa por unha profunda crise interna. Non sabe que pensar de todo isto. En cada cara do grupo recoñece o traballo de difusión e captación en Gelta; en cada fusil, os esforzos de milleiros de saharauís anónimos que, dende dentro ou dende aquí, dende Tinduf, están na procura dun futuro mellor para todos eles. Tamén ten motivos para estar satisfeito. Pero non sabe que pensar; non sabe cara a onde pode conducir toda esta historia.
     ¿Unha guerra? Sen menosprezar a teoría e o armamento, el prefire as clases prácticas. Para a maioría dos compañeiros, demasiado novos, estes exercicios son un novo xeito de entender o deserto; a obrigada vida de sedentarismo pechou as portas ó coñecemento da propia terra. Para el é diferente. Retomar experiencias case esquecidas ó tempo que fortalece un corpo demasiado frouxo esvaecido na inactividade.
     É a principal arma. Xa o dixera Mulei. O deserto. Pode decantar ó seu favor un intre de máximo equilibrio. Saír polo abrente cargados de pesos inútiles e sen un destino que teña sentido; andar por andar; para curtir os corpos e as cabezas. Orientarse, xogar ás agachadas, pegarse á area na imitación dun avance imposible, axexar dende os outeiros, disparar sobre obxectivos inexistentes. Saltar; correr; reptar; decidir; suar.
     Non pensar. Só actuar.






LV


     —¡Nin españois, nin alxerinos! ¡Nin mauritanos, nin marroquís! ¡¡Só Saharauís!!
     Nun ambiente festivo e colorista as cancións e as proclamas son entoadas por un enardecido grupo de homes e mulleres, de mozos e rapazas, ata nenos e nenas hai polo medio. ¡Nin anexión, nin partición! ¡¡Só Independencia!!
     Unha tarde, despois dunha marcha de inútiles trinta quilómetros, Brahim recibira ordes de interromper a instrucción e desprazarse novamente a Gelta.
     —Hai que chamar a atención como sexa.
     Fora a instrucción precisa e seca dun cortante Lehssen. As últimas accións dos comandos obrigaran a España a tomar máis en serio o conflicto do Sahara. Empurrado polos acontecementos e despois dunha rolda de prensa de El Lueli en París o Comité de descolonización da ONU decidira, tamén, acelerar o proceso. A principal consecuencia, o nomeamento dunha Comisión que estudiará sobre o terreo a situación real do conflicto.
     Despois de innumerables trámites o Comité visita Madrid, Marrocos, Alxeria e Mauritania. Amosa un interese especial polos Campamentos establecidos en Tinduf. Dende hai uns meses xa son algo máis que simples campos de entrenamento militar; miles de saharauís, uns descontentos coa situación interna, outros amosando a súa solidariedade co Polisario, e, por fin, un grupo cada vez máis importante de xentes temerosas da radicalización dos problemas e das posibles consecuencias, están a formar campamentos de exiliados civís na zona alxerina. Os representantes da ONU establecen contactos coa cúpula da Fronte e insisten no seu interese de mesturarse e falar cos refuxiados. Poden confirmar que están ante un Movemento totalmente organizado tanto política como socialmente; a súa solidez queda patente a cada paso que dan polos Campamentos. Tamén se informan da opinión dos prisioneiros españois; poden certificar que a súa situación é producto de accións bélicas cada vez máis xeneralizadas e afirman recibir un trato exquisito por parte dos seus carcereiros.
     E, por suposto, a Comisión visita o Sahara.
     Aaiun, Dawra, Bu Craa, Smara, Tifariti, Auserd, Tichla. Alí por onde va o grupo da ONU é absorbido por centos de persoas enarborando a bandeira vermella, verde, negra e branca. Os gritos son unánimes. ¡Nin españois, nin alxerinos!; ¡nin mauritanos, nin marroquís! ¡¡Só saharauís!! As siglas do Polisario aparecen como único expoñente dos intereses de todo un pobo; a unidade é patente; a identificación das xentes coa estructura política do partido non admite dúbidas.
     En Gelta, derradeira etapa da visita, Brahim está exultante.
     Os días previos foron de auténtica festa e reencontro; vagar entre amigos e amigas saudándoos a todos e deixándose levar polos propios acontecementos. As noites, moito máis escuras. Pasou momentos malos; de dúbidas constantes, case de desesperación. Os acontecementos de Aaiun e a imaxe dos tres anos no cárcere estaban demasiado próximos na mente a pesar do tempo pasado. Aquela cantinela da manifestación soáballe tristemente coñecida.
     —¿Que vai traer esta vez?
     Moitas veces sorprendíase a si mesmo pensando no baleiro mentres imperceptible e descoidadamente acariñaba coa punta dos dedos a cicatriz. Noite tras noite espertaba perdido no caos; inquedo e suorento vía unha e outra vez a imaxe dun Bassiri frío e inexpresivo diante dos propios ollos.
     —¿Quen será a nova víctima?
     As novas diarias dos éxitos noutros lugares foron as únicas capaces de devolver o sono. Visto dende a fría distancia, pensa agora Brahim, non había para tanto. Foi un éxito rotundo. Nin o máis leve asomo de problema en ningún dos lugares visitados pola Comisión. Festa tras festa. Como pedira Mohamed cinco anos antes. Por todas partes o sinal vivo e permanente de que as cousas cambiaran dende os tempos da OVLS.
     —O sinal vivo e permanente de que algo estaba a cambiar no Sahara.






LVI


     Non houbo tempo para o descanso. De novo en Tinduf, Brahim participa nunha reunión urxente con Lehssen e Mulei.
     —Dentro de dous días temos unha xuntanza con representantes do goberno español.
     En Alxer. O día catorce. Queremos presionalos de cara ás conversas cunha acción que resulte moi especial. Lehssen mira para Brahim. Temos pensado que podería ser en Gelta Zemur; é unha zona con posibilidades; case sen tocar; ¿que che parece? Sen esperar resposta continua cos plans. Cando fala con eles xa está todo decidido; non se trata dunha consulta; simple transmisión dun proxecto pensado moi por riba deles. Temos pouco tempo por diante para organizala pero queremos que sexa realmente diferente. Hai que chamar a atención e presionar ós españois ó prezo que sexa.
     —Pensamos en apoderarnos totalmente da poboación.
     Liberar Zemur da presencia de españois. Un pobo enteiro conquistado polo noso exército e controlado pola nosa xente. Tería unhas repercusións impensadas. Para nós e para eles. ¿Cres que sería posible? ¿Haberá tempo suficiente para organizalo? ¿Cal pode ser o prezo? Agora é Mulei o destino das preguntas; buscan o beneplácito técnico, a avaliación militar da viabilidade do proxecto.
     —Pensamos en vós os dous para encargaros da organización.
     Sen esperar respostas. Todo está pensado. Ti, Brahim, porque foi a túa zona; coñeces cada recanto dos arredores; tes os contactos e sabes como moverte; podes chegar con facilidade a Ali. Axudarás a Mulei que será o responsable. Tendes todos os medios á vosa disposición. Mañá a estas horas quero unha lista do que ides necesitar e un primeiro proxecto do plan. É importante. Moito.
     —¡Non quero nin un só erro!
     O ataque, pola noite, foi un éxito.
     Permaneceron na poboación, dun xeito testemuñal, durante varias horas. Foron momentos felices. Aquel día non tivo noite en Gelta nin nos arredores.
     Ante a chegada dos reforzos españois a decisión planeada, a única posible se querían manter o éxito da operación, era a retirada. Levaron todo o que atoparon e podía servir; armas, comida, mantas, vehículos, munición. Un substancioso botín que abría as portas a novas sabotaxes. Algunhas das xentes que se querían incorporar ós Campamentos de Tinduf, cada vez eran máis, marcharon con eles. Tamén levaron ó oficial, un alférez saharauí fiel ó exército español, que estaba ó mando da guarnición en Zemur. Un refén máis que incrementase a cada vez máis longa lista de razóns persoais para chantaxear ó goberno de España e achegalo ás propias posicións.
     O abrazo con Lehssen, de novo en Tinduf, tamén tivo algo de especial. Felicítovos. Todo foi perfecto. Único momento en moito tempo no que atoparon ó amigo un pouco relaxado. A cara tensa e irritada deixou paso por uns intres ó mellor dos seus sorrisos. Precisabamos dun éxito así.
     Espellismo enganoso e momentáneo que sen dar pé á confidencias e celebracións dá paso á habitual expresión de frialdade e preocupación.
     —¿Cal é o problema? ¿Que pasou en Alxer?
     Mulei, confiado e directo, fala de xeito que Lehssen non pode evitar a resposta. Ningún. Ó contrario. O problema é que todo vai ben; demasiado ben.
     —Xamais estiveramos diante dunha actitude tan positiva e aberta dos españois.
     Pero hai algo que non casa. Levabamos unhas propostas rotundas e seguras; case pechadas á negociación e con poucas posibilidades de éxito. Se cadra, feitas para que rompesen as negociacións antes de sentar.
     —Non só se sentaron a falar senón que o fixeron de marabilla.
     Para confirmar o éxito da xuntanza fixemos un intercambio mutuo de reféns e detidos. Asinaron o compromiso para novas reunións; xa a máis altos niveis. Comprometéronse a facer unha declaración oficial do goberno defendendo a celebración do Referendo e respectando as instruccións da ONU. O Goberno Xeral elaborou un comunicado oficial no que asegura recoñecer á Fronte como forza fundamental, aínda que non exclusiva, do Sahara. ¿Podíamos esperar máis?
     De certo que algo cambiara no Sahara.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega