Sombras de inverno

Páxina Anterior

Parte nº 2

Páxina Seguinte

v1xsantoscabanassombras004.html

Rancho Grande



     Tamén é Monte do Alcoube esta taberna, as vivendas arrimadas, e esas casas de acó da traída de augas, as que están máis no baixo. Se nos queren escribir teñen que poñer: Monte do Alcoube, sen número. Pero o propio Monte do Alcoube é na cima, ese campo con herba, onde xogan os nenos á pelota.
     Hai quen di que non han tardar en poñer nomes de rúa por aquí adiante. Eu non llo sei, conto o que escoitei. Falar non ten cancelas.
     Lama haina a embute, no inverno. Unha miga menos nas casas de abaixo, onda a traída de augas, pois a terra é un chisco máis dura. Por aquí elle moi barrenta.
     Os coches non soben. Entérranse. Á taberna sérvenlle nun carro. Xa terá reparado nel, nese carro con mula que reparte bebidas pola cidade adiante.
     Pagamos renda, entre nós non hai propietarios. Somos xente humilde. Traballadores. Eu xa estou retirado. Aquí onde me ve, aínda andei mundo. Crucei o mar, de mozo. Pero que lle importará a vostede a miña vida.
     Non sabería dicirlle de ningunha casa baleira para coller en arrendo, polo menos nestas que hai arrimadas á taberna. Non sei no baixo, temos pouco roce coa xente de alí. Non nos levamos mal, non é eso. É que eles non teñen o costume de subir a esta taberna, van a outra de máis abaixo da traída.
     Dixéronlle ben. Aquí, á beira da traída de augas, non temos auga corrente. Estamos unha miga máis altos, a auga non sobe, temos que fodernos.
     Desculpe, nunca me acordo desa. Hai outra casa, no alto, a un lado do propio Monte do Alcoube, onde xogan os nenos á pelota. Esa si que non ten traza.
     Alicerzaron mesmo sobre un desmonte. Non hai camiño, chégase por un carreiro de cabra. Teitaron con oralita plana, sen cumio. Viven seis ou sete familias, cun escusado, dispensando, para todos eles. Dentro, o que máis hai é humidade.
     Por aquí comezamos a chamarlle o Rancho Grande, non sei quen argallaría o nome. É polo corrido mexicano, xa se dará de conta. Pero para nós un rancho é un porco. E cando dicimos rancho grande non pensamos en México, pensamos no porco da ceba.
     Eu vívolle pegado a esta taberna, coa muller, os fillos xa están criados. Pásase por aí diante, polo patio onde se xoga á chave co bo tempo. Éntrase pola cociña do veciño, o pintor, na nosa casa. Quitando eso, e que é un chisco pequena, non ten outro defecto. Ten unha hortiña detrás, e un cortello para o cocho. A auga non nace moi lonxe, báixanse unhas escaleiras e chégase a unha fonte que non seca nunca. E se pensamos no Rancho Grande, a nosa casa é un palacio.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega