Sombras de inverno

Páxina Anterior

Parte nº 4

Páxina Seguinte

v1xsantoscabanassombras008.html

Noite.



     —¿Non escoitas o vento?
     —Durme, Ana, é moi tarde.
     —Gústame moito sentir o vento cando estou así, quentiña na cama, ás escuras.
     —A min non me gusta a escuridade. Pero cala, que nos escoitan os pais.
     —Xa falo ao xeitiño. Non vés como se escoita, non se escoita máis que ssssssssssss....
     —Pero a nai sinte todo, e pode espertar, e despois bérranos o papá.
     —E dinos o que di sempre, que temos que ser boas e que temos que durmir moito para estar espilidas pola mañá, pero el fala berrando, e cando o papá berra ás escuras dame moito medo.
     —Pois cala.
     —Estase moi ben falando pola noite. Pero cando queces. Ao primeiro teño moito frío na cama, pero despois vou quecendo e estase moi ben ás escuras, falando así ssssssssssss....
     —Non entendo que non che dea medo estar ás escuras, co pequeniña que es.
     —Non son pequena. Xa teño nove anos. E ti aínda non cumpriches os doce. Dime unha cousa: ¿Que é unha puta?.
     —Unha que anda con moitos homes, que fai moitos pecados con moitos homes.
     —Non entendo.
     —Aínda es unha nena pequena, tés que medrar para entender as cousas, e ser boa, pero ser puta é ser mala.
    —E que non entendo por que dixeron que Rita é unha puta, ela non ten ningún home, non ten máis que os dous fillos, o Xurxiño e a Licha, que non teñen pai.
     —Todos temos un pai, Ana.
     —Todos, si, pero o Xurxiño e a Licha, non, que mo dixeron eles. Todas as nenas e máis todos os nenos do Monte do Alcoube teñen o pai na casa, e eles dous, non, o Xurxiño e a Licha dixéronme que non lles morrera o pai, que eles non tiñan.
     —Imos durmir, paréceme que ven o papá.
     —Non, parva, que é o vento. Cando hai tanto vento, despois chove moito, e hai moita lama na rúa, e non nos deixan saír a xogar, pero eu hei chapuzar nas pozas cando vaia á escola.
     —Se mollas os pés colles catarro, e despois enfermas e tés que estar todo o día na cama.
     —E vén a mamá, e dame leite quentiño e bicos, e marchades todos e eu quedo soíña con ela na casa.
     —Non digas bobadas. Cando enfermas dóeche a testa, e estás moi mal, e non che saben ben as cousas.
     —Foi Xan o que lle dixo a Licha: túa nai é unha puta, a túa avoa tamén é unha puta. Licha marchou chorando.
     —Xan é un brután, non hai que facerlle caso, sempre di parvadas.
     —Antes de chamarlles puta a Rita e máis á señora Aurora, o Xan manchoulle o vestido a Licha, zapateou nunha poza e salferiullo todo de lama. Licha choraba moito, marchou correndo á casa. Díxolle a Xan que seu irmán, que Xurxo lle ía pegar moito cando llo contara, e Xan-Xanzón ría coa boca toda aberta. Xan ten ollos de carneiro. Eu boteille a lingua.
     —Anda durme, que é moi tarde.
     —¿E ti por que non tés un mozo, como ten Licha?. Anda con el polo Monte do Alcoube, é un neno da outra rúa, anda con el polo campo, eu vinos agochadiños aos dous na traída, arrimados a aquelas paredes que hai.
     —Xa che dixo a mamá que non foras tan lonxe, ti es moi pequena para ir á traída, non podes pasar da taberna, tés que quedar por aquí, por diante da casa. ¿Oíches, Ana?. ¿Escoitas? ¿Quedaches durmida?.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega