Sombras de inverno

Páxina Anterior

Parte nº 7

Páxina Seguinte

v1xsantoscabanassombras014.html

Amparo.



     Vai para tres anos que nos mudamos. Antes viviamos no Valiño, xa sabes. A rúa era mellor, non había tanta lama, tanto vento. Pero aquelo era un rocho. Os aseos estaban no piso de abaixo, na casa da dona. Había que petarlle na porta, para facer as nosas necesidades. Témonos visto en apuros, cando ela marchaba. Nunca nos deixou a chave.
     O neno vai acougando. Nos primeiros tempos estrañaba, non facía máis que falar dos avós, das vacas, de todas as cousas da aldea. Aínda hoxe, se o deixas, pilla el soíño o coche de liña e vai onda meus pais. Alí danlle cricos. Xa se sabe, é o pequeno, o primeiro neto. Os avós teñen outra pacencia.
     O meu home non ten ningunha. Desque viñemos á vila, agreóuselle o carácter. Berra decote, rifa co neno, zóscalle. Faino peor, así o cativo vírase máis rebelde. Non hai que malcrialos, teñen que levar unha labazada cando cómpre, pero pegarlle dese xeito non pode ser bo. Aínda non fixo os sete anos.
     A culpa tena o traballo. Manuel ven derreado. Despois de traballar na estrada o tempo que lle cadre, aínda lle queda máis dunha hora en bicicleta, para chegar á casa. Non trae ánimos para nada. E cando para na taberna, a tomar un vaso, aínda está de peor xenio.
     Non sei que facer con el. Se lle mando aviso polo rapaz, porque a merenda está preparada e a Manuel gústalle comer quente, protesta. Rinse del, os outros homes da taberna, dinlle que eu ando a espreitalo, que non manda nada na casa, que un home non debe erguerse ata o remate da partida. O rapaz conta todo o que escoita.
     E se non o aviso, protesta porque a merenda está fría. Cando os homes se poñen así, non sabe unha que facer con eles. Non razoan.
     Xa falarei con el do que me dis, non podo acordalo eu soia. A min non me parece mal que veña vivir con nós a túa filla, mentres non busca acomodo na vila. Os que traballamos temos que ampararnos.
     A nós axudounos moito unha veciña, cando nos mudamos. Aquela María da que che falei a última vez que estiven na aldea. Xa leva tempo aquí, no Monte do Alcoube. Agora nótoa rara. Un pouco estirada, con aires, deulle por aparentar o que non é.
     Hoxe mesmo pilloume na tenda, e puxo a caldo a Rita, e veña a darme consellos. Non quere que o meu fillo xogue con Xurxo, o fillo de Rita. Xa sei que o tivo de solteira, xa che contei o caso da nai de Rita, que traballou de nova no barrio de putas, e do seu irmán, Ricardo, ese home alto, ben parecido, que está sempre sentado na soleira da casa, ese que non da parado de beber. Conteicho na aldea.
     Son bos veciños, non se meten con ninguén, gobernan a súa vida. Rita é unha muller moi simpática.
     A María non lle chistan. Que son unhas putas, á nai e á filla, que son un mal exemplo para os nenos. Debinlle contestar mal, non lle fixo gracia o que lle dixen.
     Aínda lle ha prestar peor cando alguén lle conte que o seu home anda detrás de Rita. Menos mal que Rita non lle fai ningún caso, menos mal.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega