Sombras de inverno

Páxina Anterior

Parte nº 9

Páxina Seguinte

v1xsantoscabanassombras018.html

A modo.



     Andaba nunha montesa vella e vestía sempre cun chaquetón de coiro moi usado. Paraba na da señora Xoana. Era montador, traballaba nas liñas eléctricas. Viña de fóra, aínda que me maten non podería dicirlle onde naceu. Ten que ser o mesmo home. Nos chamabámoslle o castellano.
     Protestaba pola chuvia, pola lama, polo frío. Na súa terra as lareiras quentan a casa enteira, díxonos. Aquí non, aquí entalas, se te arredas da cociña económica. Ides rematar por padecer todos do pulmón, con esta humidade, dicía o castellano. Algo de razón levaba, houbo quen enfermou. Sen ir máis lonxe, o mesmo fillo da señora Xoana, na casa onde paraba el.
     Tiña outras falas, outro acento, distinto tamén do da xente do centro da vila. Paréceme que entendía as cousas de outro modo. Non daba as reviravoltas que nós damos, ía máis dereito, máis sinxelo. Tampouco non ría con esas animaladas que ceibamos na taberna para facer o chiste. Non entendía que non houbese auga corrente, nestas casas do alto do Monte do Alcoube, tendo como temos a traída a cen metros. Non había maneira de facerlle comprender que estamos un chisco máis altos, que hai que foderse, a auga non sobe. El terqueaba. Ide ao concello, que volo amañen, dicía.
     Non sei por que escolleu esta rúa para vivir, nin como soubo da casa da señora Xoana. Case sempre chegaba coa noite ben entrada. Eu tardo en adormecer, por eso sentía a montesa do castellano alá cara as once, mesmo cerca das doce. Aquí, nesta taberna, ten estado. O viño do ribeiro non o probaba, que lle daba ardencia. Tomaba bopomán.
     Eu non entendo nada, non lle sabía eso que me conta. Aquí, no Monte do Alcoube, desas cousas non entendemos. Tampouco non nos fai ningunha falta, xa me dirá que gañamos nós menténdonos a políticos. E tanto ten que o escribiran nos xornais ou non, aquí non le ninguén, que eu saiba. Escoitamos a radio, algunha vez, o parte de radio nacional.
     Mala cousa, a política. É unha maneira coma outra calquera de encerellar a vida dun home. Non sabía que o castellano estivera preso, polas ideas, nin que o volveran pillar, agora. Non semellaba mal rapaz, pero, se a vostede non lle parece mal, deixamos o conto, non convén falar moito desas cousas, xa sabe.
     Ás veces xogaba unha partida con nós. Ao primeiro trabucábase, el aprendera un tute con outros cantes. Entendía as nosas falas. Nós, o galego de verdade non o sabemos, o galego-galego fálano ben pola parte de Lugo. Nós falamos así, daquela maneira, ben o ve vostede. O castellano entendía todo.
     Por aquí temos un dito que o despistaba. Apoñémoslle un a modo a case todo. Se alguén di unha burrada, contestámoslle que a modo. Se nos din algo co que non contamos, ou tamén cando un se pon serio de máis, metémoslle o a modo de coroa, case sempre por lle tomar o pelo ao que fala. Debe ter razón o castellano, o a modo usámolo decote.
     Díxomo, un día. Dalle co a modo para arriba, veño o a modo para abaixo. Non hai quen vos entenda. Eu non o pensei. Retruqueille: ¡A modo!.
     A vida élle así, que lle imos facer.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega