Acaba de sair do prelo o libro do xornalista Jorge Leão Teixeira e do
arquitecto Flavio Ferreira sobre Raymundo de Paula Soares (1926-1992),
un enxeñeiro nacido en Porto Alegre (Río Grande do Sul) que chegou con
vintetrés anos a Río, cando aínda era capital federal, e deixou a
súa marca nalgúns dos puntos máis emblemáticos da cidade, sobre todo
da súa orla marítima.
Nomeado Secretario de Obras en 1966, estreouse
nos primeiros días da súa xestión cos labores de reconstrucción e
de prevención realizados tralas grandes inundacións sufridas ese
ano. Posteriormente, e coa vella teima carioca de lle gañar terreos ao
mar, participou no equipo que concluíu ese espacio de lecer que é o
Aterro do Flamengo e fixo ampliar a praia de Copacabana co paseo de
xeométricas ondas de pedras brancas e negras de fama mundial. Pero
entre as súas intervencións máis destacadas apréciase agora de
maneira especial a conquista para o Río da hoxe emerxente Barra da
Tijuca.
Chamou Raymundo de Paula Soares ao autor do
debuxo de Brasilia, o famoso urbanista Lucio Costa, para elaborar o
plano piloto de ocupación daquelas terras do sur tan distantes do
centro urbano. Comprendida entre o mar aberto e os macizos da Tijuca e
da Pedra Branca, a gran planicie mantivérase virxe case catrocentos
anos: longas e desertas praias, coas areas batidas polo vento, que
facía e desfacía pequenas dunas, e moitas lagoas interligadas, augas
paradas onde abundaban os mosquitos e grandes e vistosas aves
acuáticas.
A transformación da paisaxe nos últimos anos
foi brutal. Erguéronse numerosas torres de apartamentos como
xigantescos cogumelos do progreso xunto a vivendas unifamiliares de
luxo. Provocouse unha inmigración masiva e os máis ricos atoparon
aquí un refuxio para os seus exclusivos condominios residenciais, onde
prima a seguridade. Impúxose, pois, como noutros lugares do mundo, un
urbanismo sen rúas nin prazas (quen non se mova en coche resulta
sospeitoso), no que a vida cidadá resérvase para os flamantes "shopingcenters"
(así, en inglés). Aínda queda, afortunadamente, o longuísimo paseo
á beira da praia salpicado de barracas onde beber a sempre refrescante
auga de coco verde.
A Barra da Tijuca terá axiña unha moda
estúpida, a maior concentración de parques temáticos e de
diversión do país. Nestes días a prensa e a televisión anuncian xa
para outubro a inauguración do primeiro deles, o chamado Terra
Encantada, que toma como modelo o de Orlando en Florida. Para os seus
promotores, unha visita ás atraccións do parque será "unha viaxe
por un Brasil lúdico, irreverente e cheo de humor". Nese mundo
encantado, moi politically correct, os animais protagonistas
serán espécímes en perigo de extinción da fauna brasileira e os
personaxes humanos tres nenos un branco, un negro e unha india
que pretenden revelar a "alma brasileira". |