Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Frei Damián

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil019.html




Frei Damián


     Máis de duascentas mil persoas visitaron a basílica da Penha da cidade de Recife, capital de Pernambuco, durante os tres días que durou o velorio de Frei Damián, un capuchino morto na noite do sábado 30 de maio. Outra multitude asistiu baixo un forte sol á solemne misa de corpo presente celebrada o mércores no estadio de fútbol de Arruda. A caixa co defunto foi levada ao campo nun coche de bombeiros e de alí nun helicóptero alugado polo goberno, ata o convento de São Félix de Cantalice, onde viviu e onde finalmente foi enterrado o monxe.
     Fe cega e idolatría no que se considera o maior país católico do mundo: milleiros de fieis, a maioría moi humildes e chegados de todos os estados do nordeste, conformaron eses días, declarados de loito oficial en todo o Brasil, unha impresionante manifestación de devoción popular, na que se mesturaban cánticos e oracións coas historias das famosas peregrinacións e misións evanxelizadoras do frade polo interior nordestino e con relatos de asombrosos milagres a él atribuídos.
     Nacido en Bozzano (Toscana) en 1898, Pío Gianotti, máis tarde frei Damián, estudiou teoloxía e filosofía na Universidade Gregoriana de Roma. Chegou a Recife en 1931 e durante sesenta e seis anos percorreu como misioneiro os camiños secos e ardentes do nordeste, onde a xente vivía —e vive aínda— en condicións ínfimas de supervivencia. Malia a súa aparencia fráxil, pequeno —metro e medio de altura— e portador dunha atrofia na columna, destacou sempre polo seu rigor moral e as súas mensaxes apocalípticas máis propias da Igrexa do Concilio de Trento.
     Nos seus sermóns, pronunciados con frecuencia á noite ou de madrugada, bramaba contra o uso da minisaia, o carnaval, o comunismo, os anticonceptivos, o divorcio, o concubinato... e ameazaba sempre «co fogo do inferno», no que, dicía, «só hai sufrimentos e a calor é billóns de veces peor que no nordeste. As labaradas soben e queiman sen parar o corpo dos adúlteros, das prostitutas, dos afeminados e dos criminosos».
     A frei Damián considerábaselle, polo seu carisma, sucesor ou encarnación doutros misioneiros do nordeste, como o padre Cícero Romão ou mesmo o famoso Antonio Conselheiro, cos que compartía o traballo itinerante de evanxelización e a ríxida doutrina moral. Rexeitaba a comparación porque aqueles protagonizaran movementos de insubordinación e revolta contra a autoridade eclesiástica ou civil. El, pola contra, deixou que a súa imaxe e popularidade fose aproveitada con frecuencia polos políticos, e chegou a apoiar ao seu amigo Fernando Collor de Mello. Cando en 1992, acusado de corrupción, se iniciou contra el o proceso de destitución polo que acabaría sendo apartado do poder, o frade divulgou unha carta de solidariedade. O outro día, pouco antes de lle dar sepultura a frei Damián, a caixa foi aberta para que o ex-presidente se despedise como un devoto máis do misioneiro. Chorando moito, deulle un bico na fronte e apertou a súa man.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega