Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Caoba

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil021.html




Caoba


     Cafeciño con pastas á media mañá no centro, na Confeitaria Colombo, antigo local da bohemia carioca que vai para os cento tres anos de vida. Mesas de mármore. Cadeiras de madeira e trenzado de palla. No teito, unha elegante claraboia e os ventiladores xa apagados no comezo do inverno austral; nas paredes, inmensos espellos importados de Bélxica, cos seus marcos neorrococó de follas, flores e cabezas. Curvas e contracurvas de caoba deseñadas por Antonio Borsai, un fillo de inmigrantes italianos chegado de São Paulo. (Lémbrome do meu avó coa punta sempre afiada do lapis debuxando mobles en follas de delicado papel de seda).
     Na recente reunión da Convención Internacional sobre o Comercio de Especies Ameazadas (CITES, un organismo da ONU) celebrada en Harare, capital de Zimbabue, os países participantes, entre eles Brasil, acordaron rexeitar a proposta conxunta de Estados Unidos e Bolivia de incluir a caoba, a árbore tropical de madeira máis nobre, na lista de especies protexidas. O presidente Clinton aceptou as peticións das asociacións ecoloxistas de limitar o comercio deste producto de luxo, do que o seu país é un dos maiores consumidores do mundo. A delegación brasileira votou en contra, o que provocou unha gran polémica, porque a corta de caobas é a principal causa de destrucción da selva amazónica.
     As contradiccións do presidente brasileiro Fernando Henrique Cardoso son evidentes. O ano pasado recibía públicos parabéns, mesmo de Greenpeace, polas medidas adoptadas polo seu goberno para modificar o código forestal aínda vixente, que databa de 1965. Daquela a Amazonia era o "inferno verde" e outras as urxencias do país: ocupación de territorio, expansión das fronteiras agropecuarias e construcción dos grandes eixes viarios. A lei permitía abater o 50% de árbores das propiedades. Agora, co obxectivo de conseguir beneficios económicos respectando ao mesmo tempo o medio ambiente, reduciuse ao 20% e estableceuse unha moratoria de dous anos
para a explotación da caoba amazónica. Aumentouse, ademais, o control sobre as empresas madeireiras que traballan na rexión.
     Na práctica, a situación é ben diferente. Enormes troncos conxestionan a diario os afluentes do gran río e séguense desembarcando no porto de Manaus tractores e máquinas colosais. Esta é a denuncia feita máis recentemente: cinco empresas asiáticas (de Indonesia, da China e, sobre todo, de Malaisia), que controlan o 70% do mercado de madeiras tropicais, andan á rapañota na Amazonia e avanzan sobre a selva coa voracidade da marabunta. E chegan despois de deixar un rastro de destrucción noutros lugares, como na illa de Borneo,
Vietnam ou Tailandia, onde estragaron os bosques. Non lles resulta difícil aquí, pola compracencia das autoridades locais e porque ser dono de terra amazónica é ben barato. Unha hectárea de selva virxe nas áreas máis distantes das cidades vale pouco máis de mil pesetas* .


______________
* En xaneiro de 1999 sóubouse que o empresario Cecilio do Rego comprara (ilegalmente) sete millóns de hectáreas de selva no estado de Pará. O latifundio, unha superficie comparable a Bélxica e Holanda xuntas, é o maior do mundo e custou pouco menos de 60 millóns de pesetas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega