A escrita do silencio-Antoloxía persoal

Páxina Anterior

A escrita da auga. Do olvido o rio

Páxina Seguinte

v1cesareosanchezantoloxia005.html

DO OLVIDO O RIO



1





Vexo-te nascer cando o camiño
non perdeu ainda a tona.
Insinuaste na primavera
que te fai e nela entras
e coma luz inundas.
Agua clara
e pura a decorrer
sobre das próprias lembranzas.
Sombras escritas sobre de Ti
e Ti,non as borras
Na miña man o canto
que foi teu .Na Distáncia
na sua sombra vive
ainda a Seducción.
Ah o Dafne, o seu delicado aroma.










2





Transitas lugares
da noite nominados.
Por Ela tremes sin vento
se está no seixo durmida
nas bidueiras ensoñada.
Aos ollos do martiño peixeiro
dás-lle unha lagrima
que xa nen che pertence.
Convives co meu crer
e cada un de Ti
a se suceder nun outro
que é, menos o evidente.
Ás veces Ela non está,
ás veces tanto










3





Ceo alvarado.
O real indescifrado.
Branca continxéncia
de cousas pasadas.
Nas tuas areas de neve amei.
Onde as ondas fún
como a tua profundidade
cando é soñada.
Taciturno un ameneiro
sinala-me a outra orela
e eu non a quero esquecer.
Quen era ? De onde viña?
Retorno para me adentrar
dela no seu sentir
cando caen de seda as sombras
e a tarde bebe nos meus labios
un ultimo beixo.










6





Na rocha nasces.
No mais segredo
de brando andar nasces
a esta realidade.
Fervenza morres na area.
Penso a branca lua
e da tua escrita falamos.
Acaso na noite
co teu siléncio
sabes ferir a terra.
De doce voz
só eu entendo
o teu canto
só eu interpreto
o teu son
si cantas o inalcanzável.










12





Dime todas as flores
para os teus perfumes
para o seu nome.
Interrompes o teu trascorrer.
Dubidas, buscas
os primeiros recordos
e eu quéroche facer lembrar.
Tes mudado tantas veces de lugar.
A soidade en min entrañada
na tua preséncia insiste
contigo vai en desamor.
Vexo como os teus pensamentos
esculturan os aluvións.
Errando polo val a outro val
hoxe as nubes
non me deixan ver a lua
nos seus ollos.










13





Da mañá húmidas gotas de Luz
sobre verdes follas.
A Ponte Derrubada,
sintes a sua preséncia?
Que permanece nela?
Modelas os seus sillares
á tua imaxe e a sua en Ti
comeza a se cobrir de rocio
antes de estares
nos teus espellos
O seu rostro imóvel
é o teu própiro transcorrer.
Silenciosamente volves
ao acuno das penedias
que che nascen. Neve lixeira
serás a montaña manantial.










15





Sabes tanto desta terra,
inundas o seu ser.
Perguntas-lle ao vento
polas ondas polo lugar
de onde non volta ninguen.
Perplexo ves cair
secas follas.
Como maxinar?
Vés do País das Frias Palavras.
Vas como se extenuado
pola cunca do val.
Escravo de Ela perdo a Razón.
Agora que retornan
as anduriñas,
por Ti chamo : Ven
e deste amor saca-me.










16





Navegas os teus rios
aconteces na árvore
que contén a tua sombra.
Onde a Ponte Vella
apresas o teu camiño
que atravesa a Lua Chea
co seu perpetuo claror.
Tiñas razón :
Nada mentia salvo a vida.
Ah a miña cidade
as folerpas da neve
a revolotear lonxanas.
Contra de min a Ela amei.
Tanto a agardara.
Mas o seu ollar
estaba xa escrito.










20





Brancos coiñais.
Ceo tan puro estás
na memoria de alguén.
O non revelado
balanceia no legamo
e eu con Ela teño navegado
o Rio dos Lirios.
Es sin por que.
Reflexionas mas non podes
rectificar o teu curso
para non despertar
as tuas cores
adormecidas,medievais.
Falas en voz alta
só cando queres
apreender a realidade.










23





Para Ti o verán abre-se
en estreito val.
Os piñeiros na néboa
desprendidos dun tempo
que só Ti coñeces.
Cres enxendrar
un presente de cousas
sin presente.
Turvan-se nun húmido rumor
como se nada acontecese .
Moves-te en eternidade
e cantas veces
todo nasce e cantas
nun atardecer todo morre.










24





Cálida chuva escampa
sobre das hortas deste verán
Leda navigación,
fluvial o teu andar
há pouco criado
a se espellar naquel
que nunca serei.
Volvoretas ou flores de neve
están sobre min a cair
que estou en Amor caído
e desde entón vivo
contra o insuportável.
Cando veñen de abrir
as primeiras lilas
digo-che unha última nostálxia.










26





Unha chaira de neve
cun regato.
Escoita-se no mundo
o teu lento pasar
como sen esperanza.
O vento a ti regresa
de panos albos fai
do pasaxeiro o permanente.
O inverno dicta
a sua senténcia inapelável
e para min non haberá
senón recordo
das cousas inúmeras
que xa non sei ler
sen a sua voz.










30





Névoa a se levantar
da própira soidade.
O orvallo a florir nas rosas.
O Devir a se desvanecer.
Estás água irreversível
na doirada e incerta noite.
Estás fascinado
polo non soportável.
De ollos vacios diante tua
apareces inexplicado.
Aluarada está a terra
e eu deteño-me mal na area
pouco na neve se parto
para outra estación
para outro corpo.










32





Á deriva pasas para o val.
Gostarias de construir
un cauce que só fose un soño.
Ollas-me fixamente
denantes de te adormecer
denantes de te negar
aos teus pensamentos
para quen estabas oculto.
Comigo chamas por eles
unha vez e outra vez
e asi chamamos
pola beleza incognoscível
polo ser das cousas.E un ceo
a se inundar de atardecer.










33





Vento e vento
a se derramar
no tenramente azul:
Trasparentes ollos celestes
que a Ti agardan
e Ti o sabes.
Regresará o inverno
para que continues.
A mañá reflexa-se
nas miñas mans molladas
de recoller betúnias.
Criatura feita de ensoño
es o seu tempo
os seus minutos
decorrendo amantiños.










38





As sombras dos penedos
chaman sen voz
polas tuas sombras.
No seu fuxir atolado
o regueiro na paisaxe
é un estigma divino
un sinal nela madurecido.
Un dia grita a outro dia
e unha noite comunica
a sua Auséncia a outra noite.
Oh imutável descer,descer
rio inexistente tés
a tua própria duración
neste atardecer que comeza
e trae a névoa sobre Xaneiro
e o seu ventre adormecido.










39





As folerpas dentro do inverno
no instante do nascer .
Busco no ceo
un sinal que me diga
que ainda en Ela vivo
coma branca lua pousada
no tellado anoitecido.
Acontecimentos
ainda non sentidos chegan
como chegan as anduriñas
e a nós anuncian-te .Vés
onde ainda non estavas sendo.
Sente-se pasar o teu curso
de irrepetível presente
e a danza temerosa
da escuma nas marxes
dun regato crescido.










40





Encostas rachadas
por fervenzas e riachos.
Sensitivos salgueiros.
Xeometrica a Ponte
depositária do efémero.
Onde toda parece entrar
na duración no repouso .
En Ti to é Rio
menos o rio mesmo.
Escondido entre as pedras
ainda o inverno nuves
de temprana primavera
a se converter en chuva.
Como a recordo!
Iamos para tan lonxe
e agora regresamos
separadamente.










41





A pedra e máis eu
asistimos á tua soidade
á marxe de calquer acontecer.
Toda a noite
vacia-se de noite
e Ti espellas-te, trascendes
o próprio trascorrer.
Accedes á imovilidade.
Ah a tua paixon polos lírios
Nuves a se levantar
embriagadas de azul.
Apariencias que crias
e nas que ficas
A mañá esquecida
nos seus cabelos .
Imensa de tan fráxil.










43





Ante a miña xanela aberta
o teu son,como detido.
Ao pé dunha bidueira
solprendesme
coma un paxaro
malferido e desorientado.
Chuviscas repentinas
liviás cálidas.
Ao claror da lua
o infinito imaxinável .
Pergunto-che o nome
sen lembrar
que non nos vemos
por vez primeira
e Ti demudando vás
en intanxíveis camiños de areia.










44





Que agardas
á sombra do malvis?
Dubitativo.
Non entendes a eternidade
Na Inocencia do gris
negas-te a ser revelado
e negas o saber.
Toldas as fronteiras
entre a árvore
e a sua imaxe reflexada
no teu falar manantial.
Como unha divindade
ollei-na camiñar ao teu carón
levemente de mar.
Era un modo de pensar o Tempo.










45





Con sosego
atravesate o sol.
Trasparente ás veces
non te pertences.
De quen tes medo ?
Vas a outro transcorrer
a outro dia cando a nuve é
de xeladas flores.
O que fica en sombra
é da Razón .
Temeroso da Idea
da emoción fluis
da noite concava
de sombra e pingotas
a se escachar na tua tona.
Aboias o reflexo dunha libélula
ao cruzar as correntes.










50





De cando en vez
era livre de todo.
Nos teus labirintos
a sua imaxe xira
como xermina
unha flor de xasmin
nas correntes.
Nos teus doridos remuíños
Xuño desliza-se
porque chegan as volvoretas.
Un pardal imita
o canto da auga
na idea de falar contigo
de te lembrar as promesas
que outrora lle fixeche.










52





Cando o primeiro solpor
de min revela
toda a fraxilidade
deslizaste
de auga asombrada.
Outubro extenuado
nas lousas do mosteiro
é un brillo crepuscular.
Silenciosa a chuva.
Coma un prado
o teu ser fai-se melodia.
Ao sol deitado abarcas
todos os presentes.
Este,que me manca .










53





Nesta madrugada
o son da campá
cando coma min perde
unha lágrima e asi se purifica.
Da lua pergunto-che o nome
sen lembrar que non nos vemos
por vez primeira.
Como quen soñara a sua vida
necesitarás lembrar
os rios que criache.
Con voz abrasada vives
a ser intemporal.
A canción do pescador
afunde-se contigo.
Coela durarás
tanto como o seu transcorrer.










56





Nos arcos da badia
a cheirosa relva.
Comprender-te
no asulagar-se do val
cando non significas nada.
Remansas-te silencioso
evocador vacilas
agora non entendes
por qué tes chegado até aqui:
Memoria do irreversível .
Sen estacions a vida
á sombra das flores
entre da chuva
como criatura non nascida
nen de pai nen de mai.










59





Maxestoso ollas a Cidade Murada.
A terra dos ouricelos dos penedos.
O bosque coas bandadas
de follas secas que acolle
vellas histórias monásticas.
Da boca azul dos séculos cai
un grito lonxe sen ruido
e vai-te posuindo
e nun instante tes retrocedido
lonxe moi lonxe
e todo o val en sombra.
Como será sen Ela a miña tristeza.
Camiñarei até que o regato termine
de se facer nunha estreita valiña.










62





A fraga ensimesmada de nuves.
A luz baixa e grave.
Afondador o Eume
por amor de Ti á terra.
Algo en ti abre-se a Coñecimento
criador do inexistente e todo é
azaleia e atardecer.
No teu curso morres
e ao mesmo tempo vives.
E terás un nome que te sobrevivirá
Sobre da cancela caída,
na enredadeira silvestre
revoloteia unha volvoreta amarela
denominando a Soidade.
Dos seus ollos teño temor.










64





É escusado buscar-te.
Anónimo nos mapas.
devalas ledo,
na tua ocultación
baixo duns ollos claros.
Alado ritmo da pasaxe.
Fas-te estreita calexa
ás portas da história,
manifestas-te reenxendras-te
fascinandome unha e outra vez.
De ollos de cerva Ela está
primavera de névoa e luz,
Adormecida lembro-a
cunha diadema
de brancas margaridas.










65





As tuas pulsacións significan
os teus sentimentos.
Posuis a tua forma
cando te abandonas ao distante
e os teus pensamentos
debuxan baixo da ponte
as imperceptíveis ondas
dunha antiga lágrima.
De ti sabia todo
menos que lembras
até despois de me perder.
Só o fuxitivo
permañece e dura - dis-me.
Trascorres para te opor ao morrer .










66





Que escrebes? Que omites ?
Na tua pasividade
enxendrando-me.
volves todo sen evidéncia.
Encalmas o meu maxin.
Desveladamente insomne
contes o exceso.
Sen cesar de min esquecido
A neve nas xesteiras
suxire histórias
de amores inacabados
que en Ti fixará a lenda.
Os aromas durmidos
de aquela que amei
coma Ti a terias amado.










68





Muda trasparéncia.
Escuros ollos,
suplicantes.
De vidro era viver nela
co seu bris distante
Na Porta do Olvido
contemplo-me
hoxe, sen memória.
Es o que presente
o viaxeiro de regreso .
Ás veces demoras-te
en ollar o teu cauce
e ás veces non o executas .
Por que tés
de ser levado
tan lonxe da tua casa?










70





Tan xoven pola tardiña
val onde florece o magnólio
e o laranxo.A sombra
do efémero nas tuas águas .
O desespero
da ternura ausente .
Intanxível contemplas
o lugar que fundache
e dorme verdes cores.
Sorris para os seus adentros
como unha montaña cruzada
por unha nube
como un dia que parte
revelando a escuridade.










71





Remanso onde a música
alenta repousa lembra
as tuas fontes natais.
A ermida do Estreito Val
esquece e tu agardas
para me dizer
as máis amargas verdades.
As ponlas amparan
sombrizos espellos.
O espazo sereia-se
antes de nevar, faise íntimo
no crepúsculo ou dorme-se
e soña na nevoa
fantásticas histórias
lembranzas infantis
por entre os ameneiros
onde onte aniñaba a rula.










73





Nun vagaroso chover
xacente agardas
para que todo perdure.
Da realidade apartado
liberado da forma
coa fascinación do sagrado
és o mais aló do descoñecido
para seguir sendo
recordando o que fumos.
Chegamos ao Rio do Olvido
que os gumes das rochas apertan
Ollamos as ruinas da Torre
e entre as suas pedras mortas
maxinei un xinete sen rosto
e unha nube de volvoretas.
Eu coma el tiña un antigo soño
que gardarei para sempre
mudo no corazón .










74





Fragmentária
a imaxe que devolves
é só un recordo dela.
Portador do Inaprensível vas
partido polas illas.
Lava os seus cabelos o sauce
nos riachos lonxanos que digo.
Baixo daquela lua
dei-lle a beber auga de chuva
nun prado amado
da bidueira e da garza.
Regreso no soñador
que persegue un seu rosto .
a se converter
nisto ou naquilo .










76





És como inasível.
Vés ver no teu andar errante
ao Rio que coñece
e ten memoria do seu transcorrer
que engade ao teu viver
máis vida.
Froito da tua excitación interior
rebordas altos pensamentos.
Apreendes o xa extinguido.
Es unha parte do viver
en si destinada a rápida morte.
Nomeas o xa dito.
As mans miñas voltan
cos perfumes das flores
por Ela cortadas.










77





Setembro deviña dourado
sobre dos ameneiros.
Nascia para ser de min amada.
Agora é unha Deusa
hierática e sedente e Ti es
un xeito de permanecer .
Os capiteis son xa natureza
vexetal paisaxe esculpida
con sereia severidade.
Só en Ti alimentas
a revelación do Incorpóreo.
A quietude vacia espellas.
Escoito en silencio a Harmonia
de todas as cousas da Criación.










78





En Ti a miña sombra
cai para proseguir,para premer
confusas gotas de Tempo.
A névoa desdebuxa a ermida
entra nas imaxes do timpano .
Imerso no indistinguível
encerrando cada ser en si
recollo crisantelmos
ao pé da faia e contemplo
as montañas do sul.
O ar é puro no crepusculo
e os paxaros voltan
en bandadas aos seus niños.
Todas as cousas teñen a sua Imaxe
mas cando intento explicá-la
perde-se no silencio .










79





A luz a se cernir
como sen tempo
nen significación.
Con petrificado xesto,pensas
en contra da corrente.
Viaxas á deriva .
Afundes-te se cesas.
Paseio os teus espellos
cando non paseio.
Algo levas do Alguén
que en Ela habia
como xa acontecido.
Coñezote
só no que eu sinto
ao camiñar
as mesmas ribeiras
que Ti camiñas.










80





Cando todo era eterno e azul
veu do Pais dos Castiñeiros.
Sucesiva e sempre no comezo
todo nela era ocultamento.
Un rumor paseias
entre as ruinas da ermida.
Acarício as paredes celestes
sentindome de onde todo é
unha invisível man escarlata.
Entramos pola Porta da Lua
ao clarexar o dia
cando o bris desflora
os racimos de glicina
que caen dunha nunha
como gotas de Alba.
Ali dis: O Infinito é a Desolación.










83





Non podo doer-me de min
nin de que estés tan dentro de Ti
cando non sei se estás.
A sua voz amorosa ainda
oio cantar.Tanta ternura
na intimidade do chover
efémero e Intemporal.
Despaciosos vagantios .
Como nomear a eternidade?
Incorporea a chuva cai violenta
e xa a andar polo Vieiro
das pontenllas. Falei-lle
do val que a viu nascer,
da erva que crescia
aos seus pés,dos paxaros,
da lua nos seus ramos.










84





Cara o centro mesmo
do teu transcorrer levas-me
irisado na tua levedade.
Na ponte grabache
o nome da primavera
a quen amaras
como eu a Ela amei
Encontrar-te, solprender-te
no máis puro siléncio
do teu saber. No rumor
das arvoredas as pegadas
que foron da chuva.
Cando á Porta do Paraíso
todo se ve tal como é maxinado
infinito e eterno. As veces
intúo fuxitivos reflexos de verdade.










85





Conduces outros seres
ao teu fluir .
Vives en mudanza
dun modo diferente.
No animado que nos posui
nas estacións que volven
de novo a Ela en flor
morres no teu amar
inundado de tarde.
Serás quizais Aquel Rio
que nunca existiu?
Construirás segundo trascorres
a Ideia de Ti mesmo?
Trasmites-me a tua imaxe
mas cando a teño comprendido
as tuas águas xa partiron.










Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega