A fraga prateada

Páxina Anterior

3.

Páxina Seguinte

v2vitorvaqueirofragaprateada002.html

3

Durante anos ríspidos,
de estrugas, como Damaianti,
a muller agardou,
alampados os seos entre a espera,
cos seus latexos mais cernudos
enfeblecidos no tempo e nas correntes
como lemes de cana
axustados a un longo pailebote
de misterio.
No tempo das esperas
estudiou o maino xermolar
das especies mais ínfimas e breves;
a mudanza das caules e o desenvolvemento
de exemplares miúdos, algúns deles plantados
polas súas mans, outrora sensoriais,
axeitadas a amores circulares,
iterantes, insomnes, inmorrentes;
a evolución das cores e das vidas
entre as follas segundo a estación:
os queimados de outono que se lle antollaban
feridas entre as codias
de árbores vellísimas;
os zumes bagoentos, caendo de vagar,
como abanqueiros moles,
como prantos ou fluxos
de amor ou de canseira.
Estudiou tamén
as pedras que crebaban na sorpresa
do sol fero ao mencer, despois de noites
frías, de azo e inmensidade antártica.
Como seguindo os proprios
sinais da Natureza, as súas peles
percorreron uns estados tras doutros;
foron primeiro area,
despois terra acalcada, e derradeiramente
rochas nas que agromaban as enrugas
como escairos de terra incultivada.
Mais agardaba.
Unha noite de cores esgazadas
tivo un soño: xuntábanse entre as nubes
signos raros, chegados doutros mundos, de tons ocres,
como os vellos queimados coñecidos
do tempo dos outonos, dos outonos do tempo.
Ao espertar sentía
correntes soterráneas no seu corpo.
Non puido agardar mais.
Recolleu a roupa indispensábel,
o calzado axeitado
para unha longa viaxe,
e un arma: unha machada de mangueira quente
como buxo ou os seus proprios anceios.
Ao cabo recolleu aquela chave
daquela fechadura
daquela porta
daquela casa
no medio do deserto,
e camiñou no abrente, namentres as raiolas
ían aloumiñando e alumeando
as paredes das casas albexadas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega