A Odisea de Pere Xil

Páxina Anterior

10. Pere Xil non quer ser unha ra

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     El trasno houbo aguantar a mondeira do sou xefe. O cuitado do non entendía como aquel ferro retorto de color rubia, supostamente con propiedades máxicas, era imprescindible para levar a cabo os planos da Asemblea de Trasnos Revoltosos e Obsesionados en Zorregar (máis conecida como a A.T.R.O.Z.) de desengueirar a comarca aquela na que se atopaban, dado que os vecíos xa estaban afeitos ás falcatrúas e ás xoldras dos trasnos locais. Mesmo xa os escorrentaban a paos sen a menor consideración. Chegara, lougo, a hora de lles dar unha lección. Para elo era mester contar con aquel obxecto máxico, o lexendario fouzo vermello, que el mesmo segaba palla que ideas, árbores que vontades dunha vila enteira.
     —Conque xa sabes
—dixera o gran mestre dos trasnos da que salía pola porta da cova de Pere Xil—, ou atopas o fouzo antes dunha semana, ou serás unha ra durante os tres próximos séculos. E eu hei encargarme persoalmente delo.
     O pobre Pere Xil sabía que aquel trasno cumpriría a súa promesa, ou máis ben a súa ameaza. Tan cedo como saliu, o trasno principiou a preparar a súa equipaxe, consistente nun fardelín cunha pequena correa que, pendurada do pescozo, lle permitiría levar o fardel sobre o cadril. E, para que quería tan pouca equipaxe? Sinxelamente para guardar o manual do trasgo pioneiro, as súas polveiras máxicas que faen máis intenso o efecto dalgúns feitizos e mais o sou cabeceiro de plumas de paspallais, sen o cual non era a durmir.
     Colleulo todo e saliu ao aire libre. Faía un día espléndido, sen case nubres no ceo, sen unha pinga de vento. Pere mirou en todas as direcciois, tratando de averiguar por onde iría aquel humano
—porque sería un humano, supuxo el— o que levara o maldito fouzo. Achegouse á escombreira. Era a única cousa que se lle ocorría para comezar a súa pescuda. Tevo sorte porque axina distinguiu unhas pisadas que vían do camín, desviávanse para a escombreira e despois volvían ao camín. Ademais eran abondo recentes.
     A súa gran dúbida entre se dirixir cara ao norte ou cara ao sur xa estaba resolta: quen collera o fouzo enveredara para o sur.
     Para aló marchou Pere Xil chen de fiúza de que o atoparía e lle podería dar unha lición a aquel roubón que non esqueicería enxamais.
     A Xullán fóralle muito ben durante os seguintes días. Gracias a aquel fouzo fantástico, el solo facía o labor de oito ou dez homes e en muito menos tempo. Cabo de pouco, antes de el chegar a unha vila, xa sabían do bon traballo que Xullán realizaba ondequera que o contratasen. A súa fama, de certo, xa o precedía.
     Por esa mesma razón, o trasno Pere Xil foi seguindo facilmente o sou rastro aínda que non o dese alcanzado ao cabo, porque o campesín traballaba a tal velocidade que non paraba máis que unhas poucas horas en cada lugar e axina marchaba para outro. E no outro non lle facía falta pedir traballo porque era tal a súa fama que antes de el abrir os beizos xa lle tían asignado unha laboura.
     Xa pasaran cuatro días sen que Pere Xil atopara a Xullán malia estar mui ben cerquía del en certas ocasiois. Mais aquela bisbarra era tan enorme que o labrego sempre lle escapara ao trasno.
     Pere Xil había facer algo e rapidamente. Para ver o que lle faltaba ao campesín vagamundo por percorrer naquela vasta rexión, subiu ao penedo máis alto da zona. De fronte tía o mar, e desde el abríase un gran vale atrevasado polo enorme río Navia. Desde aquel miradoiro pudo observar o trasno que as eiras todas estaban segadas no vale, agás unha pequena área á dereita do penedo no que se atopaba. Tratábase dunha vila toda costa entre os sestos dunha montaña. Alí, as campas, as leiras, os terreos todos paraecían aguardar polo fouzo de Xullán; era Verducedo.
     Era claro que o labrego se dirixiría para aló e alí o esperaría o trasno para lle arrebatar o fouzo máxico. Probablemente o labrego non botaría máis dun día en chegar até alí, de xeito que o trasno se dirixiu á vila pendurada da montaña dando choutos, pasando por baixo de piñeiros e castañeiros.
     Cuando o trasno chegou á vila, inda non había nin un rastro do labrego co fouzo vermello. Tía todo o tempo do mundo deica a chegada do campesín, de modo que decidiu dedicalo a facer algunha maldade por alí, xa que un trasno non pode para muito tempo quieto sen cavilar algo ruín. Lembrouse entón do pouco respecto que os naturais daquela bisbarra tían ultimamente ás falcatrúas dos trasnos e veulle de sotaque unha muito boa idea á cabeza: faría salabriar sobre a vila co gallo de que se botase a perder o traballo da sega que habería realizar Xullán co sou fouzo máxico.
     Xa dito e xa feito.
     Coa axuda das polveiras máxicas, Pere Xil organizou unha horrorosa greiza desde unhas nubres mouras sinistras que semellaban xurdidas da nada e todo repentinamente.
     Os habitantes todos correron ás súas casas sorprendidos por aquel aparente capricho da natureza. Tras dos vidros das súas ventás puideron comprobar como aquelas pedras de xelo rematarían cos sous esforzos de todo un ano de duro traballo, xusto unhas horas antes da chegada do campesín co fouzo máxico. Todo estaba perdido.
     Mais a salabria non levaría máis de dous minutos cuando se ouviu desde o campanario un estrondo asemellado ao dunhas tisoiras en rachando un tecido. Algún vecín curioso asomou o focín cara o campanario e foi a descubrir o labrego enriba do tellado a esfarrapar as nubes que provocaban a salabriada.
     Milagrosamente, o campesín chegara muito antes do previsto e axina volara en rematar con aquela catástrofe.
     A xente toda saliu á rúa para felicitar a Xullán polo sou bon labor e llo agradecer de corazón.
     O labrego estaba contento non solo polo que vía de facer, senón tamén porque a súa intuición de que aquel fouzo valía para algo máis que para segar a unha velocidade de vértixe era certa. De feito era un fouzo máxico muito máis poderoso do que el era a imaxinar.
     E o trasno... O cuitado del contemplara todo aquel rebumbio de festa desde a fronde dunha nogueira con verdadeiro anoxo. O sou plano fracasara mercé á chegada precipitada de Xullán co sou fouzo vermello.
     Consolouse a pensar que polo menos aquel roubón de fouzos xa estaba localizado e que aquela mesma noite lle podería quitar o tan devecido obxecto.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega