A Odisea de Pere Xil

Páxina Anterior

6. Na torre

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Pere Xil estaba pronto para levar a terceira quenda de ovellas, mais na última hora os sous planos veron embaxo.
     Foi mui temperao, de mañá. O trasno metérase, no lugar habitual de pasto, entre unhas bouzas á beira do regueiro para beber na agua —en vintecinco anos non volvera catar o alcol—. As ovellas estaban cerca del, escuitaba as súas esquías, mais o que non esperaba era escuitar a voz de Olalla a uns poucos pasos del saudándolo:
     —Ola, viaxeiro. Pódoche axudar?
     Pere Xil case que caeu á agua, mais tevo o tempo xusto de reaccionar, esconder as súas orellas picudas baxo un gorro de lá, subir o pescozo do saio e con máis lá ferse unhas barbas coas que disimular os sous rasgos de trasno. Lograría ferse pasar por un vello humano.
     —Gracias, muller... —logrou dicir da que se erguía xa disfrazado.
     Daquela tevo unha idea mui mui boa —segundo lle parecía a el, é claro— que lle axudaría levar adiante a súa vinganza.
     Dixo a Olalla:
     —Estou a buscar traballo... eu son pastor... e vexo que tu teis muitas ovellas. Non precisas axuda?
     A estratexia do trasno era gañar na confianza dela e un bon día levarlle as ovellas todas xuntas.
     Olalla dixo:
     —Paréceme muito ben. Eu penso que quedar varios días na casa para fer queixo e coallada. Se tu traes o gado á campa, eu poderei fer todo eso e despois levar o que faga á vila para o vender no mercado.
     Pere Xil pasou aquel día con Olalla. Á noite ela ofreceulle un xergón para durmir nun chamizo de fóra que xacuando fora a corte dos cochos.
     Para non levantar sospeitas, durante tres días o trasno non roubou ovella algunha e limitouse a velas comer na herba. Aquelos animais eran tan tranquilos que non se movían do sito que lles fora asignado, comendo e comendo, sen molestar o máis mínimo. Cuando caeu o sol, Pere Xil volveu para a casa e as ovellas foron tras do sen que o trasno houbese dicirlles unha palabra.
     Ao cuarto día, Pere Xil ía levar as ovellas todas para o sou lugar secreto, mais cual foi a súa sorpresa cuando ao ir sacar as ovellas da corte sentiu a voz de Olalla que lle dicía ás súas costas que o agordase.
     —Espera, que eu tamén vou convosco.
     —Que tu tamén veis?
     —Veño, pero non ao sito de costume, mais a outro.
     Pere Xil non comprendía un ris. Olalla mostrábase mui enigmática, máis do que xa ela era. O trasno pensou que era mellor non levantar sospeitas e esperar uns días máis se era mester.
     Olalla colocouse á cabeza do rabaño e Pere Xil quedou na traseira. Durante horas a muller camiñou por carreiros do monte que seguramente ninguén de por alí conecía, sendeiros que nos máis dos casos xa estaban ocultos polas silveiras e as folgueiras. Cabo de dúas horas longas e interminables, deron chegado a un antigo mosteiro cuxas paredes estaban todas cubertas de hedra. Conservábase relativamente ben, querse dicir, que non estaba en ruínas pese ao que sería lóxico pensar por mor do sou abandono. O mosteiro tía cuatro andares e unha torre desde a cual se accedía a todos as plantas.
     —Aquí é —indicou Olalla acenando co dido ao predio.
     —E que femos aquí? —preguntou Pere Xil abraiado.
     —Agora verás.
     Olalla camiñou escontra a torre. As ovellas seguironna todas e finalmente foi Pere Xil, quen rapidamente se puxo á altura de Olalla. En chegando á porta do primeiro andar, ela preguntoulle:
     —Ves algo aí dentro?
     O trasno abriu e mirou, mais polo corredor non viu nada.
     A mesma operación repetiuse no segundo, no terceiro e no cuarto andares e sempre a resposta do trasno era a mesma: non había nada. Daquela chegaron ao alto da torre, onde tamén había unha porta. Olalla tamén aí pediu ao trasno que ollase a ver que había.
     —Hai... ha... dez ovellas!
     —Pois colle nelas —ordenou a muller.
     Cuando o trasno quixo apañalas, elas sumiron por baxo das súas pernas e polos laterais. Antes que o trasno se quixese dar cata, a porta pechara ás súas costas cun gran estrondo.
     —Que pasou? —quixo saber Pere Xil.
     Como resposta, escuitou a Olalla preguntar ás súas ovellas:
     —Ovellías, non foi este o trasno que vos roubou?
     E axina sentiu:
     —Beee, beee!
     E xa non se ouviu máis nada, agá o son dos pasos do gado descendendo polas escaleiras da torre. O trasno aínda viu desde o alto como a muller volvía cara o sou souto seguida das súas ovellas. Resultáballe incrible de admitir, mais aquela muller era quen de falar coas súas ovellas. Entón comprendeu que foron elas as que lle dixeran á ama que un trasno estaba a levalas para un sito arredado através dunhas galerías subterráneas.
     —Está ben —díxose o trasno tentando consolarse—, xa son horas de marchar de aquí...
     Foi coller o sou martelo de diamante, que sempre o levaba consigo prendido da correa, mais cual foi a súa sorpresa cuando comprobou que non o tía. Sen el estaba perdido, porque nin sequera aquel portón de madeira de castañeiro podería afuradar nin mesmo derrubar. Leváranllo.
     —Maldición! —berrou con toda a forza dos sous pulmois e o berro escuitouse a setenta e nove quilómetros de alí.
     Non lle quedou máis remedio que ir baixando pola parede, gatuñando como un mono, mais el era mui pouco hábil e axina esvarou por entre a hedra e caeu ao chao, muitos metros por baxo del. Pensou que rompera seis ou sete ósos, mais por sorte apenas tevo uns renegrois —os trasnos son muito máis duros que os humanos— que lle durarían, cunha pouca de sorte, un par de meses e amais habería durmir de pé.
     Por segunda vez na súa vida e en apenas vintecinco anos, dous humanos burláranse del.
     Mais aínda non dera visto todo o que lle aguardaba.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega