A Odisea de Pere Xil

Páxina Anterior

7. O trasno fai limpeza

Páxina Seguinte

Pagina nueva 1
     Pere Xil non podía nin imaxinar que unha certa decisión tomada na última hora lle traería tantos problemas. El solo se plantexara que lle facía falta deixar un furaco de corredor entre as paredes da súa cova. Nembargante, nunca non pensara que traspasaría o nivel de limpeza habitual e sería a tirar a cotra que durante xeraciois os sous antergos foran deixando alí acumulada, e deso xa había séculos.
     Herdara aquel cubil había namais —dez anos como se fosen cinco meses na vida dos humanos—, e dedicárase a acuriosalo porque outramente non ía poder vivir nel. Era unha cuestión de vida ou morte: ou a porquería ou el. Recordaba con tristura o sou primeiro lar, aquel precioso cubil que uns humanos porcallois lle encheran de porquería... Non, Pere Xil non soportaba a cotra, por mui pequena que fose.
     Tamén é posible que non soubese o que facer durante aquelos días de verao cuando os campesíos estaban todos nas súas xeiras máis duras, na eira, a suaren baixo o sol aburante. Daquela non podía dedicarse á súa actividade favorita: as falcatruadas. Por eso, pensou que seique lle convía máis desengueirar a cova, porque non remembraba telo feito nos vinte últimos anos.
     Fose como fose, Pere Xil traballou duro naquel labor de limpeza. Dedicoulle máis de dúas semanas nas que foi sacando trastes e máis trastes —muitos delos nin sabia que eran—, deica que atopou aquelo. Resultou que «aquelo» non parecía nada de interesante ao primeiro, un cacharro máis que iría para o lixo como os demais. Mais non o tirou, senón que quedou a miralo porque lle atrouxo a súa color vermella tan forte e resplandecente.
     Despois de muito examinalo, decidiu consultar unha enciclopedia para trasnos a fin de ver que era aquel obxecto rubio. Ao cabo averiguou que se trataba dun fouzo. Un fouzo... e para que lle valiría a el? Por mui vermello e cintilante que fose, non lle valía para cousa. Agarrouno e tirouno xunto cun xogo de xugos do tempo dos romanos, un esqueleto completo de elefante e mais un can de pedra que xacuando estivera nunha catedral gótica.
     O trasno Pere pensara que máis lle valía deixar espacio baleiro desfacéndose de cousas inútiles, porque algún día habería legar aos sous netos obxectos interesantes, e polo de agora non tía onde os guardar.
     Cuando rematou o sou traballo, deixou todos os trebellos inútiles na traseira da súa cova a formar unha escombreira, á beira dun camín. Así, pasase quen pasase, podería levar calquera cousa das que alí había, se é que lle valía para algo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega