Breviario da autonomía

Páxina Anterior

Capítulo nº 4

Páxina Seguinte

m1rvilarpontebreviario004.html

Argumentos á prol da autonomía


     Hai un argumento, ao noso xuizo poderosísimo, pra esgrimire en defensa da necesidade, que vimos sostendo, de que os Estados compostos de pobos ou nazonalidades varios se achen descentralizados, sen nada que recenda á unitarismo ou sexa orgaizados en perfecta xuntanza de partes autónomas. O argumento en custión, cuia paternidade corresponde á Pí Margall, é íste: se dí nos nosos días, e ninguén opón á elo o menor reparo, que si algún día se abrangue a unidade de Europa ela terá de se conseguire única i-eiscrusivamente pol-a fedeiración das partes diversas que a compoñen, sen que á ninguén se lle ocurra decire que tal deba faguerse arrebatando á cada parte a sua liberdade, o seu autodominio, pra dimpois estabrescere un soio poder afincado na máis compreta centralización e unificación de poderes. Pois ben, si eisí se pensa, e se pensa moi loxicamente, cando se trata da posibilidá de chegare á unha Europa unida, comprendendo que o preno autodominio das partes diversas que terán de constituiren á gran xuntanza de pobos pra ren estorbare a consistenza e firmeza de isa posíbel xuntanza, ¿cómo se non pensa o mesmo cando se fala, por exemplo, de faguere verdadeiramente real i-efectiva a unidade de un Estado cuia composición en pobos heteroxéneos -o que ocurre na Hespaña -fai de tal Estado un fidel e reducido espello do que na Europa ocurre?
     Si pra constituire unidade política, alí onde as diversidades son evidentes e manifestas, non hai outro medio que o do respeto máis ausoluto âs liberdades e ao dereito á se gobernaren de por sí que teñen as aludidas diversidades, xa que todo o que non fose procedere eisí sería impôrse pol-a forza, e a forza endexamáis é duradeira pois ela á sí mesmo se consume, incustionábel é que, da propia maneira, a unidade estatal, pra que responda â realidade, é mester que se afinque non na forza, que sempre é transitoria, sinón no dereito qu'é eterno.
     Asemade, dito s'está que n-un Estado no que se axuntan pobos varios e aínda opostos por múltipres circunstanzas, a única forma de orgaización política que se lle axeitará será aquela que, respetando as difrenzas e sen menoscabalas en ren, sirva pra representare o punto de coincidenza, o lugar en que converxen os intreses comúns e as necesidades que á todal-as partes faigan referenzas por igual. De tal xeito, isa unidade resultante, integrada por variedades, será unidade ateigada de solidez e increbábel xa qu'ela terá de sere a realización, a traducción en feitos do que a natureza quere e do que a natureza impón.
     Pra os verdadeiramente enemigos de toda situación de forza, de todo predominio de unha casta na gobernación de un Estado, ou sexa pra todo home sinceiramente liberal que faiga do respeto ao dereito na sua máis ample acepción no postulado fundamental da sua conducta e das suas aspiracións, a estructuración do Estado en países autónomos é algo que pón á íste -ao Estado- á cuberto do soerguimento de poderes facciosos e ilexítimos. N-efecto, dentro dos perigos que un Estado unitario pode correre se atopa en pirmeiro termo, e cicais como único asiñalado, o do militarismo. Un movimento de iste xeito, ao se impôr na capidal do Estado unitario, ten andado o vieiro todo que leva ao trunfo. Non sucede eisí cando o Estado se acha formado por pobos ou rexións autónomas. Estonces non abonda pra que o movimento trunfe conque o centro fique en poder dos sediciosos, xa que tal centro somentes e por si soio non é ren. Estonces se fará perciso que o movimento faiga seus cinco, oito, dez Estados ou países autónomos tantos como compoñan o Estado total. E isto xa é de abondo máis difícil que o de se adonare de unha capidal na que se achen concentrado e reunido todo canto siñifica dirección, goberno, guía e ourentación púbrica.
     Cando dentro da área de un Estado non hai un pobo soio sinón que hai varios, coidare que o sistema de goberno que millor lle compre é un sistema de centralización, de unificación d'emprego de normas únicas e como cortadas por un soio patrón pra todos éles, val tanto como coidare que abonda o querer de uns homes pra que as variedades e difrenzas que son producto de tantas circunstanzas alleas â vountade humán, desaparezan unificándose, as variedades, as difrenzas espontáneas e naturaes asoballadas, coutadas baixo a pouta do unitarismo e da centralización persistirán de cote. E de tal feito seguiráse inevitabelmentes a consecoenza de que as disposicións, as leises, as normas todas que o poder central dicte, terán de fracasaren. E terán de fracasaren porque a sua falta de fleisibilidade, o seu defecto capidal de inadaptación âs modalidades específicas dos pobos pra que son dictadas, as convirtirán en inaxeitadas pra o seu cumprimento pol-os intresados, pôndo á ístes na necesidade de choutalas, apelando a un milleiro de procedimentos pra evitare eisí os danos que da sua rigurosa apricación terían de se seguiren. Isto non pode ocurrire endexamáis, cando cada variedade, cada pobo dos que hai dentro de un Estado se dona á sí mesmo a lei que millor se lle axeita, ficando reservado ao poder estatal a elabouración de aquelas leises e a execución de aquelas medidas que por igual afectan á todal-as variedades que hai dentro d'él, ou sexa aquelas medidas que de un xeito singular fan referenza aos intreses comúns e âs custións e probremas de carácter xêral.
     Somentes n-un Estado que comprende pobos diversos e que afinca a sua orgaización política no
respeto máis compreto â autonomía de taes pobos, pode decírese que se non estorba o cumprimento de aquela outa minsión histórica con que cada pobo, propiamente tal, irrumpe no percorrere dos tempos. Isa minsión non é outra que a de s'esforzare por aportar directamente os froitos do cultivo e desenvolvimento da sua persoalidade orixinal ao acervo común do progreso universal. Pra que isto se realice fáise imprescindíbel que o pobo en custión emprenda a laboura de atendere ao cultivo de aquelas características tan suas que lle donan a persoalidade, causa que soio se realizará si o pobo vive a sua vida e se dona á sí mesmo a lei, isto é, si o pobo disfroita de unha ample autonomía que lle permita desenvoltare axeitadamente todal-as suas posibilidades de superación e de adianto.
     Sen autonomía, os pobos diversos engriloados âs disposicións emanadas de un poder centralizado que descoñece as realidades sobre que actúa, carecen de iniciativa, non poden seguiren os vieiros que as suas peculiaridades lles asiñalan. E de iste xeito, encadeados, contrariando xeralmente as suas naturaes propensións e tendenzas, andan a mal viviren unha vida artificiosa na que toda vizosidade espontánea e todo froitífero desenroIo s'esgotan e morren lastimosamente, con dano de todos e sen proveito pra ninguén.
     Otorgare o réximen autonómico á pobos diversos que non puideron viviren a sua vida sinón que tiveron que viviren unha vida de afogo e de acoramento, abafados por un unitarismo que os privaba de movimentos e pol-o centralismo que lles non permitía se desenrolaren e daren de sí todo o que se achaba dentro das suas posibilidades e dos seus recursos vitaes, é, cal craramente se olla, a prena reintegración de unha persoalidade colectiva -nazón ou rexión, tanto monta- á todol-os seus dereitos e á todal-as suas obrigas. É, de xeito principal, pôre a colectividade que sexa no trance de marchare por sí soia, faguendo entrare en xogo todol-os seus recursos e a sua capacidade pra que, dona de sí mesma, sen tere á quen botal-a culpa dos seus desacertos, adiquira a máisima i-eficaz responsabilidade do propio goberno, faguéndose cada vegada máis útil á sí mesma, ao Estado á que pertenza e â Humanidade.
     Un pobo autorizado pra se rexire libremente no qu'e da sua competenza eiscrusiva e ao que, en virtude de tal autorización, se ll'entrega de súpeto a propia dirección, o goberno da sua vida interna, paseniño volta á recobrare a conscenza do propio sere. E con tal recobro, lóxicamente, terán de s'espertaren n-él os degoiros de abranguere a sua reintegración en todol-os aspectos en qu'él se difrenza. I-eisí o pobo que sexa iniciará a marcha ascendente deica o recobro íntegro da sua persoalidade lingüística, histórica, xurídica, económica, cultural, etc. E por iste feito, a se repetire nos pobos dotados de persoalidade que un Estado que foi unitario, pro que xa non-o é, contén dentro de sí, tal Estado abranguerá o máisimo d'erguemento e de puxanza xa que, indefectibelmentes, da prosperidade e elevación das partes -as rexións ou nazonalidades- que o formen virá á deducírese a compreta prosperidade i-elevación do conxunto. E aquel Estado ateigado de orgaismos vivos e sendo él mesmo un exemprar adimirabel de vitalidade, se ofrescerá ao mundo como proba concruinte de que a eisistenza de grandes unidades ben trabadas e fortes se afinca na persistenza de variedades conxuncionadas ou vencelladas somentes pol-o que teñan de común e por aqueles determinados intreses xêraes que non son patrimonio de un ou de algúns sinón de todos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega