Breviario da autonomía

Páxina Anterior

Capítulo nº 7

Páxina Seguinte

m1rvilarpontebreviario007.html

Reparos e ouxeccións contra a autonomía


     Os enemigos da descentralización estatal, os partidarios de que o Estado, inda integrado por rexións ou pobos diversos, sexa unitario e se ache poI-o mesmo rexamente centralizado, empregan pra o millor sostimento da sua falsa doctrina, difrentes argumentos cuia reputación, a causa de serodia consistenza de ístes, resulta doada por demáis.
     Din os unitaristas, por exempro, que a autonomía das rexións e o federalismo, ao fin e ao cabo o seu análogo, son indiscutibelmentes medios, máis que probábeis seguros, de semental-o arredismo nos pobos integradores de un Estado. Como o lector poderá comprendere, non fai falla dispôr de unha gran elocoenza suasoria pra faguer chegare ao ánimo dos timoratos a convicción de que o que manifestan os unitaristas é plenamente falso. N-efecto: abonda con botare unha ollada poI-o mapa universal e axiña se fitará como os países máis importantes do mundo constituien repúbricas federaes, nas que os Estados integradores gozan da máis ample autonomía en todol-os órdens -taes Alemania, Suiza, Estados Unidos, Arxentina, etc.- sen que dentro d'eles se puideran endexamais asiñalare verdadeiras tendenzas disgregadoras. Hai un Estado como Rusia que na concesión de autonomía aos países que o forman, vai máis alá; moito máis alá que os Estados citados. No Estado ruso, cuio verdadeiro e axeitado nome é o de Repúbricas Socialistas Soviéticas Confederadas, hai un artigo na constituzón, o asiñalado co número XIII do seu capíduo, que dí eisí: "Partindo da igualdade dos cibdadáns, independentemente da raza ou da nazonalidade, decrara a R. S. F. S. R. incompatíbel n-ausoluto coás leis fundamentaes da Repúbrica todo asoballamento das minorías nazonaes ou calquer opresión, coutamento dos seus dereitos, ou o recoñecimento de determiñados privilexios, directos e indirectos. Recoñece âs ditas razóns o dereito á se constituire como Repúbricas autónomas, ou territorios, arredándose da Repúbrica, previo acordo dos seus Congresos soviéticos, sancionados pol-os órgaos supremos da R. S. F. S. R. Os cibdadans da R. S. F. S. R. terán direito á usaren libremente o seu idioma nazonal nos Congresos, Tribunaes, na Adiministración
i-en todol-os actos da da vida púbrica. Ás minsións nazonaes se lles garantiza o dereito do insiño na sua língua materna"
. Como dí atinadamente Gonzalo de Reparaz comentando a Constituzón rusa e moi singularmente iste artigo: "O sovietismo enxergueu que soio nazóns e homes ceibes teñen capacidade pra dispôren dos seus destiños e asumiren a prena responsabilidade do que fan. Rusia é hoxe, por conseguinte, unha Sociedade de Nazóns constituída poI-os pobos, non poI-os gobernos, e na que as minorías son do todo soberáns, gobernándose as razas, que orgulosamente chaman os belicosos europeus inferiores, por sí mesmas". Agora ben, pese á que o arredismo se acha autorizado e legalizado, por eisí decilo, na Constituzón rusa, n-aquela espallada Confedeiración de Repúbricas, n-aquel verdadeiro super-Estado se non pode afirmare que haxa o máis cativeiro xermolo arredista, xa que, d'eisistire, axiña se atoparía satisfeito, sen esforzo algún, atal e como a Constituzón prescribe.
     No mesmo Imperio británico sucede algo qu'esnaquiza a afirmación dos unitaristas de que a autononomía ou o federalismo conducen indefectibelmentes ao arredismo. Como todas saben, o devandito Imperio máis que un Estado soio é unha verdadeira confederación d'Estados, cuio único vencello axuntador é o tan deble da Coroa. Pol-o demáis, coñecido é que o mesmo Canadá, que a Australia, que os países sudafricáns e que todol-os demáis países que integran isa verdadeira Sociedade de nazóns que se chama o Imperio británico, disfroitan de unha autonomía tan ample e tan compreta que lles permite tere exército e armada propios, repersentación consular e até persoeiros na Sociedade das Nazóns de Xinebra que non son os da Ingraterra e que xa n-ocasións se permitiron votaren en contra do voto emitido poI-o persoeiro británico. Tal disfroite de autonomía levou algunha vegada aos pobos da coroa británica á termare de se arredaren da metrópoli? Moi lonxe de iso. Recente está a guerra europeia, que sendo unha gran ocasión pra que os dominios británicos se independizaran totalmentes, soio sirvéu pra que ístes amostrasen con todo craror canta era a sua lealdade e compenetración cô super-Estado de que forman parte.
     Asegún se olla poI-os exempros citados, aos que se puidera engadire outros, a autonomía non leva endexamáis â disgregación nen ao arredismo. Como reforzo de ísto que fica manifestado e como choéndoo, non estará demáis decire qu'eiquí mesmo, na Hespaña, nos días mouros da Guerra da Independenza, unha vegada crebado o Poder central, e máis aínda, esmorecido totalmentes, as rexións hespañolas ficaron entregadas âs suas propias forzas. E foi estonces cando elas, constituindo poderes supremos e autónomos, que tiñan todal-as semellas de verdadeiros orgaísmos soberáns, lonxe de matinar en se independizaren levaron á cabo a obra común de faguere á Hespaña soberana, previa a eispulsión dos eistranxeiros que trataban d'encadeala. Por ísto o distinto hespañol Sr. Malagarriga, n-unha confrenza sua dita na capidal arxentina manifestaba con toda xustiza e con grande acerto: "Tres grandes epopeias se fixeron na Penínsua. A Reconquista, o Descubrimento de América e a Independenza. A pirmeira e a derradeira obra de pobos autónomos, que souperon responderen ao seu libre espontaneísmo. A segunda, obra do esprito hexemónico de un pobo onde os xermolos centralizadores xa tiñan prendido, pra levarnos, andando o tempo, á dôrosos secesionismos".
     Por outra parte, son ben craras i-elocoentes istas verbas do mestre ilustre D. Manoel Murguía, que dín eisí: "Nos tempos máis groriosos pr'â Hespaña (séculos XVI e XVII) vivían as principaes nazonalidades hespañolas baixo o goberno propio de cada unha. Aínda tendo elas Exército i-Escadra rexionaes; tendo Tesouro privativo, autonomía compreta pra todol-os servizos púbricos, non houbo en ningunha perigo da vida do Estado hespañol. E verdadeiramente non sabemos que haxa deixado de se gañare a batalla de Lepanto porque na capidal da Galiza estivese ergueita, como o estaba, a bandeira galega en vez da de Castela".
     Pro aínda hai máis. Ollando soio o que ocurre dentro da Hespaña, calquera que non sexa cego de nascimento ou cego de comenenza -que ístes adoitan a se atoparen moitos- se terá decatado de que os partidarios de que as rexións respectivas gocen de un réximen autonómico ample, e aínda aqueles que van máis alá da autonomía corrente, son os únicos que na Hespaña e dentro das suas diversidades tan manifestas se chaman e se consideiran cordialmente irmáns, relacionándose e procedendo como taes. Dos que pertenescen á rexións difrentes, e que non son partidarios da autonomía sinón todo o contrario, certamentes que se non pode decire que se chamen irmáns en todol-os momentos e moito menos que procedan cal corresponde, sinón inversamente na maoría dos casos. Testigos de maior eiscepción n-ísto somol-os galegos, cataláns e vascos, verdadeiramente irmanados por un sentimento eispontáneo de cordialidade, n-oustante cobizare os que pertenescemos aos pobos aludidos o conquerimento da maior liberdade pra os países en que fumos nados.
     No caso da Hespaña, cando se fala de otorgare o réximen autonómico âs rexións, adoitan á deciren os enemigos da descentralización, os unitarios, que un dos fundamentos en que se afinca a sua enemiga â autonomía é o temor á que con ela veña á sere sustituído o actual caciquismo por un caciquismo de novo cuño, pior cen vegadas que o outro, que o de hoxe. Tal temor, de máis está decilo, é compretamentes infundado e fora de toda lei. Como se sabe, o cacique, o verdadeiro cacique, o tipo aquel que na provincia, na comarca ou no municipio disfroita, pol-o que sexa, de unha situación privilexiada que lle permite dispôre ao seu antoxo, n-un momento determinado, dos resortes do favor no que afecta á adiministrazón, xa sexa xêral xa local; â política, â xustiza e aínda á outros moitos aspectos, poI-o que ten decote â sua beira unha masa fervorosa de incondizonaes qu'él utiliza pra se valorizare cada vegada máis diante de todal-as situacións políticas, non foi pranta que xurdira espontánea e sen arranxamento algún.
     Creóuna, pra millor se asegurare, aquela gran farsa que se chamóu a monarquía constituzonal e palramentaria, da que Cánovas del Castillo foi o principal actor, e sigueu mantida decote pol-a quentura que nas outas esferas oficiaes se lle prestóu en todo momento. Como se sabe, o caciquismo -e ísto xa se leva repetido innúmeras vegadas- formaba -cicáis fose máis acertado empregare o presente en troques do imperfecto- unha longa cadea que, como dí Pí Margall "vai dende o Gobemo á todol-os xefes civíes, económicos e militares de todal-as provincias, e á todol-os alcaldes dos pobos. Crebada a cadea -engade Pí- o caciquismo morre"-. E certamentes qu'eisí é.
     O caciquismo vivía amparado, sostído e aínda defendido dende riba, dende o centro, dende as outuras onde residen os persoeiros supremos do Poder. E ístes persoeiros eran os que, co-á abundosidade de recursos e d'elementos que tiñan á mán, sostiñan por propia comenenza, xa que, como se sabe, toda a forza dos dirixentes da cousa púbrica se achaba repersentada poI-o maior ou menor número de indivíduos, caciques, que pol-a amistade do xefe político ou siñor de turno tiñan metimenta e ascendente decisivos en todol-os centros, dependenzas e orgaísmos do Estado fosen do carácter que fosen. E como derivación de ísto gozaban do privilexio -ben tristeiro, por certo, pra todol-os que de verdade sexan amantes da liberdade- de contaren co-á incondizonalidade, en todo e pra todo, de fortes núcleos de indivíduos que no cacique tiñan a chave que lles abría todal-as portas e o seguro conqueridor de toda crás de favores oficiaes e aínda particulares.
     Temos, pois, que o caciquismo é algo que viña de riba á baixo e non â inversa. A sua fonte orixinaria se achaba en Madrid e principalmente no Ministerio da Gobernación. Do centro, do Poder central afincado na excorte arrincaban os tentáculos que s'eistendían até o derradeiro concello. Un prego enderezado poI-o cacique ao xefe do partido en que figurase encasillado, cumpríase rigurosamente, faguendo pra elo circular as oportunas órdens polo ministro correspondente ao goberno civil ou dependenza provincial que fora do caso. E ístas órdens, para o seu esacto e millor cumprimento, eran logo transmitidas con toda prêsa ao alcaldde ou funcionario local axeitado que, â sua vegada, as obrigaba á cumprire sen demora algunha. Ollando ísto, e se decatando a xente das vilas e das aldeias que se non podía ire en contra dos que tal poder amostraban teren, s'entregaban incondizonalmente aos caciques de toda cras, trocándose nos seus máis dóciles instrumentos e nos seus máis fideles servos.
     Otorgada a autonomía âs rexións, orgaizado o poder rexional de riba á baixo, e se afincando todo él, pol-o mesmo, nas máis rigurosas normas democráticas, para cuia realización hai que tere en conta o control qu'exercerán en todo momento os diversos partidos rexionaes e aínda os cibdadáns mesmos como taes cibdadáns, o caciquismo -pol-o menos atal como hoxe é- que tira toda a sua forza da centralización e qu'é como unha consecoenza da subordinación e dependenza de todol-os poderes á unha xerarquía única, terá que morrere inevitabelmentes xa que se lle priva do filón en que atopa o seu sustento.
     Orgaizada a rexión autonómicamente o xermolo de un novo caciquismo se fará cicáis imposíbel. Pra qu'eisí sexa abonda tere en conta que a autonomía rexional, si ten de respondere ao que realmente lle compre, debe afincarse na máis compreta e radical autonomía dos municipios. Ista autonomía, no caso concreto da Galiza, debe se asentare no recoñecimento preno da persoalidade parroquial, qu'é o elemento primario de todo o vivire galego. Os municipios deben seren soberáns dentro dos seus lindeiros peculiares, e soio responsábeis das arbitriariedades, que a xuizo de parte, poidan realizaren. De iste xeito pouco poderá supôr tere valimento e infruxo perto de calquera dos qu'exerzan as supremas repersentacións rexionaes, posto que por moi grande que sexa o intrés do tiduar de un outo cárrego rexional por favorecere quera dos qu'exerzan as supremas repersentacións ao amigo ou ao protector, tal intrés non servirá pra ren xa que a autonomía do municipio porá a cuberto a íste de todo o que, contra d'él, un político desaprensivo poidese intentare.
     Suprimida a presión asoballadora e constante dos orgaísmos do Poder central, que nos réximenes unitarios é algo que se non esmorece nunca; deslindeiradas perfectamente as atribucións dos diversos orgaísmos que compoñen a rexión, e gozando de autonomía compreta no que afecta âs suas funcións eiscrusivas os cimentos en que se asenta o poder rexional, ou sexan os municipios, se fai imposíbel o soerguimento de poderes arbitrarios e ilegaes -ísto é os caciquíes- por falla de afincamento axeitado, falla que ven á sere determiñada poI-as características da orgaización rexional, cuias características imposibilitan toda coacción e toda forzadura que poidera tencionarse. E ísto é porque as atribucións de cada orgaísmo teñen sempre o seu lindeiro ben fixado e perciso, fora do que novos aspectos autonómicos se manifestan con toda a sua forza.
     Outra das ouxeccións que adoitan á se fagueren pol-os enemigos das autonomías rexionaes, en contra de ístas é a que sigue. Din eles: si as diputacións provinciaes sendo, como son, orgaísmos nos que a intervención, guía e ourentación directas soio corresponde á elementos rexionaes, se non poden asiñalaren -salvo eiscepcións ben coñecidas que confirman a regra- máis que como niñadas de caciquismo e modelos de mala adiministración, iste feito ven á comprobare compridamente cal será a xestión rexional coá autonomía, e falla pol-o mesmo do control centralista, sen o que as diputacións, que tan mal actuaron decote, virían á actuaren aínda pior. Pr'amostrare que o argumento devandito se acha fallo n-ausoluto de consistenza, non é perciso faguere grande esforzo nen moito menos.
     As diputacións provinciaes son algo falso, tan falso como o é ista división da Hespaña en provincias, cuio fundamento e xustificación se non atopan por parte algunha. As diputacións foron unha creación do poder central, única i-eiscrusivamente, que si eisí procedeu o fixo, de unha parte poI-o afán de copia que na monarquía borbónica houbo decote con respecto á todo o eisistente alén do Pirineo; e de outra pol-a comenenza de faguere máis doado o cobro de trabucos e a sumisión incondizonal ao poder central, que de ise xeito non soio encadeaba millor as divisións arbitrarias do territorio do Estado que se chaman provincias, sinón que conseguía que o seu poder se fixese ben palpábel aínda nos municipios máis esquecidos e arredados. Tendo o Poder central as diputacións encol dos municipios, até o punto de que ístes resultaban xoguetes i-escravos d'elas, nos atopamos con que as diputacións viñeron sendo poI-as suas atribucións e pol-a sua minsión o instrumento máis axeitado do asoballamento centralista e, poI-o mesmo, máquina eficentísima de aquela rede caciquil que dende Madride chegaba até a máis escura aldeia e da que xa falamos denantes.
     As diputacións non podían teren nunca un funcionamento orixinal, unhas características propias, un algo que as fixese dignas de gabanza porque pra que o fosen era mester que responderan á unha realidade, e qu'eisí fosen algo con esprito, con alma, con enerxía e vitalidade suficente para fagueren obra propia. Contrariamentes, as diputacións son unha argallada que non responde á ren, que non refrexa nada vivo. Dirixidas dende Madride, fallas de autodetermiñación, supeditadas âs comenenzas dos caciques centraes, as diputacións, privilexiada creación do centralismo antinatural, esgotador e tiránico, foron decote un estorbo, unha rémora, un peso morto que dificultou, cando non impideu totalmentes, os avantes das rexións cara ao progreso.
     Si as diputacións, pois, que non teñen que ver ren coás rexións, até o punto de seren alleas por compreto á elas inda que n-elas teñan asento e n-ela faigan xermolaren os seus froitos, son orgaísmos fracasados total e rotundamente, o seu fracaso carréguese na conta do centralismo, xa que obra sua son e por él foron dirixidas e ourentadas en todo momento, sen que a rexión, o que verdadeiramente é a rexión, intervise en ningún momento n-elas no máis mínimo. PoI-o demáis, pertendere tirare do fracaso das diputacións provinciaes probabilidades de fracaso pra o réximen autónomo rexional é tanto como atribuire unha borrachera â vasixa en que se conteña o líquido que a produxo.
     Outro argumento que s'emprega contra das autonomías rexionaes é o de que ístas, lonxe de ocasionaren un avance no progreso rexional, supoñan todo o contrario. Como se olla, o argumento é cativeiro até deixalo de sobra. Cô actual sistema centralista, dentro do que as rexións se non teñen en conta pra ren e no que con ausurda contumacia son esquecidas, resulta que as posibilidades de millora rexional, todo o que supoña desenvolvimento das fontes de riqueza peculiares de cada rexión ten que se faguere, na maoría das vegadas, por iniciativa particular, sen que o Poder central faiga o máis mínimo -e menos mal que, como ocurre n-ocasións, non oustaculice- para que aquelas manifestacións soerguidas da economía de ista ou da outra rexión poidan adiquiriren todo o perfeccionamento que as poña en condicións de resistiren sen quebranto as competenzas alleas e as faiga, poI-o mesmo, se asegurare un posto de releve dentro os mercados. Sendo deber do Estado centralista atendere por igual â axuda do progreso económico de todol-os pobos que o forman, o repartlmento da sua atención fai que, pol-o xêral, soio haxa duas ou tres rexións que se atopen ben atendidas, antramentras que as restantes, si queren que as suas riquezas se non perdan lamentabelmentes, teñen que supriren a iniciativa oficial -que se non manifestará máis qu'en forma de trabucos e impostos- pol-a particular, con todol-os incomenentes e desacertos que tal feito ocasiona.
     Contrariamentes, disfroitando as rexións de autonomía o esforzo á prol das riquezas respectivas e as medidas endereitadas á fagueren qu'elas marchen decote poI-o vieiro do aumento, corresponderán en totalidade ao gobemo rexional. De iste xeito o goberno da rexión, intresado directa e rexamente en que a economía do país prospere, poderá faguere uso das facuIdades que lles son propias pra que as industrias peculiares, todo aquelo que constituie traballo e traballo singularizado, con selo propio, se orgaice e leve á cabo, previos os axeitados insiños, con as maiores probabilidades d'eficacia. De que cada rexión, por virtude da autonomía, poida apricare os seus recursos á aquelo que coide máis pertinente e poida, asemade, orgaizare e protexere as suas riquezas naturaes para que rendan o meirande froito sen que, como sucede nos rexímenes centralistas, teña que agardare o beneprácito alleo e as disposicións emanadas de poderes lonxanos que percisamente pol-a sua lonxanía soio poden fitaren as custións e os probremas rexionaes sen se percisaren, como esvaídos e n-ocasións deformados, hai unha gran difrenza. E ista difrenza, como se olla, ven á se traducire n-un aumento consideirábel de probabilidades de acrecentación do progreso rexional.
     Outro dos reparos que adoitan a se faguere â autonomía rexional é o de que non haxa na rexión persoas capacitadas pra o exercizo das funcións que, inevitabelmentes, terán de pasaren a ela como consecoenza da descentralización estatal. Iste reparo é de por sí tan cativeiro, tan parvo que non meresce a pena de refutare. Empregado tal reparo pol-os nados de unha rexión contra as posibilidades de que ista abranga o seu autodominio, se fai ainda mais que merescedor de desbote acreedor a unha forte repulsa. Tal reparo equival a unha autodecraración de incapacidade, a unha espontánea confesión de inferioridade, a unha tácita decraración de cretinismo e imbecilidade que a berros recrama vergoñosa tutela. Contra do que digan catro siñoritos idiotas, folgazáns e iñorantes das vilas, adoitados a que se lles teña o pesebre arranxado e incapaces de fagueren por sí mesmos ren que sexa util, non hai pobos mas axeitados ou menos axeitados para o propio goberno. Todos son pol-o propio senso. O que ocurre é que cando un pobo amostra dotes non adoitadas para levare ben as suas cousas é que ise pobo se atopa, pol-o que sexa, en situación favorecida que lle fai doado o camiñare. Na Hespaña, percisamente, se pode abesullare ben comprobado isto que agora decimos. Todol-os pobos pois, se achan en disposición de se rexiren ben cando no vieiro que forzosamente terán que seguiren se lles non amontoan as dificultades e se lles non obriga a marcharen por roteiros que se opoñen âs suas incrinacións naturaes. Deixadol-os pobos ao seu libre albedrío, con liberdade completa pra orgaizare a sua vida íntegra asegún lles dicten os seus imperativos naturaes, os pobos non soio marchan normalmente, sen entropezos, sinón que, ademais, o progreso se fai n-eles cada vegada mais sensibel.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega