Conversa de Suso de Toro con Antonio Pedrós (fragmento)

Páxina Anterior

Cuarta parte

Páxina Seguinte

v1susodetoroconversa004.html

(INFANCIA. O TRABALLO NA FAMILIA.)
     O do bar foi realmente un cambio brutal nas nosas vidas. Sen dúbida que o meu irmán máis vello, Antonio Raúl, foi o que pagou un prezo máis duro, porque era un neno. Se eu tiña 4 anos el tería daquela nove ou dez anos. Entón con 10 anos empezou a traballar no bar, e non chegaba a máquina cafeteira, hai que recordar que as cafeteiras de antes tiñan un brazo que se levantaba, como unha panca, el non chegaba para darlle ao brazo e subíase a un tallo. E aí empezou unha nova época da historia da miña familia. Todos empezamos a traballar no bar. O meu irmán Manolo debeu empezar con 11 e eu xa empecei con 12 ou 14, así que fomos progresando, o progreso existe, cada irmán incorporábase máis tarde. Recordo perfectamente a solidariedade entre os irmáns, os que xa traballaban querían retrasar a entrada no traballo do que viña atrás, doíase del, o que pasa é que era unha cadea natural. Realmente foi un cambio brutal na nosa vida.
     Os meus pais tiveron o prurito que os seus fillos, tiveron os estudios que eles non tiveron, e déronnos o estudio nun colexio que eles creron que era o mellor, que era un colexio de pago. Daquela tamén hai que dicir que o ensino público non ofrecía moitas alternativas. (A xente cando fala alegremente do franquismo faino porque é canalla e cómplice ou por ignorancia, a sublevación dos militares fascistas, o franquismo todo, supuxo a destrucción dun sistema de ensino público que a República estaba a levantar pouco e pouco. Perdeuse un sistema de ensino público como o que tivo por exemplo a República Francesa, iso si a cambio Franco tivo unha poboación ignorante, sumisa e amedrentada, entregándolle a educación á Igrexa Católica Romana, que foi a verdadeira intelectual do franquismo. Pero tranquilos, que nin os militares nin a Igrexa Católica van pedir perdón á sociedade española polo dano que lle fixeron. Que se arrepintan os pecadores, eles non. Mentres a Igrexa Católica non pida perdón e non cambie é un deber moral de toda persoa honrada ser anticlerical, e dun modo específio todo cristiano que coñeza e crea no Novo Testamento, e na súa mensaxe de caridade e amor, debe ser anticlerical, antifariseo.)
     E así fomos estudiando no colexio Peleteiro todos os irmáns con bastante sacrificio especialmente dos meus pais, pero tamén noso. E realmente ese esforzo común amalgamou a nosa familia toda, de maneira que temos conciencia dunha grande unidade familiar, todos os irmáns e os meus pais, un grupo bastante compacto, porque estamos unidos por un grande esforzo familiar, un certo destino familiar. Penso que para todos nós a idea de levarnos mal entre os irmáns sería algo insoportábel.
     Houbo bastantes anos na nosa vida no que non se cerraba o bar nunca, nin sequera no día de Noite Boa. Realmente antes a vida estaba sempre aberta. Quen tiña unha tenda de ultramarinos ou unha taberna tiña sempre a porta aberta. Chegaba un veciño a calquera hora. Entonces era así, quen tiña un mostrador, quen tiña unha porta, vivía coa porta aberta todo o día.
     (A conciencia que temos hoxe de separación entre traballo e ocio antes non existía tan clara. Había días festivos, claro é, mais na sociedade preindustrial existíase traballando, sobre todo se traballas no teu non vives o traballo dun modo tan alienado, non o vives tanto como unha escravitude. Nos textos de Marx, que segue moi vivo, como seguen vivos outros pensadores do século XIX como John Stuart Mill ou Max Weber, hai, paréceme, dous conceptos distintos de "alienación" do traballo. Hai un, posterior, que está recollido en " O Capital" no que analisa, desvela, o nacemento da "plusvalía". E hai outro concepto, anterior, que está recollido nos Manuscritos da xuventude, "Grundisse", no que analisa o cambio entre o traballo dun labrego ou dun artesano e o traballo industrial. Eu penso que esa análise primeira é máis esencial aínda que a outra, a perda do senso do traballo é unha desgracia en si mesma. A historia non se desanda, non se pode volver atrás, mais as formas nas que se da o traballo hoxe nas sociedades occidentais é deshumanizadora. E xa non digo a verdadeira escravitude na que traballan tantos millóns de persoas no Terceiro Mundo para encher de mercadurías de moda os andeis das tendas e grandes almacéns. A economía do consumo ciméntase na escravitude, sen escravitude laboral de mulleres e meniños pobres non vestiriamos con modas renovadas cada ano, non vestiriamos roupa de usar e tirar con ela. )
     Os nosos pais educáronnos a todos cun grande sentido de responsabilidade, que é un dos nomes da culpa, ou que tamén está moi achegada á culpa. E eu desde logo parte da miña educación e a da responsabilidade. Tamén a dos meus irmás, así como o sentido do deber, en todos os aspectos da vida, no compromiso. Isto va asociado tamén a cousas como a palabra, o valor da palabra. Hai cousas que van asociadas na nosa educación. Os nosos pais educáronnos con moita firmeza en valores como a lealdade, a responsabilidade, no deber en xeral, e cun criterio moi claro do ben e do mal, tanto no social como no individual.
     Hai que darse conta que a nós educábannos para ser adultos pero tamén, conforme eles mesmo aprendían a profisión, aprendíannos a servir detrás dun mostrador e tamén a tratar aos empregados, aos camareiros. Tiñamos que saber como tratar ás persoas poñéndote tanto nunha situación de inferioridade como de superioridade, que cousa estaba ben ou mal tanto cun cliente como cun empregado. E ao tempo conservar a dignidade en situacións contrarias, facer equilibrios. Ese é un núcleo da nosa educación moi compacto. E penso que iso fixo de nós persoas moi capaces de comprender aos demais, de pornos na pel dos demais.
     Xa non quero comentar o que tal aprendín eu na vida nun bar sobre a vida en xeral e sobre a vida social, desde logo que sen toda esa información e perspectiva non podería ter escrito case nada.
     (Desa experiencia teño moitas leccións, polo meu modo de ser cóstame moito tratar a ninguén desde unha posición superior, de mando, sen embargo, sendo da familia propietaria do negocio, no meu papel de encargado, tocoume de exercer ese mando e nunca gustei diso, ponme nunha posición especialmente incómoda. E por máis que polo común as relacións cos empregados no noso bar sempre foron moi boas, co compañeirismo propio da convivencia diaria, sempre hai momentos nos que hai que exercer a autoridade, iso non ten volta. A min costábame máis iso que o traballo propiamente, non todos valemos para mandar.
     Eu teño experimentado máis tarde outras formas de exercer o mando, a autoridade, nas que me sentín con máis forza moral. Penso que a autoridade é precisa, onde non hai autoridade explícita e real manda o máis forte sobre o máis débil. Agora que a autoridade que nace democráticamente, co consenso da colectividade, é a que ten forza moral para mandar. Non hai que ter medo a esta palabra, mandar, sempre que ese mando se dea nunha sociedade democrática e se exerza con control democrático. De todos modos, eu prefiro ser mandado, e penso que en xeral, se non hai abuso que me obrigue á rebeldía, son moi guiado. Ou mellor aínda, o que prefiro é andar por libre, sen mandar en ninguén e sen que ninguén me mande. Actualmente son traballador autónomo, e síntome verdadeiramente a gusto, como nunca. Sen embargo hai persoas que prefiren mandar, outras ser mandadas. Hai xente para todo. Eu realmente son un pouco cabra, prefiro andar ceibo.
     O traballo no bar aprendeume tanto...Aprendín a necesidade das formas de cortesía, o servicio basease nas formas de cortesía. Aínda que hoxe é apirolante que hai camareiros que na vez de falar, e con cortesía, rosman, gruñen, non dan as gracias...En fin, a hostelería está de puta pena. A hostelería ensina que debes tratar con respecto de entrada a todos, tanto ten que che caian mal, tamén a esa persoa antipática débela tratar ben. E iso está moi ben, porque cada vez que tratamos con respecto a unha persoa que a priori non o merece estámoslle a dar unha nova oportunidade de, sentindose respectado, portarse debidamente. Se o fan ou non xa é conta deles. Eu tiña que tratar con respecto a persoas estupendas, regulares e algunhas, poucas, francamente estúpidas.
     En todo caso, coido que a cortesía é unha conquista irrenunciábel, é como a presunción de inocencia, como os dereitos que nos recoñecen as leis a todos, e paréceme intolerábel o que fai a sociedade española que perdeu totalmente o sentido da cortesía e da urbanidade. A sociedade española actual, ademais de inculta e iletrada, como foi sempre, é agora groseira, torpe. Pasouse do servilismo obrigado polo medo á barbarie da perda total da urbanidade. Campa o populismo que lle di a xente que é guai e todo iso, que ri da falta de educación, mais iso é un populismo que pretende o dominio sobre a xente a través da complacencia. Nunca esquecerei a prédica de aquel cabrón vestido de traxe italiano e camisa de seda, que viaxaba en "Mistere" a conta nosa para ver as corridas de touros, e que se dirixía aos "descamisados", tanto me ten de que partido sexa, un cabrón reaccionario é un cabrón reaccionario. Alaban a ignorancia e a brutalidade da xente fanno os demagogos que reducen ás persoas á plebe e aspiran a dominala.
     Os nosos pais educáronnos en xeral nun culto ao traballo, porque nós só tiñamos o traballo, máis nada. Os meus pais eran practicamente proletarios. Eran traballadores que abriron un negocio e tiveron que sacalo adiante a poder de traballo. Non había máis que traballo. Non tiñamos propiedades nin rendas, a cultura da nosa casa era moi calvinista. Para nós pódese dicir que o traballo é unha fonte de valores, e isto paréceme unha verdade xeral. O traballo apréndenos antes de nada o valor das cousas, se non sabemos o traballo que costa facelas, ganalas, as cousas parécennos que caen gratuitamente do ceo. E alén diso, quizais máis importante, traballar demóstranos o noso propio valor, a nosa propia capacidade, o que somos quen a facer. O traballo demóstranos que non somos inútiles, non hai outro modo de sabelo. Quen non traballa debe saber que está nunha situación que non é normal, que é excepcional, unha situación que básicamente é a de estar mantido por outros, e que a sociedade, ou a súa familia, só pode soportar de forma transitoria. O normal na vida para as persoas útiles é traballar. Francamente, só o traballo nos proporciona orgullo e dignidade. Quen vive de outros sabe no fondo que está nunha posición débil, infantilizada diriamos. E iso non é propio de adultos. Claro que estas cousas que digo hoxe están moi veladas pois o que se nos pide é que sexamos consumidores, non traballadores. Mais a persoa adulta que está reducido á mera condición de consumidor é unha persoa moi débil, falta de dignidade, que merece a nosa conmiseración).
     Eu diría que outros aspectos da cultura da miña casa son o respecto a autoridade, que lóxicamente falando daqueles tempos leva dentro componentes autoritarios. Aínda que penso que non o servilismo. O meu pai especialmente sempre tivo a gala respectar e ser útil aos seus xefes, o seu ascenso social e profesional debeullo a serlle útil, tendo a capacidade de ser mediador e bo compañeiro. Pero por outro lado paréceme que conservou unha marxe de liberdade individual e un sentido persoal de xustiza. El sempre conservou para si o senso de non ser servil, un certo sentido da liberdade individual.
     Esa marxe da liberdade individual para min foi importante, e naturalmente unha fonte de conflictos. Obrígache a negociar, a pactar, non autodestruirte pero conservar ao mesmo tempo un marxe para o individuo, conservar o teu criterio, un certo sentido da rebeldía, e tamén un certo sentido pícaro na parte do meu pai. O meu pai tivo que sobrevivir sen ningunha arma, sen ningún instrumento mais que as capacidades persoais. El era un emigrante e cando veu para aquí non tiña nada e tivo que sair adiante. Entón hai tamén un certo sentido de picaresca na cultura do meu pai que nos transmitiu a todos nós, é dicir: as ensinanzas do meu pai son a ser traballador antes que nada, pero tamén deixou un marxe para ser pícaro, ser espilido e atento as ocasións. O que traballa se non o acompaña de agudeza non progresa, esa é a súa lección. Ser boa persoa mais non ser parvo e todas esas advertencias. Aínda que en verdade polo que eu vexo el propendía a ser bo de máis.
     Hai moitas circunstancias na vida que nos atan, hai ocasións nas que non temos marxe de acción, liberdade individual, nas que non temos outro remedio que baixar a cabeza e soportar humillacións, pero mesmo nesas situacións debemos conservar un reducto interior que nos permita ver cos nosos ollos, nunca aceptar o que che queren impor inxustamente. Debemos conservar un lugar interior sempre para a disidencia, para a nosa propia voz. En casos extremos é o que nos salva de perecer e nos permitirá logo saír adiante. O que non garda unha voz libre no fondo de si e se entrega ao dominador enteiramente está perdido, será un escravo porque lle terán tirado a alma.
     O traballo é moi importante na miña vida e na miña formación, fíxome moito máis capaz, moito máis activo, máis resistente. Cando os demais estudaban, eu estudaba e traballaba. E puiden relativizar tamén o propio mundo intelectual, o da xente que vive exclusivamente no mundo das ideas. Quen só estudia na súa vida e logo incluso continúa exercendo unha actividade laboral como é a investigación ou o ensino, que é unha prolongación da vida do ensino, quen só coñece esa vida, ten unha deformación ao vivir nun mundo só de ideas. Eu estou moi prevido para non caer ahí. Interesoume sempre ter un contacto có mundo real, o mundo do traballo, o mundo da xente común, e francamente nunca lle tiven moito respecto ao mundo dos intelectuais. Nunca me interesou tratar con eles. As veces interésanme as ideas dalgúns, pero eu tomo a idea por escrito e xa está, o trato persoal pouco che me interesa.
     Eu como intelectual son atípico. Nunca busquei nin me interesaron os ambientes literarios de Santiago nin de ningún outro lugar, porque hai xente que minusvalora o que ten no seu lugar e logo adoecen como papóns polos que saen nos xornais de Madrid. E como co curso dos anos e das cousas acabei por coñecer xente de aquí e de acolá comprobei o que xa sabía, en todas partes hai xente estúpida e intelixente, e frecuentemente os nomes máis sonados da prensa madrileña son foles finchados de vacuidade. Ademais que esa idea de "centro" no mundo das ideas namais existe para os papóns, hoxe a prensa escrita ou dixital chega a case todas as cidades occidentais, na miña cidade podo ler prensa inglesa, francesa, alemana...., e na Internet. Hoxe o cinema afortunadamente tamén chega a máis sitios, hai máis teatro...De modo que esa dependencia provinciana dun centro non ten moito senso. Non quero dicir que non se viaxe para coñecer cousas, polo contrario digo de viaxar cando se queira e se poda, mais facelo sen complexos e facelo con criterio persoal, non como ovellas, ir a Barcelona, a París, Londres, Madrid...
     Ao que vou, eu non quería entrar en contacto coa xente instituída ou coa xente que tiña poder. Francamente penso que non se consegue nada dese modo, e prefiro gañarmo eu. Ademais son orgulloso de máis para aceptar situacións de pupilato. Son moi chulo no sentido de que quero gañarme eu as cousas a pelo, é o único modo de aprender realmente. O que alcanzo eu está ben. Moralmente resúltame moi incómodo deberlle algo a alguén.
     Se cadra tamén influiu neste refugar á xente establecida intelectual ou artísticamente un certo instinto iconoclasta que me parece evidente que teño, de entrada someto a crítica a calquera autoridade ou figura instituída, receo dela, só lle concedo respecto se me demostra que é merecedora del. E agora que o penso paréceme que este rasgo do meu carácter, ese ser orgulloso, é o que me fixo forte para non ser submiso, nin papón, e para atreverme a aventura da arte. Todo artista aliméntase de orgullo e ambición solitaria.
     Por outro lado tamén hai aí un perigo, se tés moita ambición mais non tés o talento e a forza para levala adiante, podes caer nun pozo, que é moi característico do mundo intelectual e artístico, o da envexa e o resentimento. É unha amargura cativa que impide recoñecer o talento nos demais e que na fin de contas tampouco permite ter a xenerosidade precisa para crear. Unha cousa é envexar o que alcanza outro, desexar conseguilo tamén, e outra cousa é desexar que o perda. Dicir isto é dicir evidencias, mais penso que o hai que dicir unha e outra vez, porque témolo moi esquecido no noso mundo artístico.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega