Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Misión artística francesa

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil010.html




Misión artística francesa


     Sexan certas ou non, despois de máis de trinta anos pesan aínda como unha lousa as famosas palabras atribuídas ao xeneral De Gaulle nas que afirmaba que «o Brasil non era un país serio.» Lembradas durante a visita oficial do actual presidente francés, apurouse Chirac a cualificalas como apócrifas, pouco antes de principiar a súa ofensiva diplomática e comercial polas terras do Mercosur, a unión aduaneira entre Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai (con Bolivia asociada), que parece consolidarse cun crecemento acelerado e supón un atractivo mercado onde investir.
     Río de Xaneiro quixo ser París e a admiración polo pensamento e a cultura franceses, manifestada claramente tanto no século XIX coma no comezo do XX, foi decaendo nos últimos anos pola crecente influencia norteamericana. Coa súa presencia o presidente francés tratou de reavivar a tradicional francofilia das elites brasileiras e, na estratexia de considerar que o prestixio cultural consegue atar lazos comerciais, inaugurou no Museu Nacional de Belas Artes de Río unha exposición do pintor Claude Monet, que abre a temporada artística.
     O acervo do Museu Nacional tivo a sua orixe nunha pequena colección de cadros traídos por Joachim Lebreton, secretario do Instituto de Belas Artes de Francia e xefe da célebre Misión artística francesa, un grupo de artistas contratados ex professo en París por orde do príncipe rexente João VI e chegados ao Brasil en 1816. A Misión constitúe o acontecemento cultural central daquela época e marcou a ruptura coa arte colonial de influencia portuguesa. A ela débese a fundación da Academia Imperial de Belas Artes e a organización do ensino artístico seguindo o modelo francés e europeo.
     A pinacoteca do Museu de Río conserva casualmente entre as súas obras vinte paisaxes de Eugene Boudin, pintor de mariñas e primeiro mestre de Monet con quen aprendeu a pintar ao ar libre as terras e os ceos venteados de Normandía. Pero da exposición de Claude Monet destacan algunhas teas sen ceo nen horizonte, cheas de misterio, realizadas na súa casa de Giverny, hoxe un santuario do turismo cultural internacional, onde ao final da súa vida Monet desviou o curso do río Epte para formar un xardín de exóticas plantas acuáticas. Con total liberdade utilizaba as cores das plantas e das flores, como pigmentos dun cadro vivo, unha amálgama vexetal e movediza onde condensaba todas as suás emocións.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega