Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O valor do real

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil011.html




O valor do real


     Considerouse sempre un desprezo o feito de que Xudas entregara a Xesús por trinta moedas de prata e non de ouro, como correspondería a unha transacción comercial excepcional, conta entre outras curiosidades o economista canadense John Kenneth Galbraith, exasesor do presidente Kennedy e continuador das teorías económicas de Keynes, no seu libro sobre a fascinante historia do diñeiro. Publicado por primeira vez en 1975, reaparece este mes nas librerías brasileiras, actualizado e revisado co inexacto título de A Moeda: de onde veu, para onde foi, dous anos despois da edición inglesa, traducida o ano pasado ao español (El dinero, Editorial Ariel).
     Estraña historia esta do diñeiro, que ten tamén o seu prezo, como todas as cousas. A primeira vez que cheguei a Río, en setembro de 1992, un dólar vendíase oficialmente a 6.100 cruzeiros e no mercado negro case a 8.000. Día a día revalorizábase a moeda norteamericana e os prezos de todos os productos subían sen cesar, para desespero da maioría da poboación dun país que conta cunha das peores distribucións de renda do mundo. A inflación, xa se sabe, é o máis inxusto e cruel dos impostos e penaliza aos máis pobres, aos asalariados e aos xubilados. Pero o goberno do presidente Collor, a quen xa lle estoupara nas máns o escándalo da corrupción, víase impotente para redimir o país, mergullado nunha crise económica xa crónica.
     Superado o delicado proceso de sucesión política, impúxose un programa de estabilización económica conducido por Fernando Henrique Cardoso —primeiro como Ministro de Fazenda, agora como presidente da República—, un prestixioso sociólogo que nos anos sesenta enunciara, sen embargo, a "teoría da dependencia económica" dos países periféricos para explicar o atraso de América Latina.
     O chamado Plano Real foi lanzado o primeiro de xullo de 1994, cando a taxa de inflación chegara ao ¡1.000% anual!, e logrou reducila ao 10%, preservando ao mesmo tempo un crecemento da producción, dos investimentos e do emprego. A entrada en circulación dunha nova moeda, o real, que se mantén máis ou menos en paridade co dólar e proporciona poder adquisitivo estable, foi posible despois de poñer orde nas contas públicas e restrinxir a cantidade da moeda emitida. Xuntáronse a todas estas medidas, outras fiscais, unha abertura comercial e financeira ao exterior, a privatización radical da economía e a paulatina reducción do Estado. Todas receitas do liberalismo máis ortodoxo coas que, sospeito, non estará moi de acordo John Kenneth Galbraith.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega