Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Ollar de antropólogo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil009.html




Ollar de antropólogo


     Os cento sesenta millóns de brasileiros formaban para Darcy Ribeiro «unha inmensa masa neorromana, unha nova Roma, moito mellor, máis robusta e máis bela, lavada en sangue negro e indio». Coa súa morte o pasado día dezasete de febreiro, o Brasil perdeu un dos seus intelectuais máis recoñecidos. Antropólogo e novelista, foi tamén un home de partido e, na súa carreira política, a educación foi a súa gran preocupación. Abandonou temporalmente os estudios etnolóxicos sobre poboacións indíxenas para se ocupar da implantación da Universidade de Brasilia, da que sería rector, tarefa que o levou a outras, como a de Ministro de Educación e Cultura en 1962, antes do golpe dos militares. Na actualidade era senador polo Estado de Río de Xaneiro, onde nacera en 1922, e traballaba na creación no norte fluminense dunha Universidade do Terceiro Milenio, que imaxinaba para os seus compatriotas volcada á ciencia e á tecnoloxía, para evitar,
dicía, seren colonizados.
     Na necesidade de buscar unha teoría do Brasil, conta no seu interesantísimo libro O Povo brasileiro: a formação e o sentido do Brasil (1995), tratou toda a súa vida de reconstituir e analizar as dispares bases raciais do seu país, partindo, como indixenista que era, da matriz tupí, un mundo pasado ao fío da espada dos invasores portugueses, «oriúndos do mar oceano», que se mesturaron cos indios formando un pobo novo. A esa primeira protocélula da cultura brasileira, como a chamaba, incorporaríase a seiva dos escravos africanos e, máis tarde, a dos novos continxentes de inmigrantes europeos: italianos, españois, portugueses, alemáns, xaponeses, eslavos, sirios, libaneses... que constitúen hoxe en día certos conglomerados rexionais. Os brasileiros serían, pois, para Darcy Ribeiro, o pobo máis mesturado racialmente do mundo. Pero o seu nacionalismo e o seu entusiamo polas profundidades da alma colectiva, que non comparto en absoluto, levárono a defender a existencia dunha etnia nacional brasileira, dun pobo-nación asentado nun territorio e encadrado dentro dun mesmo Estado para nel vivir o seu destino.
     Vinte anos antes, cando se lle preguntou polas súas impresións á volta do exilio que padeceu pola dictadura militar, declarara co seu ollar de antropólogo perspicaz e máis axustado á realidade: «Esperábanme sorpresas incribles aquí no Río. A primeira delas foi ver a beleza da raza brasileira en Ipanema. Despois fun ver Caxías, fun ver Madureira, aquilo era outra raza, a dos que non comeran».

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega