Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

As favelas

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil012.html




As favelas


     Favela é o nome vulgar da Jatropha phyllacantha, un arbusto grande de flores brancas da familia das euforbiáceas moi común nas terras do nordeste brasileiro. Verdes, as súas follas irritan a pel; secas, serven de alimento para o gando. Foron os soldados chegados ao Río de Xaneiro en 1897 despois da famosa campaña de Canudos, en Bahía, esa "guerra da fin do mundo" mimada pola literatura e máis recentemente polo cine, os que lle deron a acepción xa universal que ten hoxe a palabra: un conxunto de vivendas miserables, de choupanas groseiramente construídas con latas, táboas e outros materiais, desposuído da máis mínima infraestructura.
     Hai cen anos, cansadas de esperar polos aloxamentos prometidos polo goberno, aquelas tropas decidiron ocupar pola súa conta as encostas do monte máis próximo, chamándolle a aquel lugar Morro da Favela —actual Morro da Providencia—, porque tamén alí medraba aquela planta que tiñan visto no nordeste. Foi a primeira favela. A pobreza, unha nefasta política de vivenda e a masiva inmigración do campo e dos estados pobres do norte e nordeste, fixéronas espallar, unhas casas trepadas por outras, por toda a cidade e hoxe son oficialmente 608, algunhas no mesmo centro, e supoñen 882.667 habitantes, o 16,1% da poboación total.
     Nesta última semana o actual alcalde, Luiz Paulo Conde, un prestixioso arquitecto fillo e neto de galegos, confirmou o financiamento de 600 millóns de dólares por parte do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) para continuar co proxecto, iniciado xa co seu predecesor César Máia, de urbanización e integración das favelas na cidade. É o plano chamado Favela-Bairro, unha das súas prioridades políticas. A esperanza é romper coa marxinalidade, coa miseria e coa violencia diarias nas que se afogan, e mellorar as condicións de vida, dotándoas de infraestructuras e servicios públicos (saneamento, sistemas viarios, seguridade, escolas, etc.) como calquera outro barrio da cidade. Hai xa algún exemplo, como o da Rocinha, unha favela que conta con aproximadamente cen mil habitantes, unha das maiores de Suramérica e das máis urbanizadas.
     Pero non abonda cos cartos. Cómpre a presencia do Estado, dun Estado lexitimado e garante dos dereitos. Aínda doe, porque fixo moito dano, o que aconteceu na favela de Dona Marta no mes de febreiro do ano pasado cando o cineasta Spike Lee rodou nela, desafiando ás autoridades, un "clip musical" para Michel Jackson, despois dun pagamento e acordo previos cos narcotraficantes xefes da favela e donos da vida dos seus moradores.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega