Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Imposto verde

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil013.html




Imposto Verde


     A sensación, cando un chega por primeira vez, é de que o doce arrecendo, por veces moi intenso, como de garrapiñada, que circula polas rúas de Río, é froito da refinada esencia do trópico. Mais a orixe deste ar acaramelado é unha innovadora aposta tecnolóxica. Foi en 1976, debido a crise do petróleo, cando Brasil decidiu aplicar un programa de xeneralización dun novo combustible como carburante para automóbiles, algo no que xa se tiña investigado durante a Segunda Guerra Mundial. Aproveitaríanse as abundantes plantacións de cana de azucre do país para, dos seus residuos, despois de seren espremidos, obter etanol (alcol) que, puro ou mesturado coa gasolina, utilizaríase nos coches.
     Co modesto bagazo da cana logrouse un apreciable aforro de divisas, a autosuficiencia en combustible e unha menor contaminación, gracias á reducción do monóxido de carbono emitido á atmosfera. Brasil foi o primeiro país do mundo en comezar a se librar do chumbo utilizado como aditivo na gasolina e considerado, como se sabe, o máis nocivo contaminante nos centros urbanos.
     O auxe desta política chegou nos anos 80 cando o 90% dos coches saían das fabricas preparados para seren movidos a alcol. E o declive, en 1988, asociado ao abaratamento da gasolina pola baixada dos prezos do petróleo. Aínda así, da actual flota de aproximadamente 15 millóns de vehículos, 4,5 millóns levan motor a alcol (só na cidade de Río pouco máis de medio millón, o 20% do total)
     Vinte anos despois, o goberno federal prepara a creación dun imposto verde para manter a industria do alcol, un pouco en crise, e aumentar o subsidio actual, polo cal os donos de coches a gasolina financian en parte o biocombustible. Na actualidade existen 346 destiladoras de etanol, as mellores do mundo, cunha capacidade de producción de —datos da última safra— 14,1 billóns de litros por ano.
     Aínda que nas últimas semanas o executivo fixo públicas tamén as súas dúbidas sobre posibles problemas de abastecemento no futuro e sobre as dificultades financeiras, parece decidido a darlle un novo pulo a este orixinal aspecto da política enerxética que lle permite ao país ter o privilexio de contar cun ciclo completo de combustible inexistente nos países industrializados e máis respectuoso co medio ambiente. Vantaxes que compensan a dor de cabeza que supón ás veces, poucas no trópico, arrincar o coche nas mañás máis frías.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega