Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O diván do pobo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil014.html




O diván do pobo


     «A bondade alimenta tanto que acaba por matar definitivamente a fame, agasalla tanto que acaba por afogar, produce tamaña certeza e confianza que acaba por extinguir o sabor da aventura nas relacións, traéndolle o sabor do tedio. Ninguén ama apaixonadamente a alguén no universo das certezas. A paixón só se mantén onde, mesturada coas certezas, sobrevivan as incertezas. É verdade que incerteza de máis aterroriza e pode matar o amor. Mais incerteza de menos enfastía e pode matar o amor. Na vida, non todo se consigue exclusivamente por medio da bondade. Astucia, raciocinio rápido, desafío, son cousas que fan parte do universo mental de calquera vencedor... » Así pensaba responder Eduardo Mascarenhas na súa habitual columna dominical do xornal O Día a unha adolescente que, ao parecer, facía todo o que quería o seu mozo, pero era traizoada por el.
     Morto hai uns días con cincuenta e catro anos, o deputado federal carioca Eduardo Mascarenhas foi un dos psicanalistas brasileiros máis coñecidos nun país no que, polo menos con tanto éxito coma na Arxentina, interesan especialmente o tratamento psicanalítico e o estudio dos significados insconcientes que exercen un papel determinante sobre os sentimentos e o comportamento humanos. Comezou Mascarenhas tendo unha carreira profesional convencional, con clientela "VIP" no seu exclusivo consultorio de Ipanema, pero renunciou ao encastelamento, ao elitismo e aos altos custos das sesións e pasou a popularizar o saber psicanalítico nos medios de comunicación, causando unha gran polémica entre moitos dos seus colegas que non lle perdoaban as súas maneiras. Foi expulsado —e readmitido despois por unha sentencia xudicial— da Sociedade de Psicanálise de Río de Xaneiro por poñer en dúbida os altos custos das sesións e os criterios para admitir candidatos á formación psicanalítica; e por denunciar, ademais, a participación do médico Amílcar Lobo na tortura
de presos políticos durante a dictadura militar.
     Aínda que, como se sabe, para obter resultados positivos, o traballo analítico require un longo tempo —de anos— defendía todo tipo de contacto e abordaba con naturalidade e sinxeleza calquera tema, complexo ou non, nos xornais, nos libros de divulgación —como o famoso Emocións no diván de Mascarenhas (1985)—, e mesmo na televisión no programa chamado Interiores, no que facía "psicanálise doméstica" e tiña por decorado un escenario vermello simulando, dicía, o útero materno.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega