Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Un agoiro

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil015.html




Un agoiro


     As imaxes, tamén as que enchen os soños, resístense á insignificancia. En agosto do ano pasado no camiño que conduce de Río a Magé, nos fondos da baía de Guanabara, un bando de voitres negros de cabeza fea e núa, que aquí chaman urubús, daban conta dun cabalo morto á beira mesmo da autoestrada. Desde a xanela do autobús tíñase unha visión só fugaz do macabro festín —o animal xa desventrado, as aves sobre a prea—, o intre xusto para entender axiña as expresivas vocais do seu nome de orixe tupí.
     Daquel agoiro lembreime hai uns días cando un urubú deu contra o parabrisas dun Boeing 737 da compañía brasileira Varig que voaba a 1.300 metros de altitude. A nave debeu retornar ao aeroporto de Río por precaución, polas pequenas rachaduras que causou o choque no vidro, ademais de leves feridas ao copiloto. Calculan os entendidos que unha ave duns dous quilogramos de peso pode provocar un impacto de sete toneladas no encontro violento cun avión deste tipo que vai a 300 km por hora. Non é a primeira vez que acontece algo similar. Nos últimos oito meses houbo xa nove accidentes causados por estes voitres no aeroporto internacional e as autoridades están, como é lóxico, moi preocupadas.
     Os urubús son os donos da cabeceira da pista e non hai maneira de afastalos. Trouxeron un falcón inglés, tal e como se fixera no aeroporto londinense de Heathrow, e o resultado foi un completo fracaso, pois en pouco tempo xuntaron forzas os bichos e o pobre intruso
europeo fuxiu e debe andar aínda vagando asustado por estas para el estrañas terras do sur. A segunda tentativa consistiu en utilizar equipos de ultrasón con ruídos que imitaban a agonía dos paxaros. De novo gañaron a batalla e continúan batendo con forza as súas negras ás, afeitos xa ao barullo e ofrecendo un contrapunto ao brillo metálico das aeronaves. Mentres se busca outra solución, desbotada a radical de abatelos a tiros prohibida pola Lei de Protección Ambiental, un funcionario continuará coa súa rutina diaria de lanzar foguetes de mañá á tarde para espantalos.
     A orixe deste pesadelo é, ao parecer, o vertedeiro situado a oito quilómetros das pistas do aeroporto, onde se bota todo o lixo de Río e doutras cidades do estado, unhas oito mil toneladas diarias. Inaugurado no ano 1978 despois da construcción do aeroporto, ocupa unha superficie de 5,6 mil metros cadrados e os biólogos falan da existencia nel dunha colonia de dez mil urubús, case dous por metro cadrado. Todo un fabuloso exército apocalíptico disposto a entrar en combate calquera día destes...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega