Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Cerámica armada

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil016.html




Cerámica armada


     O metro de Río é cómodo, rápido e seguro, e permite evitar a calor, a violencia e o caos de tránsito frecuentes nas rúas da cidade. Os vagóns de ar acondicionado, en xeral limpos e ben iluminados, circulan de luns a sábado entre as 6 e as 23 horas por dúas liñas: a primeira segue coa súa curva a forma do litoral da baía e vai e vén unindo os principais lugares do centro; a segunda nace como un enxerto da anterior para se dirixir aos barrios máis pobres do norte. Quedan así desconectados deste medio de transporte, como ben saben todos os turistas, os populosos barrios e praias de mar aberto do sur: Copacabana, Ipanema, Leblón, Arpoador e Barra da Tijuca.
     «O metro está chegando», pode lerse nas táboas que cercan as permanentes obras, pero a aspiración a unha extensión do suburbano leva xa vintedous anos presente e parece non ter fin. Ademais da loita co complicado relevo, todo ese tempo está cheo de paralizacións inexplicables, de buracos abertos e fechados e, sobre todo, de millóns de dólares enterrados de maneira absurda. Un novo capítulo desta interminable historia coñecíase a semana pasada cando se anunciou un novo adiamento da apertura da estación da praza Cardeal Arcoverde en Copacabana, primeiro punto desa vital prolongación, e de novos quilómetros e estacións. Ademais, vista a firme intención do goberno estatal de «diminuír custos» para privatizar a compañía, o sindicato de metroviarios convocou unha folga de advertencia de 24 horas o pasado día 15 que afectou a máis de trescentos mil pasaxeiros e pode repetirse esta semana indefinidamente. Figuran nas reivindicacións un aumento de salario, a reducción da xornada laboral a 40 horas e «a asistencia sanitaria e odontolóxica».
     Testemuñas caladas da asemblea de traballadores foron as fermosas instalacións do centro de mantenemento do metro, utilizadas para abrigo e reparación de trens e levantadas nos anos setenta seguindo os deseños do Eladio Dieste, un enxeñeiro de gran prestixio internacional, uruguaio de nacemento e medio galego, sobriño do escritor rianxeiro Rafael, a quen puido coñecer no exilio. Unha exposición itinerante, agora en Sevilla, permite contemplar a súa magnífica obra. Entre as invencións de Dieste, que son moitas, catívannos as marabillosas bóvedas de dobre curvatura —como estas que fixo aquí en Río, no país da súa avoa— realizadas co que el chama, e así o patentou, "cerámica armada". Aproveitando unha sinxela combinación de materiais (ladrillo, morteiro e ferro) consegue facer voar con técnica e imaxinación esas grandes estructuras laminares que, como rítmicas ondas, cobren os hangares e constitúen unnha exemplar e económica mestura de progreso e ilusión para os países subdesenvolvidos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega