Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A selva de pedra

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil017.html




A selva de pedra


     Chámase Thini-â, que na súa lingua quere dicir "estrela", e saíu no comezo do ano da súa tribo pataxó dos fulnió, un pobo que ten como centro xeográfico a cidade de Aguas Belas en Pernambuco, no nordeste. As aproximadamente tres mil persoas que o compoñen habitan 420 lotes de terra, distribuídos en 1926. Thini-â desembarcou este mes de maio na Estación Central de Río e a súa presencia, coas pinturas de guerra na cara, provocou todo tipo de reaccións.
     «¿Vén vingar ao indio queimado?», preguntouse moita xente, aínda conmocionada polo acontecido en Brasilia na madrugada do pasado 20 de abril. Ese día cinco rapaces, un deles menor de idade, prendérolle lume ao corpo dun indio da tribo pataxó hã-hã-hãe, dunha aldea do sur de Bahía, mentres durmía ao abrigo dunha parada de autobús, despois de participar na festa oficial do Día do Indio e na marcha do movemento dos Sem Terra. Galdino Jesús dos Santos, ese era o seu nome, viñera á cidade para reclamar a devolución das terras do seu pobo e ardeu coma se fose un boneco, un espantallo na noite estraña da Capital Federal.
     Segundo a Fundación Nacional do Indio (FUNAI), esgotados os prazos establecidos pola vixente Constitución de 1988, que prevía a demarcación das terras indíxenas antes de outubro de 1993, tan só foron delimitadas pouco máis da metade e as restantes continúan invadidas por facendeiros, madeireiros ou garimpeiros. Hai uns anos un irmán de Galdino tamén morreu tráxicamente asasinado, daquela por uns facendeiros.
     Os agresores de Galdino, entre eles o fillo dun xuíz federal, foron detidos e están pendentes do veredicto da Xustiza que se espera sexa exemplar, pois foi estimado como un crime "hediondo". Ás voces que esixen para este caso todo o rigor da lei, sumouse a do presidente Fernando Henrique Cardoso, moi preocupado ademais polo dano para a imaxe do país na opinión pública internacional.
     Aquí en Río, Thini-â continúa o seu singular percorrido iniciado en xaneiro e visita as escolas onde se presenta disposto a explicar a quen o escoite a historia e forma de vida dos fulnió e falar da súa curta experiencia na cidade grande. Entrevistado a semana pasada polo xornal O Día, declarou que «tiña máis medo da selva de pedra que da floresta». Ultimamente adoita aparecer nunha parada de autobús de Botafogo cantando docemente os versos de Caetano Veloso: «Um indio descerá de uma estrela colorida brilhante / E pousará no coração da América num claro instante / E aquilo que nese momento se revelará aos povos surpreenderá a todos... »

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega