Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Unha odisea

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil018.html




Unha odisea


     Convencidos por un tal Ryu Mizuno da idea, saíron cargados de sementes, apeiros de labranza e a ilusión de facer fortuna para regresar despois á súa terra e vivir tranquilamente o resto dos seus días. Eran 781 e desembarcaron do navío Kasato Maru no porto de Santos (São Paulo) o día 18 de xuño de 1908. Falo dos primeiros inmigrantes xaponeses no Brasil, o berce da actual e dinámica colonia: un millón trescentas mil persoas que despuntan en todos os sectores da sociedade, formando parte xa moi característica da paisaxe humana brasileira, por manteren aínda con forza moitas das súas tradicións.
     Para festexar esta epopea chegaron o sábado pasado a Brasil en visita oficial os emperadores do Xapón Akihito e Michiko que percorrerán o país durante nove días. Iniciaron o seu periplo no norte pola cidade de Belém de Pará, preto do Ecuador, onde hai unha comunidade nipo-brasileira de case dez mil persoas, a terceira despois das existentes nos estados de Paraná e, sobre todo, São Paulo, a máis florecente, co 75% do total. Os emperadores repiten o xesto como se fose un rito dos seu rico cerimonial, pois xa viñeron dúas veces antes, en 1967 e 1978, daquela como príncipes herdeiros, e sempre para agradecer, en nome do Estado xaponés, a boa acollida que tiveran aquí os súbditos dos seus devanceiros e estreitar máis os lazos entre os dous países.
     En Río, a etapa final da súa visita, entregaráselles un exemplar da recente reedición dun dos libros máis curiosos escritos sobre o Xapón, publicado en 1903 polo diplomatico Oliveira Lima, un encargado de negocios do Goberno brasileiro que botou alí vinteún meses e recolleu as súas «impresións da terra e da xente» —con opinións ás veces premonitorias—, cando o país comezara a se modernizar e abrir ao exterior.
     Xa desde o primeiro día, os monarcas foron agasallados con pratos tradicionais da cociña brasileira, en especial de peixe, do que o emperador Akihito, como todos os xaponeses, é un entusiasta consumidor, ademais dun estudioso que ten publicados varios traballos na Revista Ictiolóxica do Xapón e un libro sobre Os peixes do arquipélago xaponé . Pero non resultaría moi difícil contentalo ofrecéndolle os pratos típicos da cociña xaponesa pois a súa crecente expansión nas cidades brasileiras constitúe o maior fenómeno gastronómico ocorrido no país nos últimos anos.
     Claro que as modas que triunfan con tanta forza, como esta dos restaurantes xaponeses, traen tamén pequenos desaxustes e inconvenientes. Cómpre aprender rapidamente as regras básicas da etiqueta se non se quere facer o ridículo perante os iniciados, sobre todo cando un non ten a habilidade para manexar ben os hashi (palillos) e non ten máis remedio que pedir cubertos para os rolos de sushi ou utilizar disimuladamente a toalliña húmida para limpar a salsa shoyo que se derramou na mesa e non, como está establecido, para secar o suor —lóxico, ¡é tanto o esforzo!— das mans, da fronte e do pescozo.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega