Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Terra encantada

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil020.html




Terra encantada


     Acaba de sair do prelo o libro do xornalista Jorge Leão Teixeira e do arquitecto Flavio Ferreira sobre Raymundo de Paula Soares (1926-1992), un enxeñeiro nacido en Porto Alegre (Río Grande do Sul) que chegou con vintetrés anos a Río, cando aínda era capital federal, e deixou a súa marca nalgúns dos puntos máis emblemáticos da cidade, sobre todo da súa orla marítima.
     Nomeado Secretario de Obras en 1966, estreouse nos primeiros días da súa xestión cos labores de reconstrucción —e de prevención— realizados tralas grandes inundacións sufridas ese ano. Posteriormente, e coa vella teima carioca de lle gañar terreos ao mar, participou no equipo que concluíu ese espacio de lecer que é o Aterro do Flamengo e fixo ampliar a praia de Copacabana co paseo de xeométricas ondas de pedras brancas e negras de fama mundial. Pero entre as súas intervencións máis destacadas apréciase agora de maneira especial a conquista para o Río da hoxe emerxente Barra da Tijuca.
     Chamou Raymundo de Paula Soares ao autor do debuxo de Brasilia, o famoso urbanista Lucio Costa, para elaborar o plano piloto de ocupación daquelas terras do sur tan distantes do centro urbano. Comprendida entre o mar aberto e os macizos da Tijuca e da Pedra Branca, a gran planicie mantivérase virxe case catrocentos anos: longas e desertas praias, coas areas batidas polo vento, que facía e desfacía pequenas dunas, e moitas lagoas interligadas, augas paradas onde abundaban os mosquitos e grandes e vistosas aves acuáticas.
     A transformación da paisaxe nos últimos anos foi brutal. Erguéronse numerosas torres de apartamentos como xigantescos cogumelos do progreso xunto a vivendas unifamiliares de luxo. Provocouse unha inmigración masiva e os máis ricos atoparon aquí un refuxio para os seus exclusivos condominios residenciais, onde prima a seguridade. Impúxose, pois, como noutros lugares do mundo, un urbanismo sen rúas nin prazas (quen non se mova en coche resulta sospeitoso), no que a vida cidadá resérvase para os flamantes "shopingcenters" (así, en inglés). Aínda queda, afortunadamente, o longuísimo paseo á beira da praia salpicado de barracas onde beber a sempre refrescante auga de coco verde.
     A Barra da Tijuca terá axiña —unha moda estúpida—, a maior concentración de parques temáticos e de diversión do país. Nestes días a prensa e a televisión anuncian xa para outubro a inauguración do primeiro deles, o chamado Terra Encantada, que toma como modelo o de Orlando en Florida. Para os seus promotores, unha visita ás atraccións do parque será "unha viaxe por un Brasil lúdico, irreverente e cheo de humor". Nese mundo encantado, moi politically correct, os animais protagonistas serán espécímes en perigo de extinción da fauna brasileira e os personaxes humanos tres nenos —un branco, un negro e unha india— que pretenden revelar a "alma brasileira".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega