Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

No Río

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil002.html




No Río


     Contáballes aos seus sobriños Joaquín Pereira, nacido na parroquia do Divino Salvador de Saiáns de Moraña, que cando chegou nun barco procedente de Vigo á embocadura da baía de Guanabara, moitos dos emigrantes que con el viaxaban mareáronse —suponse que polo bambeo do paquebote—, pero que el se mantivo moi digno en pé e deulle por rasurar a barba antes de desembarcar e emprender a súa aventura americana.
     Hai que recoñecer a solemnidade do xesto. Río de Xaneiro é, pola exuberante paisaxe en que se encontra, unha desas cidades nas que parece un pecado non chegar a ela desde o mar. Nada que ver co balbordo do aeroporto internacional do Galeão na inmensa Ilha do Governador, un portaavións natural fondeado na baía e conectado por unha autoestrada co corazón da urbe. Esta arteria —a linha vermelha— que a miúdo discorre entre favelas, achégase a outra illa próxima e de menor tamaño, a do Fundão, que espera acoller no ano 2004 a vila olímpica. O soño olímpico. Ese é o proxecto no que teñen depositadas as súas esperanzas moitos dos cariocas para este novo ano. Saben que conseguilo supoñe quizais a tan desexada rexeneración económica, social e urbana que precisa unha cidade moi castigada nos últimos tempos por diversas pragas, como parece encarnar a figura asaeteada do seu santo patrón San Sebastián.
     Compite Río con cidades como Buenos Aires e Cidade do Cabo, rivais directas no hemisferio sur, San Juan de Puerto Rico no mesmo continente, e europeas como Estocolmo, Atenas, Lille, Roma, San Petersburgo e a propia Sevilla. De entre todas elas coñeceranse axiña
as catro ou cinco finalistas. Pero se polo logotipo presentado como candidatas dependese, Río levaría, sen dúbida, o triunfo pola elegancia e desenfado gráfico do deseño, concibido no estudio de Glaucia Campelo e Suzana Fonseca. Entre as cinco cintas que ten pintadas coas cores olímpicas, moi sinuosas e festivas que recordan os típicos exercicios da ximnasia rítmica, pódese recoñecer sen dificultade a baía de Guanabara en azul, no primeiro plano, e, en verde, a silueta do xigante pétreo que vixía a súa entrada: O Pão de Açúcar.
     O Pão de Açúcar de cada día..., escoito cantar a João Bosco no tocadiscos.



Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega