Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Caprichos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil003.html




Caprichos


     Aínda que moi coñecidos, os gravados de Goya non deixan de asombrar. Unha selección deles, das series Caprichos, Desastres da Guerra, Disparates e Tauromaquia, presentada con gran éxito na última Bienal de São Paulo, exponse agora e ata o final de febreiro no Museu de Arte Moderna de Río de Xaneiro.
     Cando en 1799 foron publicados por vez primeira en España as estampas dos Caprichos —negro sobre branco a fantasía, o soño e o pensamento crítico— Brasil seguía a ser aínda unha próspera colonia portuguesa; en 1828, cando morre Goya no exilio de Bordeos, era xa un reino independente, despois de atravesar unha das etapas máis convulsas da súa historia, na que, polo azar do destino, Río de Xaneiro chegou mesmo a se converter por algún tempo na capital portuguesa, refuxio último para as dez mil persoas, contando aos reis, nobres e funcionarios, que abandonaran a península ibérica fuxindo precisamente da ameaza napoleónica.
     Os gravados de Goya posúen unha forza expresiva que lles confire valor universal, tamén no Río tantas veces supersticioso e violento, e honran a este desgraciado Museu, do que a súa colección permanente foi destruída por un incendio seguramente intencionado en xullo de 1978. Viuse condenado, pois, a vivir das exposicións temporais. Monumento por si mesmo, o fermoso edificio foi levantado nos anos da euforia económica por Afonso Reidy no Aterro do Flamengo gañado ao mar e convertido hoxe nun dos parques favoritos dos cariocas. O seu corpo horizontal, transparente e exquisito, pendúrase da cuberta como se temese tocar terra, a penas sostido por un esqueleto de grandes pórticos de formigón armado.
     Atraído pola súa extraña e moderna beleza, achegouse aquí unha mañá de marzo de 1960 Manuel Rieiro Romar, un emigrante de dezaoito anos nacido na aldea de Buxán de Cícere, en Santa Comba, quen tiña cruzado o Atlántico no barco Louis Lumière un pouco por necesidade económica e outro para se safar do servicio militar. O rastro de lama que deixou no pavimento desde a entrada do Museu ata a cafetería, onde ofrecían café gratis, alertou ao porteiro, pero valeulle para se dar a coñecer e conseguir colaborar na montaxe das coleccións. Sería o seu primeiro traballo nas Américas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega