Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Sinais do ceo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil022.html




Sinais do ceo


     A Quinta da Boa Vista, unha mansión que serviu de residencia da familia imperial brasileira no século XIX, alberga hoxe un dos museos de ciencias naturais máis importantes de Suramérica. No seu vestíbulo exhíbese como unha das maiores atraccións un enorme meteorito de máis de cinco toneladas de peso encontrado en 1888 no estado de Bahía. No pasado mes de abril dous norteamericanos enviaron un fax ao Museo interesándose pola compra de varios meteoritos de menor tamaño que, xunto con aquel, tamén forman parte da colección. Por suposto, non se lles respondeu.
     Un mes máis tarde Ronald Edward Farrel e Frederick Marselli, que así se chamaban, presentáronse no Museo dispostos a negociar —mesmo suxerindo un suborno— sobre tres meteoritos de moita rareza e fermosura que parecían coñecer ben: un que foi do emperador, chamado Angra dos Reis polo nome da localidade costeira do sur de Río de Xaneiro onde caeu no século pasado, e dous fragmentos doutro caído en 1923 en Pernambuco.
     Despois de moita leria con eles, Elizabeth Zucolotto, unha profesora da Universidade Federal adxunta ao Museo, conseguiu que desistisen das súas impertinentes pretensións e ofreceuse para levalos ao aeroporto. De volta para o traballo, e xa algo desconfiada, constatou que os meteoritos foran substituídos, seguramente nun descoido, por outras pedras semellantes. Avisada a dirección do Museo, actuou con rapidez a Policía Federal que logrou deter os ladróns, pouco antes de que despegara o avión, e recuperar os meteoritos dunha caixa de zapatos da súa equipaxe.
     A Policía Federal pediu axuda ao Interpol para averiguar se os dous acusados forman parte dunha banda internacional especializada en roubar cousas deste xénero nos museos do Terceiro Mundo. De feito, os seus pasaportes reflicten entradas e saídas a países como Namibia ou Tanzania e no momento da detención levaban outros dezaseis fragmentos de meteoritos de procedencia descoñecida.
     A dirección do Museo quedou como depositaria destas pezas durante as investigacións e vai pedir que sexan doadas á institución, caso de non apareceren os donos. Estase pensando, ademais, na posibilidade de expoñer temporalmente todos os exemplares envoltos no asunto aproveitando o interese despertado despois do furto.
     "Nós acabamos sendo unha pedra no zapato deles", díxolle con moito humor á prensa a profesora Elizabeth Zucolotto, feliz despois de ter evitado a saída dos meteoritos e superar o medo que pasou de perder o seu emprego. (Uns días máis tarde, no I Encontro Nacional do Solsticio, reuníronse os principais astrólogos de Brasil coa intención de probar que a astroloxía é unha ciencia moi antiga e moi seria e que o destino dos homes está escrito nos astros).

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega