Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Bichos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil023.html




Bichos


     Ás 12,30 da mañá do pasado 27 de xuño un Vectra "viño tinto" comezou a ser perseguido en Botafogo por un Kadett negro. Interceptado nunha rúa á beira da lagoa Rodrigo de Freitas, alí mesmo, a plena luz do día e con decenas de testemuñas, dous pistoleiros profesionais, "un branco e un mulato", asasinaron de oito tiros ao economista Marcio Molinaro.
     Os crimes deste tipo veñen acontecendo con frecuencia desde abril, o que levou a Marcello Alencar, o gobernador do estado de Río, a declarar que a única solución para evitar que se repita na cidade a violencia dos anos oitenta —ou a dos anos vinte de Chicago— é legalizar dunha vez o chamado "xogo do bicho", a institución ilegal de maior credibilidade no país, con máis de cen anos de tradición.
     O barón de Drummond, fundador do Xardín Zoolóxico, organizou en 1893 unha lotería popular, de modo que cada visitante recibía coa entrada ao recinto a indicación dun animal (un elefante, unha cebra, unha pantera, un oso...). Todas as tardes expoñíase na porta do xardín un cartel coa imaxe do bicho vencedor no sorteo dese día. Foi un éxito. Co atractivo cebo dos premios foron aumentando o número de visitantes e, por suposto, os beneficios. Pasado un tempo, as apostas e os bichos saíron do zoo para invadir toda a cidade.
     O popular e ilegal xogo, máis ou menos tolerado, deu pé ao nacemento dunha poderosa mafia que nos últimos tempos, malia a prisión de moitos dos capos decretada en 1993 pola valente xuíz Denise Frossard, mantense aínda forte. O asasinato de Molinario é unha mostra máis dos enfrontamentos das familias polo control do xogo.
     Todo comenzou no pasado abril co falecemento por un infarto do capo Raúl Correa de Melo, o Raúl Capitão, o que provocou unha encarnizada disputa pola herdanza dos seus negocios entre os seus colaboradores máis próximos e os parentes que, segundo a tradición
non escrita da cúpula mafiosa, serían herdeiros naturais. A conquista do territorio —está na literatura e no cine máis negros— sempre significa guerra. Ao parecer Marcio Molinario, un ex-empregado do Banco do Brasil, conseguiu do seu xefe, daquela moi enfermo do mal de Parkinson, os máis importantes puntos de venda do bicho, nas rúas do centro e na Ilha do Governador, gracias á axuda de Suelly Correa, a filla adoptiva do Raul Capitão.
     A súa media-irmá máis nova, Katia, condenada xa a 17 anos por asasinato, é a principal sospeitosa de ordenar o crime. Insatisfeita con ese acordo intentaría recuperar os puntos de venda do seu pai; pero tamén os do seu irmán, Marco Aurelio, o primoxénito asasinado en 1988. Contaría para iso coa colaboración da súa cuñada e viúva Miriam Nascimento que velaría polos dereitos dos seus fillos máis novos, Marquinhos, Areta e Raúl...

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega